Sofista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Sofistas")
Sanzio 01 cropped.png
Filosofía grega
Presocráticos
Sofistas
Sócrates
Platón
Aristóteles
Epicureísmo
Estoicismo
Escepticismo
Cinismo

Sofistas é o nome con que actualmente se coñece a un grupo de respectados autores que arredor do século V a.C. percorría as cidades da Antiga Grecia intercambiando as súas ensinanzas por diñeiro. Denominábanse a si mesmos sabios (sophoi), e o saber en que dicían ser expertos era a Sofística, e referíase ao comportamento moral e político do ser humano.

Filosofía sofística[editar | editar a fonte]

Os Sofistas foron os primeiros en romperen coa busca presocrática dunha unidade orixinaria (a physis) iniciada con Tales de Mileto e finalizada con Demócrito de Abdera (que aínda que falecerá pouco tempo despois de Sócrates, ten o seu pensamento inserido dentro da filosofía presocrática).

Para os Sofistas, o ben, a verdade, a xustiza, coma todos os valores, non son algo absoluto senón máis ben relativo. Subliñaban o feito de que en moitas ocasións, o que era bo para uns podía ser malo para moitos. Incluso para un mesmo individuo, o que era bo nunhas ocasións, podía ser malo outras.

Esta doutrina sofística pode ser expresada pola máxima de Protágoras de Abdera: O home é a medida de todas as cousas. Tal máxima expresa o sentido de que non é o ser humano quen ten que acomodarse a patróns externos, que sexan impostos por algo que non sexa o propio ser humano, senón que é o propio ser humano quen debe acomodarse segundo a súa liberdade.

Outro sofista famoso foi Gorxias de Leontini, que afirmaba que o 'ser' non existía. Segundo Gorxias, mesmo que se admitise que o 'ser' existise, é imposible captalo. Aínda que iso fose posible, non sería posible enuncialo de modo verdadeiro e, polo tanto, sería sempre imposible calquera coñecemento sobre o 'ser'.

A experiencia acumulada polos Sofistas nas súas viaxes ao longo da Grecia antiga e de boa parte do Mediterráneo, axudoulles a comprender que as leis variaban moito entre uns sitios e outros, e que as constitucións das distintas polis, lonxe de ser un agasallo dos deuses ou da Natureza, eran froito do acordo entre os cidadáns para intentar construír e asegurar unhas normas de convivencia pacífica entre eles.

O contraste das súas visións coa de Sócrates (que foi adoptada tamén por Platón e Aristóteles, así como a súa "loita" antisofista), sumado ao feito de seren estranxeiros (o que lles confería un menor grao de credibilidade entre os atenienses), contribuíron a que o seu pensamento fose infravalorado ata tempos recentes.

Os Sofistas só son coñecidos hoxe polos escritos dos seus opoñentes (máis especificamente, Platón e Aristóteles) o que dificulta formular unha visión completa das conviccións dos Sofistas.

A arte da oratoria[editar | editar a fonte]

Os Sofistas eran educadores de gobernantes. Ensinaban unha especie de habilidade política, a arte da oratoria, que basicamente consistía na capacidade de convencer aos demais mediante o discurso. Esta habilidade dos Sofistas foi especialmente importante en Atenas, que vivía por aquel entón un período de expansión da democracia.

Segundo os Sofistas, a virtude de falar ben convertería a quen a posuíse nun bo político, nun home que sabía facer valer as súas opinións en calquera asemblea; e no caso de ocupar cargos políticos, tería a habilidade precisa para presentar ante os cidadáns a súa xestión como boa, aínda que en realidade fose pésima.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]