Abás I o Grande

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Abás I o Grande
ShahAbbasPortraitFromItalianPainter.jpg
Nacemento27 de xaneiro de 1571
 Herat
Falecemento19 de xaneiro de 1629
 Mazandaran
SoterradoKashan
NacionalidadeImpério Safávida
RelixiónXiísmo
Ocupaciónpolítico
PaiMohammed Khodabanda
NaiCair Niça Begum
FillosMohammad Baqer Mirza
IrmánsHamza Mirza
editar datos en Wikidata ]

Xa ‘Abbās I o Grande (en persa: شاه عباس بزرگ: persa: شاه عباس بزرگ ), máis coñecido como Abás o Grande, nado en Herat o 27 de xaneiro de 1571 e finado en Mazandaran o 19 de xaneiro de 1629, foi xa de Irán dende 1588 até a súa morte, e o máis eminente gobernante da dinastía safávida.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Abás naceu como terceiro fillo do xa Muhammad Khodabandah[1] nun Imperio safávida que se debilitou sensiblemente durante o reinado do seu pai, que permitira usurpacións e a formación de feudos internos por parte dos emires Qizilbash, líderes das tribos turcomanas que constituían o esqueleto do exército safávida. Ademais, as incursións de otománs e uzbekos arrasaban as provincias do oeste e o leste. No medio desta anarquía xeral, Abbás foi proclamado gobernador de Khorasán en 1581.

Ascensión ao trono e guerra contra os uzbekos[editar | editar a fonte]

Xa Abás, rei dos persas. Ilustración de Dominicus Custos, da súa obra: Atrium heroicum Caesarum pub. 1600-1602.

En outubro de 1588[2][3] obtivo o trono de Persia tras rebelarse contra o seu pai Muhammad e encarceralo, o que conseguiu coa axuda de Morshed Gholi Ostajlou, a quen asasinou en xullo do ano seguinte. Determinado a elevarse sobre o infortunio do seu país, asinou a paz por separado cos otománs (1589-1590), incluíndo nela a cesión de amplas áreas do oeste e noroeste de Persia, pero, ao mesmo tempo, dirixiu os seus esforzos contra a marea depredadora dos uzbekos, que entón ocupaban e saqueaban Khorasán. A pesar diso, Abás necesitou case dez anos antes de poder lanzarse nunha ofensiva definitiva. Este atraso estivo causado pola súa decisión de formar un exército permanente.

A cabalaría do exército safávida, ao contrario que a cabalaría tribal Qizilbash de leva de tempos anteriores, estaba composta principalmente por cristiáns xeorxianos e armenios e polos descendentes dos prisioneiros circasianos. Os corpos de infantaría do exército estaban formados por campesiños.

Os problemas orzamentarios resolvéronse devolvendo ao xa o control das provincias gobernadas polos xefes Qizilbash, e enviando os ingresos das mesmas directamente ao tesouro real. Nestas provincias nomeáronse como novos gobernadores os Ghulāms.

Tras unha longa e complicada loita, Abás reconquistou Mashhad, derrotando os uzbekos nunha gran batalla preto de Herat, en 1597, que lles expulsou até o río Oxus. Mentres tanto, tomando vantaxe da morte do tsar Iván o Terrible en 1584, apropiouse das provincias ao sur do mar Caspio, que dependeran de Rusia até ese momento.

Entón trasladou o seu capital desde Qazvin á máis céntrica e máis persa Isfahán en 1592, embelecendo esta última cunha magnífica serie de novas mesquitas, baños, universidades e caravansarai, o que a converteu nunha das máis belas cidades do mundo.

Guerra contra os otománs e conquista do golfo Pérsico[editar | editar a fonte]

O xa Abás e un paxe. A dedicatoria di: "Oxalá a vida che conceda todo o que os teus beizos desexen dos teus amantes, do río e da copa". Témpera e dourado; Muhammad Qasim, 1627; Museo do Louvre, París.

Algúns anos máis tarde, en 1599, o cabaleiro inglés mercenario Robert Shirley e o ghulam favorito do xa, Allahverdi Khan dirixiron unha reforma en profundidade do exército. A introdución masiva de mosquetes e artillaría significaron un grande avance sobre os antigos tempos. Con este novo exército, Abás lanzou unha campaña contra os otománs en 1602. No seguinte ano obtivo a súa primeira vitoria, que forzou o inimigo a devolver o territorio do que se apropiara, incluíndo Bagdad. En 1605, trala vitoria de Basora, estendeu o seu imperio máis aló do Éufrates. Tamén obrigou o sultán Ahmed I a cederlle Shirvan e o Kurdistán en 1611. As hostilidades cesaron en 1614, cun exército persa que se atopaba en pleno apoxeo.

En 1615, Abás asasinou máis de 60 000 xeorxianos e deportou máis de 100 000 deles en Tbilisi tras unha rebelión. En 1618 derrotou por completo os exércitos combinados dos turcos e os tártaros preto de Sultanieh, conseguindo unha paz en termos moi favorables para Persia. Bagdad caeu nas súas mans tras un ano de asedio en 1623. Co apoio da frota británica, Abás tomou a illa de Ormuz de mans dos portugueses. Gran parte do comercio foi desviado cara á cidade de Bandar Abbas, conquistada aos portugueses en 1615, e renomeada así en honra do xa.

Por estes motivos, o golfo Pérsico abriuse a un florecente comercio coas frotas mercantes do imperio español, o Sacro Imperio, Francia e Inglaterra, que gozaban de privilexios especiais. Os axentes que trataban cos occidentais foron maioritariamente de nacionalidade armenia. O comercio e as viaxes experimentaron un forte impulso por todo o Imperio.

Tempos de reforma[editar | editar a fonte]

O reinado de Abás, cos seus éxitos militares e o seu eficiente sistema administrativo, elevou a Irán ao status de gran potencia. Abás foi un diplomático experimentado, tolerante cos seus súbditos cristiáns de Armenia. Enviou a Robert Shirley a Italia, España e Inglaterra co propósito de crear un pacto contra os otománs. Aliado con España, atacou por terra os turcos mentres Álvaro de Bazán, ao mando das galeras de Nápoles, saqueaba os portos de Zante, Patmos e Durazzo.

Desconfiando da unha vez dominante clase dos Qizilbash, Abás logrou un forte apoio das clases populares. As fontes contan que investiu moito do seu tempo con eles, visitando persoalmente os bazares e outros lugares públicos de Isfahán. A capital converteuse no centro do progreso arquitectónico safávida, coa Mesquita Real, o oratorio do sheij Lotfolá e outros monumentos como o palacio de Alí Gapú, o de Chehel Sotún e a praza de Naqsh-e Yahán. Os seus pintores sobre tea (da escola de Isfahán, fundada co seu padroado) crearon algunhas das máis exquisitas obras da historia da arte da Persia moderna, con pintores tan ilustres como Reza Abbasi, Mohammed Qasim e outros.

A pesar das raíces ascéticas da dinastía safávida e das inxerencias relixiosas que restrinxían os praceres e sometían a lei á fe, a arte da época de Abbás denota unha certa relaxación das estruturas. O historiador James Saslow interpreta dese modo o retrato de Muhammad Qasim, que burla o tabú musulmán contra o viño así como contra a intimidade de dous homes. Tamén os observadores contemporáneos na corte do xa informaron da persistencia de costumes similares. Entre estes, Thomas Herbert, secretario do embaixador británico, de dezanove anos, quen relatou ver "raparigos vestidos de ouro con ricos turbantes e sandalias, con louros cabelos caendo sobre os seus ombreiros e pómulos maquillados de vermellón".

Abás morreu en Mazandaran en 1629. Os seus dominios estendíanse dende o Tigris ata a ribeira do Indo, sempre superando as fronteiras persas dos tempos preislámicos. Aínda hoxe é unha figura moi popular en Irán, aparecendo en numerosos contos tradicionais. A súa fama atópase turbada, con todo, polas numerosas denuncias de tiranía e crueldade, especialmente contra a súa propia familia. Medorento dun golpe de estado protagonizado por algún familiar (como o que el mesmo protagonizou contra o seu propio pai), encerrou a súa familia dentro dos palacios para mantelos afastados do contacto co mundo exterior. Isto deu como resultado uns sucesores débiles. Abás asasinou o seu fillo maior, Safi Mirza, deixando no trono a seu neto Safi. Crese que Safi Mirza foi asasinado porque o xa lera a historia do rei Absolom, quen se rebelou contra o seu propio pai, como se describe nas ilustracións da Biblia de Morgan Crusader, que lle foi enviada como agasallo polo cardeal Maciejowski en 1604.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Thorne 1984, p. 1
  2. Savory 1980, p. 75
  3. Blow 2009, p. 30

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • H. Nahavandi, Y. Bomati, Shah Abbas, empereur de Perse (1587-1629), ed. Perrin, París, 1998.
  • The Persian Encyclopedia. Entradas sobre Abbás I de los Safávidas e Mohammad de los Safávidas.
  • Encyclopedia of World Biography

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]