Sailor Moon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sailor Moon
Sailormoon.png
美少女戦士セーラームーン --- (Bishoujo Senshi Sailor Moon)
Formato Misterio, Aventuras, Romance, Ciencia ficción --- -----
Creado por Naoko Takeuchi
Intérpretes Animación
País de orixe Xapón
Número de episodios 200 (repartidos en 5 sagas)
Produción
Produtor(es) executivo(s) Toei Animation
Duración 25 minutos por episodio
Emisión orixinal
Canle de orixe TV Asahi
Formato de imaxe 4:3
Emisión 7 de marzo de 19928 de febreiro de 1997
Ligazóns externas
Páxina web

Sailor Moon (美少女戦士セーラームーン, Bishoujo Senshi Sailor Moon) é un manga e anime shojo creado por Naoko Takeuchi que colleitou un enorme éxito dentro e fóra do Xapón.

As fazañas da Guerreira Lúa, cheas de humor e grandes doses de acción e aventuras, revolucionaron no Xapón o mundo do shojo (manga que vai destinado especialmente a un público feminino) facendo que tamén os mozos comezasen a interesarse por ese tipo de manga. O seu éxito foi tal, que ós poucos meses de editarse o manga, preparouse decontado a súa versión en anime. En Galicia Sailor Moon foi emitido durante a década dos noventa pola canle autonómica TVG.

O 4 de outubro de 2003 estreouse no Xapón unha serie con actores reais coñecida popularmente como Sailor Moon Live Action de 49 episodios e 3 especiais que se mantivo en antena ata o ano 2005 pola canle de televisión Tokyo Broadcasting System.

Argumento[editar | editar a fonte]

Certo día, Bunny Tsukino, unha moza normal algo choromicas e distraída, recibe a visita dunha misteriosa gata chamada Lúa, a quen axudara esa mesma mañá de camiño á escola, e esta gata lle dí que ela está destinada a converterse na Guerreira Lúa, unha gardiá co cometido de atopar e protexer á Princesa da Lúa e de buscar ó Cristal de Prata, tendo tamén que descubrir polo camiño a identidade das outras guerreiras que a axudarán nesa aventura.

Manga[editar | editar a fonte]

Despois do seu enorme éxito acadado coas historias de Codename Sailor V (outro dos seus traballos, e no que se deu a coñecer a personaxe de Sailor V / Guerreira Venus), Naoko Takeuchi creou entre os anos 1990 e 1991 as historias dunha moza de instituto que da noite á mañá convértese na Guerreira Lúa, protectora do amor e da xustiza.

O manga consta de 18 tomos e foi editado no Xapón pola revista Nakayoshi. No noso país a encargada de publicalo foi a editorial Edicións Glénat.

Anime[editar | editar a fonte]

Grazas o enorme éxito que acadou o manga, no ano 1992 creouse a serie de animación para a televisión. Producido por Toei Animation e emitido no Xapón pola canle TV Asahi, este anime consta de 200 episodios de 25 minutos de duración cada un deles.

Debido a que o anime se estreou case simultaneamente co manga, e para darlle tempo a Naoko a que continuase a súa historia no papel, fixéronse algúns episodios exclusivos para a televisión.

As sagas[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Tanto as historias do manga coma as do anime están divididas en varias sagas. Estas sagas son as seguintes:

  • Sailor Moon
É o comezo da historia. A Guerreira Lúa debe facer fronte a súa nova condición de gardiá e combater ás forzas do mal. O seu destino é econtrar á Princesa da Lúa e o Crital de Prata. Polo camiño irán aparecendo as outras gardiás (Mercurio, Marte, Xúpiter e Venus) e xuntas derrotarán ós catro xenerais do Reino da Escuridade liderados pola raíña Beryl.
Do episodio 1 ó 46.
  • Sailor Moon R
Os primeiros 13 episodios foron creados especialmente para o anime. Neles cóntase a historia de dous extraterrestres que chegan á Terra co fin de apoderarse da enerxía dos humanos.
Na segunda trama da saga cóntasenos a chegada de Chibiusa, que chega dende o século XXX co fin de atopar á Guerreira Lúa e conseguir salvar a futura cidade de Toquio (Cristal Toquio).
Nesta saga aparece por primeira vez a Guerreira Plutón.
Do episodio 47 ó 89.
  • Sailor Moon S
As tramas vólvense moito máis escuras. Aparecen as Guerreiras Neptuno e Urano que buscan un poderoso talismán para combater a unha poderosa organización liderada polo doutor Tomoe e impedir que dita organización resucite ó seu líder no corpo da filla do profesor.
Aparece por primeira vez a Guerreira Saturno que resulta ser a filla do doutor Tomoe.
Do episodio 90 ó 127.
  • Sailor Moon Super S
Esta saga céntrase en Chibiusa quen deberá axudar a Helios a que o seu mundo non sexa dominado por unha bruxa malvada chamada Zirkonia que quere despertar a Neherenia, unha raíña do mal moi perigosa.
Do episodio 128 ó 166.
  • Sailor Moon Sailor Stars
É a última saga da historia. A primeira trama foi creada especialmente para o anime. Nela reaparece Neherenia, que busca vinganza contra as guerreiras.
O anime recupera as pequenas doses do seu humor característico. Nesta saga aparece a Guerreira Galaxia, que co seu propio equipo de gardiás pretende apoderarse da galaxia enteira acabando coa vida das guerreiras.
Do episodio 167 ó 200.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Guerreiras do Sistema Solar Interior[editar | editar a fonte]

  • Bunny Tsukino / Guerreira Lúa / Princesa Serenity
  • Guerreira da xustiza: Bunny é unha moza despistada, folgazana e á que lle gusta estar sempre de festa. Non lle gusta nada estudar e sempre chega tarde á escola. É a segunda en coñecer a súa condición de guerreira tras axudar a Lúa a desfacerse duns nenos fedellos que a estaban a molestar.
  • Traxe: O seu traxe de guerreira presenta cores de varias tonalidades. Mentres que a súa saia é azul, os lazos dianteiro e traseiro son de cor rosa. As botas, que lle chegan ata os xeonllos, son tamén de cor rosa. O diadema ten unha perla de tonalidade rosada.
  • Poderes e armas: Como líder das gardiás, posúe multitude de ataques e armas. As súas armas máis características son o Cetro da Lúa co que pode devolver á normalidade ás persoas transformadas en demos e o Diadema da Lúa, que se converte nunha potente arma ofensiva. O longo da súa andaina como gardiá, e unha vez descuberta a súa condición de princesa, a Guerreira Lúa irá recibindo novos e máis espectaculares poderes.
Primeira aparición no episodio 1.
  • Ami Mizuno / Guerreira Mercurio
  • Guerreira da auga e do coñecemento: Ami Mizuno é unha moza intelixente e moi tímida pero moi simpática e amigable cando comeza a coller confianza coa xente. Gústalle moito estudar e a súa meta é chegar a ser médico como a súa nai. É a terceira en coñecer a súa condición de guerreira e a primeira en unirse á Guerreira Lúa.
  • Traxe: O seu traxe de guerreira presenta tonalidades azuis. O seus lazos frontal e traseiro é dunha cor azul máis clara aínda. A xoia do seu diadema é un zafiro, tamén azul. Calza unhas botas azuis que lle chegan case ata os xeonllos.
  • Poderes e armas: Os seus poderes proveñen da auga e do xeo. Soen ser máis ben poderes defensivos e non ofensivos e o máis corrente é que utilice as Burbullas de Mercurio. Ten ademais un visor e un supercomputador co que analiza detenidamente a situación e os puntos febles dos inimigos.
Primeira aparición no episodio 8.
  • Rei Hino / Guerreira Marte
  • Guerreira do lume e da paixón: Rei Hino é unha moza con un carácter moi temperamental. Enfádese con moita facilidade con Bunny e non atura que sexa tan infantil. É a sacerdotisa do templo do barrio e ten un poder de percepción moi preciso. Rei é a cuarta en coñecer a súa identidade de guerreira e a segunda en unirse á Guerreira Lúa.
  • Traxe: O seu traxe de guerreira presenta tonalidades vermellas. Mentres que o seu lazo frontal é violeta o lazo traseiro é vermello como o resto do traxe. A xoia de cor vermella do seu diadema é un rubí. Calza zapatos de tacón vermellos.
  • Poderes e armas: O lume é a base dos seus poderes e os máis utilizados son o Lume de Marte e os Pergameos Sagrados, moi útiles para paralizar e espantar ós malos espíritos. Ten como arma unha besta que lanza frechas de lume.
Primeira aparición no episodio 10.
  • Makoto Kino / Guerreira Xúpiter
  • Guerreira do lóstrego e da coraxe: Makoto comezou a estudar no instituto onde estudan Bunny e Ami despois de marchar doutro onde tivera unha pelea cuns rapaces. É unha moza moi alta e forte e é unha estupenda cociñeira. Makoto é a última en coñecer a súa identidade de guerreira e a terceira en unirse á Guerreira Lúa.
  • Traxe: O seu traxe de guerreira presenta tonalidades verdosas. Os seus lazos frontal e traseiro son de cor rosa. O cristal do seu diadema é unha esmeralda de cor verde. Calza uns botíns curtos con amallós entrelazados.
  • Poderes e armas: A base dos seus poderes é o lóstrego. Os seus poderes máis característicos son o Lóstrego de Xúpiter e as Follas de Carballo de Xúpiter, dous poderes moi efectivos.
Primeira aparición no episodio 25.
  • Minako Aino / Guerreira Venus
  • Guerreira do amor e da beleza: Minako Aino é unha moza cunha personalidade moi extrovertida. Nas ocasións de festa é unha moza moi divertida e dinámica pero tamén é moi responble na súa loita contra o mal cando se converte na Guerreira Venus. O seu soño é ser unha estrela recoñecida. É, grazas a Artemis, a primeira en descubrir a súa identidade como guerreira e a última en unirse ó grupo.
  • Traxe: O seu traxe de guerreira presenta tonalidades alaranxadas. Mentres que o seu lazo frontal é de cor azul marina, o traseiro é de cor xema. A xoia do seu diadema é un topacio de cor laranxa. Calza uns zapatos de tacón, tamén de cor laranxa.
  • Poderes e armas: O seu poder máis efectivo é o Raio de Venus; un potente raio que se concentra no seu dedo índice e co que ten destruído unha chea de inimigos. A súa arma é a Cadea do Amor de Venus coa que pode inmobilizar ós adversarios máis perigosos.
Primeira aparición no episodio 33.

Guerreiras do Sistema Solar Exterior[editar | editar a fonte]

  • Setsuna Meiou / Guerreira Plutón
  • Guerreira do tempo e do cambio: Setsuna é a maior do grupo das gardiás. E moi intelixente e o seu soño é ser deseñadora xa que ten unha maña especial para a costura. Plutón é a seguinte en aparecer despois de Venus, pero non mostra a súa verdadeira identidade de Setsuna ata despois de que o fagan Urano e Neptuno.
  • Traxe: O seu traxe de guerreira presenta tonalidades máis ben escuras. Deste xeito a súa saia é de cor azul escura e os seus lazos son de cor vermello sangue. A xoia do seu diadema é un granate de cor vermella. Calza unhas botas de cor azul escura que lle chegan ata os xeonllos.
  • Poderes e armas: A súa arma característica é o Cetro do Granate co que pode lanzar un ataque destructivo e tamén abrir a Porta do Tempo; porta que facilita as viaxes no tempo. Plutón pode tamén paralizar o tempo. Por ser unha guerreira con poder sobre o tempo é a encargada de facer de intermediaria entre Chibiusa e o seu futuro e por esa mesma razón non pode entrar en combate tanto como ela quixera, xa que ao ter coñecemento sobre o futuro podería cambiar a liña lóxica do espazo-tempo.
Primeira aparición no episodio 75.
  • Michiru Kaiou / Guerreira Neptuno
  • Guerreira do mar e da amizade: Michiru Kaiou é unha moza encantadora e tranquila. Gústalle moito tocar o violín e pintar. O seu deporte favorito é a natación. É a seguinte en aparecer despois de Plutón, xunto con Urano. Coñecer o seu destino como gardiá non foi doado para ela, mais todo foi máis fácil do que ela pensaba grazas a axuda de Haruka, a súa moza, quen lle guiou nos seus primeiros pasos.
  • Traxe: O seu traxe presenta tonalidades máis ben verdosas. Mentres que a súa saia é verde, os lazos dianteiro e traseiro son violetas. A xoia do seu diadema é unha augamariña. Calza uns tacóns de cor verde con broche entrelazado.
  • Poderes e armas: Os seus poderes baséanse na forza do mar e o máis efectivo é o Maremoto de Neptuno, unha forte corrente de auga. A súa arma é o Reflexo das Profundidades, utilizado para descubrir a verdadeira identidade das persoas dominadas polas forzas do mal.
Primeira aparición no episodio 90.
  • Haruka Tenoh / Guerreira Urano
  • Guerreira do vento e da liberdede: Haruka é unha moza moi impulsiva e, en ocasións, bastante agresiva. Gústalle moito vestir con roupa de home. Gústalle moito facer ximnasia e tolea polos coches e as motos. É a moza de Michiru. É a seguinte en aparecer despois de Plutón, xunto con [Neptuno (planeta)|Neptuno]].
  • Traxe: O seu traxe de guerreira ten tonalidades doradas e violetas. Mentres que a súa saia e o lazo traseiro son violetas, o lazo dianterio é de cor dorada. O seu diadema presenta un ámbar. Calza uns botíns violetas.
  • Poderes e armas: A velocidade e a forza física son as grandes aliadas de Haruka á hora de transformarse en Urano. O seu poder mái característico é o Tremor de Terra co que acumula unha grande cantidade de enerxía que logo é utilizada para facer tremer o chan e acabar co inimigo. A súa arma é o Sable de Urano.
Primeira aparición no episodio 90.
  • Hotaru Tomoe / Guerreira Saturno
  • Guerreira da destrución e do renacer: Hotaru Tomoe é a máis pequena do grupo das gardiás. É unha moza moi extraña que ten o don de curar ós feridos coas súas mans, mais pola contra ela mesma ten unha saúde moi delicada. Morta anos atrás nun accidente provocado polo seu pai, volve á vida grazas a un pacto que este fixo cun demo, pero portando agora dentro dela a semente do enviado do mal, o que fai que teña unha personalidade bipolar. É a última guerreira en aparecer.
  • Traxe: O seu traxe como guerreira presenta tonalidades violáceas. O seu diadema ten no centro un cristal de fluorita de cor amarela pálida. É un dos traxes que ten máis diferenzas con respecto ós das outras guerreiras.
  • Poderes e armas: Unha vez transformada en Guerreira Saturno, Hotaru utiliza como arma característica o Cetro do Silencio. Con el pode crear un escudo que a protexe dos ataques inimigos ou lanzar un devastador ataque enerxético que arrasa todo ó seu paso. É a guerreira máis poderosa e é capaz de acabar cun planeta enteiro pero o inconveniente é que ela tamén morrería.
Primeira aparición no episodio 111.

Outros personaxes[editar | editar a fonte]

  • Mamoru Chiba / Home da Máscara / Príncipe Endymion
Primeira aparición no episodio 1.
  • Chibiusa / Futura Guerreira Lúa
Primeira aparición no episodio 60.
  • Naru Osaka
Primeira aparición no episodio 1.

Gatos guía[editar | editar a fonte]

  • Lúa
Lúa é xunto a Artemis unha das sobreviventes do Milenio de Prata. É unha gata de cor violeta que grazas á Lúa da súa fronte ten a capacidade de falar. Faise querer entre a xente e está namorada de Artemis. A súa misión nos nosos días é a de facerlle de guía a Bunny na súa nova faceta como gardiá. Grazas os chimpos no aire e a unha capacidade máxica pode facer aparecer da nada diferentes obxectos como as plumas transformadoras das guerreiras.
Primeira aparición no episodio 1.
  • Artemis
É o outro sobrevivente dos tempos do Milenio de Prata. Coma Lúa, Artemis é un gato branco coa capacidade da fala. É o gato guía da Guerreira Venus e a súa primeira misión foi intentar atopala. É un gato moi simpático e intelixente e está namorado de Lúa.
Primeira aparición no episodio 33.
  • Diana
É a futura filla de Lúa e Artemis. Provén dos tempo de Cristal Toquio. Tamén, grazas á Lúa da súa fronte, pode falar. É de cor rosa escuro e é a gata guía de Chibiusa.
Primeira aparición no episodio 133.

A lenda do Milenio de Prata[editar | editar a fonte]

Moitos séculos atrás, antes incluso da historia que é lembrada polo home, existíu na Terra unha civilización que vivía en paz e harmonía con outra civilización irmá localizada na Lúa. Esta época deuse a coñecer co nome de Milenio de Prata.

A encargada de manter o equilibrio entre as dúas civilizacións era a raíña Serenity, que vivía no Pazo da Lúa xunto a súa filla a princesa Serenity. A súa vez as encargadas de protexer á princesa eran as Gardías da Lúa, unhas mozas con poderes especiais, princesas a súa vez de cada un dos planetas do Sistema Solar. Endymion era o príncipe da Terra e este e a princesa da Lúa estaban profundamente namorados, mais o seu amor estaba maldito e se os dous xoves se atrevían a consumalo, cousas horribles acontecerían.

Pero certo día, de xeito accidental e debido a que Serenity e Endymion levaran o seu amor máis alá do permitido, o mal primixenio, liderado pola escura raíña Beryl, foi liberado e os habitantes da Terra que foron consumidos polos malos espíritos comezaron a idear un plan para acabar coa vida dos habitantes da Lúa. Vendo que a situación era límite, Endymion viaxou ata a Lúa para avisar á princesa e á súa nai, pero xa era demasiado tarde e todos, bos e malos, acabaron morrendo nun gran cataclismo. No seu leito de morte, a raíña encomendoulle a Lúa e a Artemis, os únicos sobreviventes, que non permitisen que algo parecido volvese acontecer no futuro e que buscaran as reencarnacións das gardiás e da princesa co fin de protexer ós habitantes dos novos tempos.

Co paso dos séculos a Terra volveu o seu ser e a humanidade comezou a florecer novamente. Pero non pasaría moito tempo ata que os peores agoiros da raíña se fixeran realidade. A raíña Beryl, lograra rexurdir e comandaba agora ás forzas do mal coa axuda dos catro antigos aliados do príncipe Endymion.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

  • Non existe ningunha Guerreira Terra porque en realidade este é o planeta asignado ó Home da Máscara.
  • Mentres que os nomes das gardiás fan referencia ós planetas do noso Sistema Solar, os nomes que se utilizan para identificar a moitos dos viláns son nomes de minerais.

Películas[editar | editar a fonte]

Esta táboa é unha pequena lista das películas que se fixeron sobre Sailor Moon.

# Saga Título en galego Duración Ano da estrea
1 Sailor Moon R A promesa da rosa 60 minutos 1993
2 Sailor Moon S O amor da princesa Kaguya 60 minutos 1994
3 Sailor Moon Super S O milagre do buraco dos sonos 60 minutos 1995

Sailor Moon con actores reais[editar | editar a fonte]

Sailor Moon Live Action é unha serie con actores reais de 49 episodios (ou actos) e 3 especiais que preparou no ano 2003 Tokyo Broadcasting System en colaboración directa con Naoko Takeuchi, pois esta, longo tempo despois de rematar o manga e o anime, desexaba volver contar as aventuras das súas guerreiras dun xeito diferente.

A historia, en xeral, e basicamente a adaptación da primeira saga de Sailor Moon e as tramas son, a grandes trazas, máis ou menos as mesmas aínda que con lixeiros cambios argumentais.

  • Dirección: Kenzo Maihara, Nobuhiro Suzumura, Masataka Takamaru, Ryuta Tazaki
  • Guionistas: Yasuko Kobayashi, Naoko Takeuchi
  • Productores: Shinya Maruyama, Takeshi Okazaki, Yuuba Sakata, Shinichiro Shirakura, Toshiyuki Takezawa, Koichi Yada
  • Música: Hitoshi Haneba
  • Reparto:
Personaxe Actor
Usagi[1] Tsukino Miyuu Sawai
Ami Mizuno Chisaki Hama
Rei Hino Keiko Kitagawa
Makoto Kino Myuu Azama
Minako Aino Ayaka Komatsu
Mamoru Chiba Jyoji Shibue
Lúa Keiko Han (voz) / Rina Koike (humana)
Artemis Kappei Yamaguchi (voz)
Raíña Beryl Aya Sugimoto
Jadeite Jun Masuo
Nephrite Hiroyuki Matsumoto
Kunzite Akira Kubodera
Zoicite Yoshito Endoh
Naru Osaka Chieko Kawabe
Motoki Furuhata Masaya Kikawada
Hina Kusaka Moeko Matsushita
Mio Kuroki Alisa Durbrow
Ikuko Tsukino Kaori Moriwaka
Shingo Tsukino Naoki Takeshi
  • Especiais:
  • Acto especial: A historia comeza 4 anos despois de derrotar a raíña Beryl. Neste especial vemos a ansiada voda entre Usagi e Mamoru e o enfrontamento das guerreiras contra Mio Kuroki, unha misteriosa muller que se proclama nova raíña do Reino da Escuridade.
  • Acto cero: Acto especial que conta como Minako Aino coñece a súa condición de guerreira grazas a Artemis.
  • Super leccións de baile: As mozas ensínanlle a Lúa (humana) a bailar as canciones da serie.

A música de Sailor Moon[editar | editar a fonte]

Esta é unha pequena mostra[2] da letra da versión galega dos famosos temas de Sailor Moon.

Inicio[editar | editar a fonte]

  • 1. "Moonlight Densetsu" [A lenda do luar] de Dali / Moon Lips.

"Perdoa por que non che fun sincera,
nin nos meus soños digo a verdade.
Os pensamentos téimanme na espera,
se non cho conto vou tolear.
..."

  • 2. "Makenai" [Resistirei] de Hanazawa Kae. (Non hai versión galega deste tema).[3]

Final[editar | editar a fonte]

  • 1. "Heart Moving" [O latexar do corazón] de Misae Takamatsu.

"Nos meus soños si, fomos bailar xuntos os dous
e as estrelas si, protexíannos.
Os mellores amigos somos ti e máis eu.
Nada nunca nos vai separar nin facer mal.
..."

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aínda que en Galicia fora trocado por Bunny, Usagi é o verdadeiro nome que se lle deu no Xapón a esta personaxe.
  2. Debido ás restricións do copyright e a imcompatibilidade coa licenza da Wikipedia só se presenta, como cita, o comezo do texto de cada canción.
  3. Este tema pertence á quinta saga (Sailor Moon Sailor Stars) e o motivo de que non teña versión galega é que esta saga nunca foi emitida en Galicia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]