Oxyrrhis marina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Oxyrrhis marina é unha especie de protistas dinoflaxelados mariños heterótrofos, que se encontra en case todo o mundo.

Descrición[editar | editar a fonte]

Esta especie de protozoos ten un corpo unicelular con forma oval asimétrica.[1] Foi comparado cun balón de rugby.[2] A célula xeralmente mide entre 20 e 30 micrómetros, pero pode chegar aos 60. Ten dous flaxelos cunha protuberancia similar a un tentáculo que fai protrusión entre eles. Os flaxelos están cubertos de escamas. A maioría dos individuos tamén teñen escamas sobre a superficie do corpo. Os dous flaxelos teñen funcións distintas. Un ondula e o outro está enroscado en espiral e produce unha propulsión similar á dun sacarrollas, que move a célula. Os individuos illados son incoloros, pero un cultivo concentrado de células pode ter un ton rosado.[1]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Crese que esta especie ten unha distribución cosmopolita, con excepción dos mares polares, onde está ausente ou é rara, aínda que se tomaron poucas mostras deses mares.[3] Hai rexistros específicos en augas próximas a Europa, Norteamérica, Asia, Nova Zelandia, as Illas Canarias,[4] Hawai, e Azores. Atopouse tamén en augas continentais illadas, como un lago de Ucraína. É menos común nas augas abertas oceánicas. Non se sabe como conseguiu habitar en tantas illas se aparentemente é rara en mar aberto, pero pode ser que fose dispersada lentamente polas correntes oceánicas, transportada sobre alfombras de algas, ou transportada polos barcos cando os humanos iniciaron a navegación.[3]

É máis común na zona intermareal e outras rexións costeiras,[3] onde forma parte do plancto.[5] Os seus tipos de hábitats inclúen pozas de marea e estuarios.[6] Describiuse por primeira vez nunha marisma salina.[3] Tolera un amplo intervalo de salinidade, temperatura e pH.[7]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

É un organismo heterótrofo, que obtén os seus nutrientes carbonados do medio externo en vez de sintetizalos mediante un proceso interno como a fotosíntese. É un omnívoro, que consome varios tipos de diminutos organismos que viven no seu ambiente, principalmente fitoplancto, como pequenas algas.[8] Observouse que comía Nannochloris oculata, Micromonas pusilla, outros flaxelados como Goniomonas amphinema, Pfiesteria piscicida, e Stoeckeria algicida, e algunhas bacterias.[9] A miúdo come o cocolitóforo Cricosphaera elongata, e, en situacións experimentais, pode comer facilmente Tetraselmis suecica, Isochrysis galbana, e Rhodomonas sp. Algunhas das presas das que se alimenta son relativamente grandes, tan grandes coma a propia O. marina. É selectiva na súa alimentación, e mostra clara preferencia por certos taxons.[8] Pode tamén escoller como presas certos individuos antes que outros, como se pon en evidencia pola súa prferencia por células de Emiliania huxleyi que están infectadas por virus ante esas mesmas células sas.[10] Tamén é caníbal. Aliméntase por fagocitose, englobando totalmente a súa presa. Observouse como xiraba un dos seus flaxelos dun xeito que creaba unha corrente que o impulsaba preto das presas que quería atrapar. Tamén é un microorganismo raptor, que se aproxima e se bota sobre a súa presa, especialmente cando esta é outro protista.[9] O. marina pode percibir e responder a certos compostos químicos que exsudan as algas que depreda.[10]

A locomoción da célula de O. marina é un movemento helicoidal debido ao movemento simultáneo dos seus dous flaxelos. Nada principalmente en liña recta, pero describe xiros cando detecta comida.[11]

En canto á súa reprodución, O. marina é isógama, e ten células reprodutoras menores que o seu corpo celular, pero sábese pouco sobe elas.[5]

Esta especie orixina ás veces mareas vermellas,[3][5] pero tamén se alimenta de rafidófitos, como Heterosigma akashiwo, que son outros organismos responsables de crear mareas vermellas.[12] As súas floracións cando forma mareas vermellas son estimuladas probablemente por factores ambientais, como as diminucións de salinidade ou incrementos na abundancia de presas.[5] O. marina pode tamén afectar ao medio ambiente ao producir dimetil sulfuro, que se libera cando se alimenta de certo tipo de presas, como E. huxleyi.[10]

Entre os predadores de O. marina están protozoos como o ciliado Strombidinopsis jeokjo, copépodos como Acartia tonsa[10] e rotíferos. O flaxelado mixótrofo Prymnesium parvum é unha presa de O. marina cando dito flaxelado está cheo de nutrientes, pero este pode converterse en depredador de O. marina cando está estresado pola falta de nutrientes.[13] Foi utilizada tamén como alimento para larvas de peixes, incluíndo as dos peixes Mylio macrocephalus, Centropyge flavissima, e Mugil cephalus. Os briozoos poden cultivarse cunha mestura deste protista e de lévedos.[13]

Investigacón[editar | editar a fonte]

Este protista foi intensamente estudado, xa que é un organismo modelo para o estudo de moitos aspectos da bioloxía dos protistas, como o comportamento alimenticio,[8][9] fisioloxía,[1] ecoloxía,[5][7] crecemento,[5] posición trófica,[7] evolución, xenómica, e bioxeografía.[6] Están en marcha moitos máis estudos sobre a xenética deste organismo.[7] Hai algunhas limitacións para o uso desta especie como modelo, que se deben en parte a que os dinoflaxelados son en xeral moi diversos, e, en particular, O. marina é tamén moi diversa, comprende moitas e variadas cepas, e a súa bioloxía está influenciada polo ambiente, polo que pode ser difícil atopar un espécime representativo para usalo como modelo.[14] De feito, algúns experimentos negan que sexa un dinoflaxelado, ou polo menos un "verdadeiro" dinoflaxelado.[15] En xeral, aínda segue sendo moi útil para experimentos científicos, e os investigadores recoméndano.[14]

O. marina posúe algúns xenes que é evidente que lle foron transferidos desde bacterias por transferencia lateral de xenes. Tamén ten xenes relacionados cos plastidios, o que indica que puido ter un antepasado que talvez podía realizar a fotosíntese. Ademais, ten algúns xenes relacionados coa síntese de aminoácidos esenciais, algo que é pouco común en organismos heterótrofos, xa que estes xeralmente obteñen eses aminoácidos na súa dieta.[7]

É unha especie doada de illar de mostras do seu ambiente e de cultivar en laboratorio. Os cultivos aliméntanse con Dunaliella primolecta ou calquera outro protista facilmente dispoñible. As células mortas da bacteria Escherichia coli poden tamén servirlle de alimento. Pode tamén manterse nun medio nutritivo.[2] Os cultivos poden manterse durante anos.[6]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Este protista foi considerado unha morfoespecie. Hoxe sábese que está composta por varios illados xenéticos, algún dos cales son bastante diferentes.[1][3] Existen de 50 a 80 destes illados xenéticos silvestres.[2] No futuro algúns destes poderían ser divididos en taxons separados, quizais co nivel de especies.[3] Un deles pode converterse na especie Oxyrrhis maritima, e outro na O. tenticulifera.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Lowe, C. D., et al. (2011). Who is Oxyrrhis marina? Morphological and phylogenetic studies on an unusual dinoflagellate. Journal of Plankton Research 33(4) 555-67.
  2. 2,0 2,1 2,2 Lowe, C. D., et al. (2011). Collection, isolation and culturing strategies for Oxyrrhis marina. Journal of Plankton Research 33(4) 569-78.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Watts, P. C., et al. (2011). The distribution of Oxyrrhis marina: a global disperser or poorly characterized endemic? Journal of Plankton Research 33(4) 579-89.
  4. Guiry, M .D. & G. M. Guiry. 2013. Oxyrrhis marina. AlgaeBase. World-wide electronic publication, National University of Ireland, Galway. Consultado o 10 de xuño de 2013.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Montagnes, D. J. S., et al. (2011). Oxyrrhis marina growth, sex and reproduction. Journal of Plankton Research 33(4) 615-27.
  6. 6,0 6,1 6,2 Montagnes, D. J. S., et al. (2011). An introduction to the special issue: Oxyrrhis marina, a model organism? Journal of Plankton Research 33(4) 549-54.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Lowe, C. D., et al. (2011). The transcriptome of the novel dinoflagellate Oxyrrhis marina (Alveolata: Dinophyceae): response to salinity examined by 454 sequencing. BMC Genomics 12:519.
  8. 8,0 8,1 8,2 Hansen, F. C., et al. (1996). Grazing in the heterotrophic dinoflagellate Oxyrrhis marina: size selectivity and preference for calcified Emiliania huxleyi cells. Aquatic Microbial Ecology 10 307-13.
  9. 9,0 9,1 9,2 Roberts, E. C., et al. (2011). Feeding in the dinoflagellate Oxyrrhis marina: linking behaviour with mechanisms. Journal of Plankton Research 33(4) 603-14.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Breckels, M. N., et al. (2011). The role of dissolved infochemicals in mediating predator–prey interactions in the heterotrophic dinoflagellate Oxyrrhis marina. Journal of Plankton Research 33(4) 629-39.
  11. Boakes, D. E., et al. (2011). Analysis and modelling of swimming behaviour in Oxyrrhis marina. Journal of Plankton Research 33(4) 641-49.
  12. Jeong, H. J., et al. (2003). Feeding by the heterotrophic dinoflagellate Oxyrrhis marina on the red-tide raphidophyte Heterosigma akashiwo: a potential biological method to control red tides using mass-cultured grazers. The Journal of Eukaryotic Microbiology 50(4) 274-82.
  13. 13,0 13,1 Yang, Z., et al. (2011). The role of Oxyrrhis marina as a model prey: current work and future directions. Journal of Plankton Research 33(4) 665-75.
  14. 14,0 14,1 Davidson, K., et al. (2011). Oxyrrhis marina-based models as a tool to interpret protozoan population dynamics. Journal of Plankton Research 33(4) 651-63.
  15. Saldarriaga, J. F., et al. (2003). Multiple protein phylogenies show that Oxyrrhis marina and Perkinsus marinus are early branches of the dinoflagellate lineage. Arquivado 15 de xuño de 2013 en Archive.is International Journal of Systemic and Evolutionary Microbiology 53(1) 355-65.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]