Valentín González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Valentín González
Nome completoValentín González
Alcumes(s)"El Campesino"
"O Campesiño"
Nacemento4 de novembro de 1904
Defunción20 de outubro de 1983
Fidelidade República Española
Unión Soviética Unión Soviética
Rama Exército Popular da República
Exército Vermello
RangoTenente coronel
Mandos
Batallas/GuerrasGuerra do Rif
Guerra civil española
Batalla da Estrada da Coruña
Batalla do Jarama
Batalla de Guadalajara
Batalla de Brunete
Batalla de Belchite
Batalla de Teruel
Defensa de Lleida

Valentín González González, popularmente coñecido como El Campesino (O Campesiño), nado en Malcocinado o 4 de novembro de 1904 e finado en Madrid o 20 de outubro de 1983, foi un militar comunista español que tivo unha participación destacada na guerra civil española á fronte de varias unidades do exército republicano.

Biografía[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Valentín González González naceu no ano 1904 na localidade pacense de Malcocinado, nunha das rexións máis pobres de España a principios do século XX. O seu pai era un xornaleiro anarquista, militante da Confederación Nacional do Traballo (CNT), que foi executado mediante garrote vil xunto á súa filla polos sublevados en 1937.

Apenas asistiu á escola durante a súa infancia, necesitando a súa familia do seu traballo como xornaleiro ou arrieiro. Ao redor de oito anos de idade, a súa familia mudouse ao norte da provincia de Córdoba para traballar nas minas da zona e Valentín González puido alternar o traballo coa escola. Foi entón cando descubriu a figura de Juan Martín Díez "el Empecinado" (heroe da Guerra da Independencia fronte ás tropas napoleónicas, e posteriormente aforcado polo réxime reaccionario de Fernando VII) polo que sentiu unha especial admiración.

Neste momento protagonizou varios enfrontamentos coa aplicación da lei, en particular coa Garda Civil, e gañou o seu alcume El Campesino despois do seu primeiro ataque (aos 16 anos) contra a comisaría de Peñarroya-Pueblonuevo. No ataque morreron catro gardas civís e González foi obrigado a agocharse nas montañas xunto ao seu compañeiro El Virulente. Finalmente foron capturados, encarcerados e torturados, logrando que o primeiro sobrevivise, aínda que o seu compañeiro faleceu na prisión de Fuente Obejuna.[Cómpre referencia]

Ao acadar a maioría de idade, foi destinado ao exército de África, sumido na guerra do Rif. Ingresou na Armada pero, tras un accidente de barco no porto de Larache, foi reasignado á Lexión Española, o que foi para el unha excelente escola de guerra e en formación de guerrillas. Foi encarcerado por matar a un sarxento que lle dera unha labazada, escapou da prisión e desertou ás tropas rifeñas de Abd el-Krim.[Cómpre referencia] Foi capturado de novo e só evitou a pena de fusilamento grazas á amnistía de 1926, con motivo do fin do conflito.

Durante 1929 viaxou por Andalucía, Castela e Extremadura, co obxectivo de mobilizar politicamente aos seus habitantes. En 1930 abandonou a CNT e incorporouse ao Partido Comunista de España (PCE), emigrando tamén a Madrid para traballar como albanel por conta propia á cabeza dunha pequena cuadrilla.

Tras a proclamación da Segunda República continuou a súa actividade política dentro do PCE, na que gozou de popularidade entre os seus aínda poucos militantes. Formou unha milicia, á que adestraba no manexo de armas e tácticas de combate co obxectivo de repetir en Madrid a Revolución de Asturias de 1934. Fracasado o intento, foi internado na prisión Modelo de Madrid, onde entrou en contacto con varios líderes republicanos. Beneficiado da amnistía tras as eleccións xerais de 1936, seguiu formando unha unidade de milicianos coa que, unha vez que se produciu o golpe de estado do 18 de xullo, se adheriu aos defensores da República.

Guerra civil española[editar | editar a fonte]

Antes da guerra coñéceselle un matrimonio tardío do que naceron tres fillos, pero perdeu o contacto con eles durante a guerra civil e deunos por mortos. Durante o conflito, foi encadrado no Quinto Rexemento, e máis tarde exerceu o mando da 10ª Brigada Mixta e da 46 ª División, participando e sendo ferido nas batallas de Guadalaxara, Brunete e Belchite. Gañou notoriedade nas filas republicanas,[1] aínda que recibiu acusacións de brutalidade cos seus subordinados e prisioneiros e incluso os seus superiores (como Líster ou Modesto) tomábano por covarde e fanfarrón.[2][3] Nos últimos momentos da batalla de Teruel, cando a caída da capital turolense ante os rebeldes parecía próxima, abandonou a cidade durante a noite sen opoñer maior resistencia, polo que non foron poucas as críticas por parte dos seus camaradas.[4] Os seus subordinados quedaron, tras a captura de Teruel polas forzas franquistas, dispersados e desarmados polos camiños, deixando atrás aos feridos no transcurso da retirada imposta por El Campesino, o que provocou que máis de 400 soldados foran feitos prisioneiros polo inimigo.[5] Valentín González reaccionou acusando a Modesto e Líster de abandonalo á súa sorte en Teruel, recibindo en resposta unha acusación por parte de Líster de se ter desviado do campo de batalla e abandonado aos seus homes.[6]

Tras este desastre, a finais de marzo de 1938 volveu coa súa división á fronte de Aragón, dirixindo a defensa de Lleida. Aínda que non puido evitar que a cidade sucumbira tamén, a súa división logrou atrasar o avance franquista e polo seu bo comportamento no combate foi condecorado.[7]

Estaba previsto que participase como tenente coronel ao mando da 46ª División na batalla do Ebro, pero foi destituído o 26 de xullo, unha vez que comezou a ofensiva pola que o exército de Ebro cruzou o río por doce puntos diferentes.[8] Aínda que argumentou estar enfermo, o seu superior Líster visitouno no seu posto de mando, e dixo despois que ao Campesiño só lle entrara un ataque de pánico ante a idea de atravesar o río. Polo tanto, foi relevado do mando e substituído por Domiciano Leal á fronte da división.[8] Coa destitución, tamén rematou a súa actividade militar durante a República.

Período no exilio[editar | editar a fonte]

Ao finalizar a guerra en 1939, escapou nun barco cara á Unión Soviética e entrou na Escola Superior de Guerra co rango de сombrig (comandante de brigada).[9] Tras problemas de diversas clases coas autoridades soviéticas, intentou fuxir da URSS a Irán, pero o SMERSH devolveuno ao primeiro país, polo que foi internado no campo de traballo do Gulag en Vorkutá (República de Komi).[10] Finalmente logrou escapar da URSS en 1949 pola fronteira irania para vivir no exilio en Francia, aínda que é posible que inicialmente marchase por encargo dos servizos secretos soviéticos.[9][11] Sexa como fose, pronto comezou a pronunciar alegacións anti-stalinistas.

Puido regresar a España en 1977, declarándose partidario do Partido Socialista Obreiro Español e mostrando o seu apoio a Felipe González. Tamén descubriu que a súa muller e os seus fillos, aos que considerara mortos facía décadas, seguían vivos. Morreu en Madrid en 1983.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Vida y muerte en la URSS (1939–1949) (autobiografía) (1950).
  • Comunista en Espaňa y antiestalinista en la URSS (1952).
  • Yo escogí la esclavitud (Plaza & Janés, 1976).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ao seu enaltecemento contribuíu de maneira importante o poema dedicado por Miguel Hernández, quen se alistara como voluntario no Quinto Rexemento.
  2. Enrique Líster: Nuestra guerra, Editions de la Livrairie du Globe, París, 1966.
  3. Juan Modesto: Soy del Quinto Regimiento.
  4. Puell, Fernando & A. Puerta, Justo: Atlas de la Guerra Civil Española, Editorial Síntesis, Madrid, 2007.
  5. De Miguel; Sánchez. "Batalla de Teruel". Historia ilustrada de la guerra civil española. Alcobendas: Editorial LIBSA. ISBN 84-662-1387-2. 
  6. Enrique Líster en: Nuestra Guerra, p.301
  7. La Batalla de Lleida (1938)
  8. 8,0 8,1 De Miguel; Sánchez. Historia ilustrada de la guerra civil española. Alcobendas: Editorial LIBSA. ISBN 84-662-1387-2. 
  9. 9,0 9,1 Сергей НЕХАМКИН, «Бородатый Кампесино к нам пожаловал опять!», Izvestia, 26/03/04 (en ruso).
  10. El Campesino, Life and Death in Soviet Russia por Valentín González e Julian Gorkin, traducido por Ilsa Barea, N.Y., 1952.
  11. Тхоржевский, Открыть окно. Воспоминания и попутные записи, СПб, 2002 г. ISBN 5-89329-456-4 (en ruso).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • T HOMAS, Hugh (1976). La Guerra Civil Española . Ed. Grijalbo, Barcelona. ISBN 84-253-2767-9 .
  • Salas Larrazábal, Ramón (2006). Historia del Ejército Popular de la República, La Esfera de los Libros, Madrid. ISBN 84-9734-465-0 .