Pontoporíidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pontoporia blainvillei»)
Pontoporíidos
Pontoporiidae

Pontoporia blainvillei

Comparación do tamaño co dun home
Comparación do tamaño co dun home

Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Superfamilia: Inioidea
Familia: Pontoporiidae
Gray, 1870
Xénero: Pontoporia
Gray, 1870
Especie: P. blainvillei
Nome binomial
Pontoporia blainvillei
(Gervais & d'Orbigny, 1844)
Distribución de Pontoporia blainvillei
Distribución de Pontoporia blainvillei

Distribución de Pontoporia blainvillei
Sinonimia
  • Delphinus blainvillei Gervais & d'Orbigny, 1844 (basónimo)
  • Pontoporia (Stenodelphis) blainvillei Fraser, in Norman & Fraser, 1938
  • Pontoporia blainvillii Gray, 1846
  • Pontoporia tenuirostris Malm, 1871
  • Stenodelphis blainvillei d'Orbigny & Gervais, 1847
Debuxo de Pantoporia blainvillei.

A dos pontoporíidos (Pontoporiidae) é unha familia de cetáceos odontocetos da superfamilia dos inoideos que comprende un único xénero, Pontoporia Gray, 1870 (antes, Stenodelphis d'Orbigny & Gervais, 1847),[1] unha única especie, Pontoporia blainvillei,[2] un golfiño de auga doce que habita fundamentalmente no grande estuario do Río da Prata, e tamén nas costas suramericanas do océano Atlántico, sendo a única especie de golfiño que, aínda que de río, pode vivir indistintamente en augas doces e salgadas.

Nas rexións onde vive coñécese vulgarmente, na Arxentina e o Uruguai, como franciscana ou tonina (no Brasil, toninha), e nos textos científicos da rexión, como delfín del Plata, nome que pasou á bibliografía internacional.[3]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Pontoporia blainvillei é a única especie do seu xénero. Foi descrita por primeira vez por Paul Gervais e Alcide d'Orbigny en 1844, que a denominaron Delphinus blainvillei, aludindo o nome específico ao zoólogo francés Henri Marie Ducrotay de Blainville, e máis tarde reclasificada no xénero Pontoporia, de aí o nome científico válido actualmente.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ten o bico máis longo (en proporción ao seu tamaño) de todos os cetáceos, máis do 15 % do tamaño do corpo nos adultos. Os machos alcanzan 1,6 m de lonxitude, e as femias poden ser maiores (até 1,8 m). O corpo é cor castaña agrisada, máis clara no ventre (de aí o nome popular de framciscana). As aletas tamén son moi longas en comparación ao corpo, e son moi anchas. A aleta dorsal ten unha gran base e forma arredondada. O peso medio dos exemplares desta especie rolda os 50 kg.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

O golfiño do Prata distribúese pola costa atlántica do sueste de Suramérica, sendo a parte máis importante da súa área de distribución o estuario do Río da Prata. Polo norte chega até o trópico de Capricornio cerca de Ubatuba, Brasil, e polo sur até a península Valdés, Arxentina. É o único membro do grupo dos golfiños de río que vive tamén en auga salgada, como a dos estuarios e mesmoi en matr aberto, ademais de en auga doce, o que indica a gran tolerancia da especie aos cambios de hábitat. Aínda que algúns espécimes vagan constantemente, pasando períodos de tempo en ríos e no mar, outros pasan toda a súa vida nos ríos.

Bioloxía e ecoloxía[editar | editar a fonte]

A súa expectativa de vida é de 20 anos. O período de xestación é de 10 a 11 meses. As femias poden parir a desde os cinco anos de idade. Normalmente solitarios, obsereváronse excepcionalmente grupos de até 15 individuos.

Aliméntanse en augas profundas, e exames dos seus estómagos revelaron que a súa dieta componse de cerca de 24 diferentes especies de peixes, ademais de polbos, luras e camaróns.

Os seus inimigos naturais son as candorcas e varias especies de tiburóns.

Conservación[editar | editar a fonte]

Platanista balionvillei está clasificada desde 2008 como especie vulnerábel (VU) na Lista vermella da IUCN,[4] debido á perda dun 30 % da súa poboación durante tres xeracións (36 anos).[4] A súa situación produce preocupación, particularmente na comunidade científica debido ao reducido da súa área de distribución e a súa gran predispocición para quedar atrapada accidentalmente nas artes de pesca, onde un gran número de individuos perecen ao quedaren prendidos nas redes. Aínda que o maior número de capturas documentadas produciuse na década de 1970 no Uruguai, as mortes accidentais en décadas recentes aumentaron no sur do Brasil e na Arxentina. Científicos dos tres países manifestaron a súa preocupación polo futuro da especie, para intentar implicar aos gobernos e á comunidade onde se distribúe, en estudos para trazar un plan de conservación deste golfiño.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pontoporia en WoRMS.
  2. Pontoporia blainvillei (Gervais & d'Orbigny, 1844) en WoRMS.
  3. Nome en idiomas próximos:
    • Alemán, La-Plata-Delfin
    • Catalán, dofí del Plata
    • Francés, dauphin de la Plata
    • Inglés, La Plata dolphin
    • Portugués, golfinho-do-rio-da-prata
  4. 4,0 4,1 Reeves, R. R., Dalebout, M. L., Jefferson, T .A., Karczmarski, L., Laidre, K., O’Corry-Crowe, G., Rojas-Bracho, L., Secchi, E. R., Slooten, E. (asesores) (2008): Pontoporia blainvillei na Lista vermella da UICN.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]