Maniqueísmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maniqueos

O maniqueísmo foi unha seita filosófica e relixiosa fundada polo sabio persa Mani (ou Manes) (c. 215-275), considerado polos seus seguidores como divinamente inspirado.

Historia[editar | editar a fonte]

A comezos do século III estendeuse a través de oriente e en moitas partes do Imperio Romano.

Os maniqueos -a semellanza dos gnósticos e os mandeos— eran dualistas, crían que había unha eterna loita entre dous principios opostos e irredutíbeis, o ben e o mal, que eran asociados á luz (Ormuz) e ás tebras (Ahrimán). Segundo eles, Deus é o creador de todo o bo e Ahrimán o creador de todo o malo. Posteriormente algúns maniqueos dualizaban a natureza do deus e outorgáronlle a calidade de conter todo o bo e todo o malo.

Doutrina[editar | editar a fonte]

O maniqueismo é un sincretismo que combina elementos do Zoroastrismo, Cristianismo e Gnosticismo.

Os maniqueos cren que o espírito do home é de Deus pero o corpo do home é do demo. No home, o espírito ou luz está cautivo por causa da materia corporal; polo tanto, cren que é necesario practicar un estrito ascetismo para iniciar o proceso de liberación da luz atrapada. Desprezan por iso a materia, incluso o corpo. Os «ouvintes» aspiraban a reencarnarse como «elixidos», os cales xa non necesitarían reencarnarse máis.

Buda e outras moitas figuras relixiosas foron enviadas á humanidade para axudala na súa liberación espiritual.

Na práctica, o maniqueísmo nega a responsabilidade humana polos males cometidos porque cre que non son produto da libre vontade senón do dominio do mal sobre a nosa vida.

A igrexa maniquea[editar | editar a fonte]

A igrexa cristiá de Mani estaba estruturada a partir dos diversos graos de desenvolvemento interior. El mesmo a encabezaba como apostol de Xesucristo. Xunto a el estaban doce instrutores ou fillos da misericordia. Seis fillos iluminados polo sol do coñecemento asistían a cada un deles. Eses "epíscopos" (bispos) eran auxiliados por seis presbíteros ou fillos da intelixencia. O cuarto círculo comprendía inumerábeis electos chamados fillos e fillas da verdade ou dos misterios. A súa tarefa era rezar, cantar, escribir e traducir. O quinto círculo estaba formado polos auditores ou fillos e fillas da comprensión. Para ese último grupo, as esixencias eran menores.

Os mandamentos[editar | editar a fonte]

Debían seguir sobre todo os dez mandamentos seguintes como fio condutor da súa vida cotiá:

  1. Non adorar ningún ídolo;
  2. Purificar o que sae da boca: non praguejar, non mentir, non levantar falso testemuño ou calumniar;
  3. Purificar o que entra pola boca: non comer carne, nin inxerir alcohol;
  4. Venerar as mensaxes divinas;
  5. Ser fiel ao seu cónxuxe e manter a continencia sexual durante os xexúns;
  6. Auxiliar e consolar a aqueles que sofren;
  7. Evitar os falsos profetas;
  8. Non asustar, ferir, atormentar ou matar animais;
  9. Non roubar nin cometer fraude;
  10. Non practicar ningunha maxia ou feiticería;

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]