Luar na Lubre
Luar na Lubre | |
---|---|
Orixe | A Coruña, Galicia |
Período | 1985–presente |
Xénero(s) | Folk , Música celta |
Selo(s) discográfico(s) | Edigal Warner Music |
Membros | Irma Macías Bieito Romero Antía Ameixeiras Patxi Bermúdez Pedro Valero Xavier Ferreiro Xan Cerqueiro |
Antigos membros | Ana Espinosa Rosa Cedrón Sara Vidal Antía Ameixeiras Eduardo Coma Xulio Varela Daniel Sisto Xavier Cedrón Paula Rey |
Na rede | |
http://www.luarnalubre.com | |
Luar na Lubre é grupo de folk galego creado na Coruña en 1985. Trátase dunha das bandas máis representativas do panorama folk galego. Obtiveron distintos premios, boas críticas, actuacións nos mellores escenarios e dous discos de ouro.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Luar na Lubre foi creado en 1985 na cidade da Coruña por Bieito Romero e foi tecendo a súa traxectoria paseniñamente no eido musical galego. No ano 1992 e xa con tres traballos editados tiveron un encontro con Mike Oldfield que derivou por amizade nunha xira por todo o estado español no 1999. Isto tivo un grande impacto mediático e grazas a iso o grupo deuse a coñecer a un público ao que non chegara antes. Esta popularidade acrecentouse grazas á versión que Oldfield fixo, e publicou con grande éxito, do tema instrumental de Bieito Romero "O son do ar" no seu traballo The Voyager -1996, retitulado como "The Song of the Sun". A andaina de Luar Na Lubre continuou sempre vencellada ao seu estilo e mesmo experimentando puntualmente con algunhas novas influenzas estilísticas.
Os instrumentos que usan son: gaita galega, gaita electrónica multitímbrica, zanfona, acordeón diatónico, violín, frautas, teclados, guitarra acústica, bouzouki, percusións, etc. O grupo tivo na súa historia sempre voces femininas: nos primeiros anos Ana Espinosa, posteriormente Rosa Cedrón, a portuguesa Sara Vidal, Paula Rey e, por último, a súa voz é, Irma Macías[1]
Luar na Lubre resalta a cultura galega con temas tradicionais, mais tampouco quedan fora as influencias celtas de países como Irlanda, Escocia ou a Bretaña, así como o mantemento dunha estreita relación coa música e a cultura portuguesa, pola estima que lle teñen a figuras coma José Afonso, reflectida en temas como "Tu gitana". O grupo tamén ten conciencia e compromiso social coa actualidade de cada momento, plasmada en cancións coma "Memoria da noite", que comenta as consecuencias da catástrofe do Prestige no ano 2003 nas costas galegas. Evidentemente desde 1985 o estilo e tendencias do grupo evolucionou moito, sendo particularmente meticulosos no estudio de gravación, pero buscando a excelencia ao vivo, en contacto cun público sempre fiel.
En 2005, co abandono de Rosa Cedrón e contando xa coa nova vocalista, a portuguesa Sara Vidal, presentan o álbum Saudade. O disco conta con poemas de García Lorca en galego adicados a Buenos Aires, poemas de autores galegos homenaxeando aos emigrantes e aos exiliados e mesmamente seguindo a estela que deixaron. Nesta edición participan Pablo Milanés, Emilio Cao, Adriana Varela e Lila Downs, entre outros.
No seu seguinte traballo, Camiños da fin da terra, publicado en 2007 fan un percorrido polos camiños que levan aos confíns do mundo, uns camiños cheos de lendas, tradicións, personaxes, historias que lle dan un profundo sabor a mar e frescura. A canción "Os animais", baseada nunha melodía tradicional irlandesa levada polos emigrantes a América, coñecida por ser a banda sonora dun coñecido anuncio dun automóbil, está sendo moi visitado en youtube onde foi número 1 en varias ocasións en diferentes apartados. O 3 de abril de 2008 na gala dos Premios da Música o grupo acadou recoñecemento de Mellor Álbum Tradicional por Camiños da fin da terra e Mellor Canción en Galego co tema "Canto de andar".
En 2009 publican un concerto en directo, Ao vivo, gravado en dous CDs e un DVD os días 22 e 23 de xaneiro de 2009 no Teatro Colón da Coruña, co gallo dos 24 anos de vida do grupo. Este concerto contou coas colaboracións de Diana Navarro ("Romeiro ao lonxe"), Pedro Guerra ("Memoria da noite"), Luz Casal ("Camariñas") e Ismael Serrano ("El derecho de vivir en paz"). O DVD ten coma extras o videoclip "El derecho de vivir en paz" e un spot promocional da cidade da Coruña cos seus lugares e monumentos máis coñecidos, coa música de O son do ar.
En 2010 publican Solsticio, o seu duodécimo traballo.
O 3 de novembro de 2011 anunciouse que a nova vocalista do grupo era Paula Rey,[2] despois de que Sara Vidal deixara o grupo en setembro.
En xuño de 2014, o grupo estrea un espectáculo chamado "Torre de Breoghan", cuxo eixo temático son as lendas dos Milesians, que unen os mitos de Galicia e Irlanda, e no cal contaron coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia. Trátase dun concerto suite de 100 minutos de duración cunha importante parte escenográfica con proxeccións en directo. Nani García foi o encargado de facer os arranxos dos temas do grupo para orquestra. O espectáculo está dividido en catro bloques temáticos, o primeiro deles adicado ós elementos da natureza, o segundo, á lírica medieval galaico-portuguesa, o terceiro, o máis importante e central e o que lle dá título, é o da Torre de Breoghan, e a última das partes son os clásicos de Luar na Lubre, con temas como "Tu gitana", "Memoria da noite", "Camariñas", "O son do ar" ou "Chove en Santiago".[3] O espectáculo conta coa edición dun documental e dun disco-libro de Xabier Cordal, cun estilo de conto de tradición oral.
O 4 de decembro de 2015 publicaron o álbum Extra Mundi, un disco que busca achegarse a outras culturas, en homenaxe e agradecemento, levando ao seu terreo temas populares, algúns deles tamén cantados noutras linguas, como Txoria Txori, Nel campu ñacen flores ou El Rossinyol. Un ano despois celebran o seu XXX Aniversario cun recompilatorio de temas ocultos, por menos coñecidos, nun CD no que tamén reinterpretan algúns temas dos seus primeiros discos, como é o caso de Dun Tempo Para Sempre, desta volta na voz de Irene Cerqueiro, e no que renden tributo a Emilio Cao co tema Fonte de Araño, no que colabora Ismael Serrano.
En 2018 presentan Ribeira Sacra, disco gravado no Mosteiro de San Pedro de Rocas e que busca poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio [4]. O traballo conta con diversas colaboracións, entre as que destacan Víctor Manuel, SÉS, a Coral de Ruada, Nani García, a asturiana Marisa Valle Roso, Juan A. Antepazo de Astarot, Irma Macías Suárez e Brais Maceiras. Estes últimos, Irma (voz) e Brais (acordeón diatónico), acompañaron á formación na xira de presentación de Ribeira Sacra.
En 2020 publicaron Vieiras e Vieiros, un novo disco co Camiño de Santiago como tema central.[5] O disco inclúe 14 novas cancións e 14 versións de temas seus de discos anteriores, coas colaboracións de numerosos artistas como Diana Navarro, Ismael Serrano, Hevia, Miro Casabella, Carlos Jean, a antiga cantante do grupo Sara Vidal ou a Orquestra Sinfónica de Bratislava. Ademais publicaron o videoclip dun dos temas, "Dum Pater familias", que é o canto de peregrinos máis antigo conservado, aparecendo no Códice Calixtino.[6] O álbum inclúe cancións en galego, latín, inglés e francés.
O último traballo de Luar Na Lubre, editado no ano 2023, titúlase "Luar Na Lubre XX - Encrucillada". Un traballo compilatorio pero anovado e con moitas colaboracións que foi editado en formato libro/CD. Nel recóllense 16 temas emblematicos da traxectoria do grupo ao tempo que se acompaña cun libro de máis de 200 páxinas con fotografías e textos. Participan no libro máis de 50 persoeiros da cultura tanto galega como de outros lugares contando pequenas historias de interrelación co grupo dende a súa creación no ano 1966.
Membros
[editar | editar a fonte]Membros actuais
[editar | editar a fonte]- Irma Macías (voz)
- Bieito Romero (gaitas, acordeón diatónico e zanfona)
- Brais Maceiras (acordeón diatónico)
- Nuria Naya (violín)[7]
- Patxi Bermúdez (bodhran, tambor e djimbek)
- Pedro Valero (guitarras acústica, eléctrica e española, bouzouki e baixo pedal)
- Xavier Ferreiro (percusións latinas e efectos)
- Xan Cerqueiro (frautas)
Membros anteriores
[editar | editar a fonte]- Ana Espinosa (Voz) ( –1995)
- Rosa Cedrón (Voz) (1996–2005)
- Sara Vidal (Voz) (2005–2011)
- Paula Rey (Voz) (2012–2017)
- Antía Ameixeiras (Violín) (–2019)
- Eduardo Coma (Violín) ( –2016)
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums
[editar | editar a fonte]- O son do ar (1988)
- Beira Atlántica (1990)
- Ara Solis (1993)
- Plenilunio (1997)
- Cabo do mundo (1999)
- XV Aniversario (2001)
- Espiral (2002)
- Hai un paraíso (2004)
- Saudade (2005)
- Camiños da fin da terra (2007)
- Ao vivo (2009)
- Solsticio (2010)
- Mar Maior (2012)
- Sons da lubre nas noites de luar (2012)
- Torre de Breoghán (2014)
- Extra Mundi (2015)
- XXX Aniversario (2016)
- Ribeira Sacra (2018)
- Vieiras e vieiros, historias de peregrinos (2020)
Libro-disco
[editar | editar a fonte]- XX-Encrucillada (2023). A Coruña: Baía Ed. 160 páxs. ISBN 9788499954240.
Audiovisual
[editar | editar a fonte]Videoclips
[editar | editar a fonte]- "Tu Gitana" (1997)
- "Chove en Santiago" (1999)
- "El derecho a vivir en paz" (2002)
- "Os animais" (2007)
- "Ven bailar Carmiña" (2010)
- "Os tafenos da gaurra" (2018)
- " Dum pater familias" (2020)
Longametraxes
[editar | editar a fonte]- Un bosque de música, longametraxe documental sobre o grupo dirixido por Ignacio Vilar e editado por “Via Lactea Films” no ano 2004.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "«A miña vida deu un xiro grandísimo, antes cantaba entre amigos e nas igrexas»". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-09-06. Consultado o 2018-10-16.
- ↑ ""A coruñesa Paula Rey é a nova vocalista de Luar na Lubre"". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2011. Consultado o 04 de novembro de 2011.
- ↑ "Entrevista a Bieito Romero en Zig Zag Eirado". CRTVG. Consultado o 11 de xullo de 2014.
- ↑ Coruña, Ayuntamiento de A. Coruña / Concello da. "Luar na Lubre". Cultura Coruña. Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2018. Consultado o 2018-12-28.
- ↑ "Luar na Lubre publica «Vieiras e vieiros» e regresa este venres aos escenarios". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de xuño de 2020. Consultado o 27 de xuño de 2020.
- ↑ "Luar Na Lubre ilustra musicalmente el Camino de Santiago con el álbum ‘Vieiras e vieiros, historias de peregrinos’" (en castelán). 26 de xuño de 2020. Consultado o 27 de xuño de 2020.
- ↑ "Luar na Lubre presenta nova formación en Madrid". Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2018. Consultado o 20 de maio de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luar na Lubre |