Michelangelo Antonioni

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Michelangelo Antonioni
Michelangelo Antonioni.jpg
Michelangelo Antonioni
Nacemento 29 de setembro de 1912
Ferrara (Italia)
Falecemento 30 de xullo de 2007
Roma (Italia)
Profesión Director de cine
Ficha na IMDb

Michelangelo Antonioni, nado en Ferrara o 29 de setembro de 1912 e finado en Roma o 30 de xullo de 2007, foi un cineasta, escritor e pintor italiano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Graduouse en economía pola Universidade de Bologna e en 1942 chegou a Roma, onde cursou estudos no Centro Sperimentale dei Cinematografia de Cinecittà. Alí coñeceu a algúns dos artistas cos que cooperou nos anos seguintes; entre eles Roberto Rossellini, "pai" da escola do neorrealismo italiano.

Politicamente describiuse a si mesmo como anti-fascista, así como "marxista intelectual", pero algúns autores dubidan sobre o seu seguimento a esta ideoloxía. En contraste co seu contemporáneo Federico Fellini, cuxas primeiras obras viran arredor da vida das clases obreiras e os inadaptados sociais, as películas máis representativas de Antonioni na súa primeira etapa baséanse nas elites e burguesías urbanas e en como se relacionan cunha contorna que apenas entenden: Cronaca di un amore e La Signora senza camelie son sendas óperas prima onde o director traza unha reflexión nada compracente do mundo burgués con aparencias de simple melodrama.

Le amiche (1954), sobre un relato de Cesare Pavese e con destacable actuación da menosprezada Eleonora Rossi Drago, empeza a conformar o estilo característico do seu director, trascendendo unha historia de seu atractiva para experimentar con temáticas, estilos expresivos de narrar e encadrar, estéticas con discursos de dobres lecturas, etc. Só unha vez, este director trazou a súa visión do burgués a través do punto de vista do mundo obreiro: en 1957 Il Grido (con Steve Cochran e Allida Valli non só supón a súa primeira obra mestra absoluta, senón tamén o antecedente directo á incomunicación do ser humano que tanto obsesionou ó director na súa famosa triloxía. Este filme reflicte a súa personalidade e estilo.

A década de 1960 foron o momento do recoñecemento internacional do director e do seu encontro con Monica Vitti, tralo inicial fracaso por L'Avventura. Tanto La notte como L'eclisse fascinaron a toda Europa e chegaron a cruzar as súas fronteiras.

En 1964 chega o seu primeiro filme en cor e, para moitos, o principio da fin do seu "reinado" con Il Deserto rosso. Pese ó descomunal éxito de Blow up, Palma de Ouro en Cannes incluída, o certo é que a súa carreira entrou nunha irregularidade artística e nunha especie de bloqueo creativo do que non lle foi nada facil saír. Da última e menos coñecida etapa do realizador, destaca Professione: reporter en 1974 (con Jack Nicholson e Maria Schneider e Chunk Kuo (1972), revelador traballo documental sobre a China do momento, bastante máis que Il Mistero di Oberwald ou Identificazione di una donna.

Desde a década de 1990 volveu traballar en proxectos tan ambiciosos como errados: Al di là delle nuvole e Eros (2006).

Unha das obras máis soadas deste cineasta é a devandita Blow-Up, baseada nun relato curto de Julio Cortázar. Trátase dunha película ambientada no swinging London e baseada na peripecia dun fotógrafo que cre descubrir un asasinato a través das súas fotografías.

Antonioni morreu ós 94 anos, o mesmo día que outro dos grandes cineastas do século XX, Ingmar Bergman.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]