Orson Welles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Orson Welles con vinte e dous anos.

Orson Welles, nado en Kenosha, Wisconsin o 6 de maio de 1915 e finado en Hollywood, California o 10 de outubro de 1985, foi un actor, director, guionista e produtor cinematográfico estadounidense. Nado como George Orson Welles en Kenosha, no estado de Wisconsin.

Biografía[editar | editar a fonte]

Fillo de Beatrice Ives e de Richard Head Welles, en 1918 participa como actor nunha representación da ópera Samson and Delilah.

Aos 18 anos, Welles comezou a traballar no teatro en Irlanda. Logo trasladouse a Nova York, onde debutou ao ano seguinte en Broadway coa representación de Romeo e Xulieta. Fundou posteriormente a compañía de teatro Mercury Theatre, coa que obtivo grande éxito. En 1938, xunto con varios colegas da súa compañía, representou por radio, na cadea CBS, unha adaptación da obra de H. G. Wells A guerra dos mundos. O realismo foi tal que a emisión causou auténtico pánico en Nova Jersey, onde segundo a obra tiña lugar a invasión dos extraterrestres. Este episodio deulle fama mundial, e levouno á RKO Pictures a contratalo en 1939 con plena liberdade para escribir, producir e dirixir.

Posteriormente, Welles convenceu ao guionista Herman J. Mankiewicz para escribiren unha historia baseada na vida de William Randolph Hearst, magnate da prensa, propietario de dous importantes xornais. Tras uns retoques que el mesmo realizou no guión, Welles dirixiu a película co título de Citizen Kane. Hearst tentou prohibir a proxección, pero estreouse en 1941 con grande éxito de crítica, aínda que non de taquilla, debido ás trabas que tivo na distribución, promovidas por Hearst.

Actor prolífico, Welles a míudo valíase do seu traballo de actor para financiar os seus proxectos como director. Foi un dos directores de maior talento da historia do cine, Cidadán Kane, no seu momento e agora, representou (e representa) un prodixio da técnica e narrativa cinematográfica. O plano secuencia inicial (unha toma ininterrompida de varios minutos) de Sede de mal amosa un dominio da posta en escena e organización dos movementos como só un cineasta da súa categoría podía conseguir. Mesmo obras menores coma O estraño presentan pegadas do seu grande talento.

En ocasións é difícil establecer a cronoloxía exacta da súa filmografía debido ás películas que iniciou e non puido rematar por falta de financiación.

Welles morreu en Hollywood en 1985.

Filmografía parcial como director[editar | editar a fonte]

  • 1934 - The Hearst of Age (curtametraxe)
  • 1941 - Citizen Kane
  • 1941-42 - The Magnificent Ambersons
  • 1942 - It's all True - Película inacabada
  • 1943 - Journey into fear
  • 1945 - O estraño
  • 1946-47 - Lady from Shangai
  • 1947 - Macbeth
  • 1949-52 - Othello
  • 1954-55 - Don Quixote - Película inacabada
  • 1958 - Touch of Evil
  • 1962 - Le Procès
  • 1964-65 - Chimes at Midnight
  • 1966 - The Inmortal Story
  • 1967 - The deep - Película inacabada
  • 1970 - The other side of the wind - Película inacabada
  • 1973 - F for Fake
  • 1978 - Filming Othello