Isócrates de Atenas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Busto de Isócrates de Atenas

Isócrates, nado en Atenas en -436 e finado na mesma cidade en -338, foi un orador, logógrafo, político e educador grego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia rica, Isócrates foi un seguidor, nos aspectos formais, de Gorxias, e nos ideolóxicos, de Sócrates e Platón. Este último, ademais, louvouno no diálogo que leva por título Fedro. Dirixiu unha escola de oratoria na illa de Quíos e, ó volver a Atenas, sobre o ano 403 a. C., traballou como logógrafo escribindo discursos xudiciais e políticos por encargo; non iniciou unha carreira política, xa que era tímido e con pouca voz. Sen embargo, fundou no ano 392 a. C. unha importante escola de oratoria que se fixo moi famosa, non só pola eficacia da súa instrución, senón tamén polo feito (emanado da súa formación de matriz socrática e platónica) de incluír no seu plan de estudos a educación ética do cidadán, no que se distinguiu claramente dos seus principais competidores, os sofistas, cuxa falta de referentes éticos atacou. A finalidade desta reforma educativa era a de propiciar unha rexeneración política, pois Isócrates perseguía a unificación de Grecia como única forma de evitar a invasión dos persas (é a idea central do seu famoso Panexírico, composto o ano 380 a. C.). O ciclo de estudos da súa escola duraba entre tres e catro anos e a relación que sostiña cos seus estudantes era íntima e afectuosa, no que lle axudaba o reducido número (un máximo de nove) para exercer unha influencia directa en cada un e dedicar todo o tempo posíbel á súa formación como homes políticos. O seu propósito era recuperar o esplendor da cultura grega, impulsando por medio da educación, unha nova cultura (paideia) co obxectivo de reformar a cidade-estado por medio dos seus futuros líderes. Estes, como factor multiplicador, actuarían como os guías e educadores do resto da cidadanía, como única vía de consolidar institucións fortes e politicamente tan sas como os cidadáns que as formaran; este foi o xerme do posterior humanismo occidental. Nun principio, Isócrates depositou as súas esperanzas de rexeneración no proxecto político de Filipo II de Macedonia.

O seu estilo é fluído, de frase complexa e abundante en antíteses. Educou ós oradores Hipérides, Iseo e Licurgo; as súas ensinanzas son tamén patentes en oradores posteriores como o grego Demóstenes ou o romano Cicerón. Faleceu vítima dun xaxún voluntario en protesta pola perda da independencia de Grecia no ano -338. Consérvanse del 21 discursos e 9 cartas.