Abd el-Krim

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abd el-Krim

Abd el-Krim (c.1882, Ajdir – 6 de febreiro, 1963, Cairo) (Amazigh: Mulay Abdelkrim, nome completo: Muhammad Ibn 'Abd El-Karim El-Khattabi , foi un líder bérber do Rif convertido en líder da resistencia armada do goberno colonial español e francés no norte de África.

O seu pai era Abdelkrim El-Khattabi, un cadi (xuíz islámico) do clan Ait Yusuf da tribo Aith Uriaghel, colaborador dos españois. Abd el-Krim estudou na Universidade de Fez e ao rematar recibiu o nomeamento de cadi en Melilla. Durante a Primeira Guerra Mundial seu pai colaborou cos alemáns e Abd el-Krim permaneceu en prisión un ano (1915). Cando os españois entraron nas montañas do Rif en 1919 seu pai chamou os seus fillos e Abd el-Krim acudiu á chamada. Trala morte de seu pai en agosto de 1920 Abd el-Krim converteuse no líder da resistencia rifeña, en xuño de 1921 os rifeños dirixidos por Abd el-Krim atacaron unha posición española en Abarran, a súa caída supuxo o punto de partida dunha resistencia máis ampla có comezo da Guerra do Rif, durante o verán atacáronse posicións españolas e o 22 de xullo derrotou ás tropas españolas na Batalla de Annual.

Abd el-Krim constituíu un goberno central no Rif, nomeou un cadí en cada cabila co obxecto de reforzar ese poder e unha policía secreta que o mantiña informado, tamén organizou un exército regular, que non conseguiu desenvolverse xa que a maioría das accións militares realizáronas as propias cabilas. En 1923 estendeu o seu poder sobre Gomara, rexión ao oeste do Rif. En 1924 fíxose co control da Yebala (rexión ao sur de Tetuán) pero tivo contestación das cabilas locais, que non recoñecían a súa autoridade, e ás que reprimiu. En abril de 1925 atacou posicións francesas e en xuño as tropas rifeñas estaban a 40 quilómetros de Fez, mentres tanto España e Francia chegaba a un acordo en Madrid para unha acción militar coordinada, o 10 de setembro desembarcaron tropas españolas mentres os franceses avanzaban polo sur. O 26 de maio de 1926 Abd el-Krim rendeuse aos franceses que o deportaron á illa de Reunión, en 1947 fuxiu mentres era trasladado á metrópoli e refuxiouse en Exipto, onde encabezou o Comité de Liberación do Magreb Árabe.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Abd el-Krim