Rutabaga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rutabaga
Rutabaga, variety nadmorska.JPG
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.): Eudicotyledoneae
(sen clasif.): Rosidae
Orde: Brassicales
Familia: Brassicaceae
Xénero: Brassica
Especie: B. napobrassica
Nome binomial
''Brassica napobrassica''
(L.) Mill.


A rutabaga[1] (Brassica napobrassica, o Brassica napus var. napobrassica), é unha raíz comestíbel que se orixinou nun cruzamento ente o repolo (Brassica oleracea var. viridis) e o nabo (Brassica rapa). Cultívase especialmente no norte de Europa e América do Norte, onde forma parte da gastronomía popular. Non é un cultivo popular hoxe en día en Galiza.

Descrición[editar | editar a fonte]

A planta ten uns 25 cm de altura e se estende por uns 35 cm. A raíz ten 10 cm de lonxitude e 9 cm de diámetro, con exterior acastañado e polpa amarela ou abrancazada. O sabor é moderadamente doce e se asemella ao do nabo, mais con gusto a repolo. A aparencia tamén é semellante ao nabo mais cambia na cor da polpa e que a raíz é máis mesta, con máis rebentos, colleitándose cando acadan un talle maior. A diferenza do nabo ten as follas máis suaves e cerosas.

Historia[editar | editar a fonte]

Colleita de rutabagas en Suecia.
Corte da raíz

A primeira mención escrita é do botánico sueco Gaspard Bauhin en 1620, que menciona que medra brava en Suecia. Adóitase considerar orixinaria de Escandinavia ou Rusia.[2] Cara finais do século XVII introduciuse en Inglaterra e Francia e algunhas partes dos EUA coma Illinois (referencias do seu cultivo en 1817).[3]

Historia botánica[editar | editar a fonte]

A taxonomía sobre a rutabaga sufriu moitos cambios. O botánico sueco Gaspard Bauhin, en 1620 deulle o nome de Brassica napobrassica na súa obra Prodromus. Carl von Linné en 1753 no seu libro Species Plantarum considerouna coma unha variedade botánica de B. oleracea: B. oleracea var. napobrassica. Posteriormente tense considerado noutros táxones coma variedade subespecie ou elevada ao nivel de especie como se vai facer en 1768 baixo o nome de Brassica napobrassica que é o que actualmente se acepta.

Cultivo[editar | editar a fonte]

Cómpre das mesma condicións de crecemento ca o nabo, clima fresco para medrar axiña e con calidade. Plántase na primavera cando o terreo xa se pode traballar, puidéndose tamén sementar polo outono en climas de invernos non moi fríos. Lévalle un mes e medio menos en madurar ca o nabo.

Aspectos nutritivos[editar | editar a fonte]

Son plantas ricas en betacarotenos. Cociñada ten moi baixo nivel calórico: 39 calorías por 100 gramos.. 1,3 gramos de proteínas e 6 gramos de graxas. Salientan os 326 gramos de potasio.

Uso[editar | editar a fonte]

Peladora de rutabagas de Nicolaes Maes.

Emprégase moito na gastronomía do norte de Europa, coma no prato alemán coñecido coma Steckrübeneintopf (en lingua alemá e rutabaga chámase Steckrüben), tamén na Hamburger National e no Lübecker National (a denominación National adóitase engadir aos pratos que levan esta raíz). É moi empregada tamén en toda Escandinavia. Pódese comer crúa ou cociñada. O puré de rutabaga é moi común. Pódese comer gratinada con queixo, sofrixida ou conservada en aceite e especias. En ensaladas tállase en toros ou pauciños. Crúa é lixeiramente doce[4] Algunhas variedades empréganse para a alimentación de vacas leiteiras.

Denominacións noutras linguas europeas[editar | editar a fonte]

En castelán coñécese tamén coma colinabo. En inglés coma swede turnip ou simplemente swede. En francés coma navet de Suède, rutabaga ou chou navet. O portugués coincide co galego. En alemán chámanlle Steckrüben.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar galego preferido en Vocabulario do medio agrícola, Santiago de Compostela, Dirección Xeral de Política Lingüística, 1988; e Termos esenciais de botánica Santiago de Compostela, 2004. A RAG non recolle nome vulgar algún para esta especie
  2. Hawkes, Alex D. 1968. A World of Vegetable Cookery. New York: Simon and Schuster.
  3. Sturtevant, E. L. 1919. Sturtevant's Notes on Edible Plants. Albany, NY: J. B. Lyon Company, p. 105.
  4. http://elpinareco.wordpress.com/2010/10/06/colinap-colinabo-o-colirrabano-en-español/

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rutabaga