Lingua azerí
| Azerí (Azərbaycan dili/Азәрбајҹан дили/آذربایجان دیلی) | ||
|---|---|---|
| Falado en: | Acerbaixán, Irán, Xeorxia, Iraq, Rusia, Turquía e Ucraína | |
| Rexións: | Cáucaso | |
| Total de falantes: | 25 millóns | |
| Familia: | Linguas altaicas (controversia) Linguas túrquicas Linguas oghuz Azerí |
|
| Escrita: | Alfabeto latino, cirílico e árabe | |
| Estatuto oficial | ||
| Lingua oficial de: | Acerbaixán | |
| Regulado por: | Non regulado | |
| Códigos de lingua | ||
| ISO 639-1: | az | |
| ISO 639-2: | aze | |
| ISO 639-3: | aze | |
O idioma azerí, tamén chamado acerbaixano, é o idioma oficial de Acerbaixán. Os falantes deste idioma denomínano azərbaycan. Presenta varios dialectos falados en varios países veciños coma Irán, Rusia (no Daguestán), Xeorxia, Iraq e Turquía. Estímase que entre 20 e 50 millóns de persoas falan azerí. É unha lingua altaica, da rama Oghuz, moi relacionada co turco e influenciada polo persa e o árabe.
Índice |
Nomenclatura [editar]
Durante o período inicial da República de Azerbaixán, o idioma denominábase "Türkdili" ("turco"), pero dende 1994 úsase o nome "Azərbaycan dili" ("azerí"). En moitas partes de Irán denomínase ó azerí turki ou torki, chamando ó turco turco de Estambul. Algúns expertos considérano un dialecto do turco, aínda que o código ISO denomínao "azerí".
Historia e evolución [editar]
O autor medieval Ibn al-Nadim, na súa obra Al-fihrist, menciona que nas zonas da antiga Persia, incluído o territorio da actual República de Azerbaixán, falábase unha lingua distinta. Así, cita as linguas de raíz iraní: fahlavi (pahlavi), dari, juzi, farsi (persa), e seryaní.
O dari, que xurdiu na zona leste de Irán, sería a lingua usada nas Cortes Reais. O parsi sería a lingua propia da relixión zoroástrica.
Os estudos etimolóxicos apuntan que os dialectos actuais que se falan nas rexións de Bakú, Jaljal e Semnan xurdiron dunha lingua común.
Crese que a forma turca que presenta actualmente o azerí substituíu ó pahlavi durante a chegada dos pobos turcos.
Literatura [editar]
A literatura clásica azerí xurdiu no século XI, baseada nos dialectos Tabriz e Shervan. A literatura moderna de Azerbaixán está baseada no dialecto shervani, mentres que en Irán baséase no tabrizí. No 1875 publicouse o primeiro xornal en azerí, Əkinçi. Durante o período soviético, o azerí foi usado como lingua franca entre tódolos pobos de etnia turca que habitaban a Unión Soviética.
A mediados do século XIX aprendíase nas escolas de Bakú, Gandja, Saki, Tbilisi e Ereván. Dende 1845 pódese estudar na Universidade de San Petersburgo, Rusia.
Alfabetos [editar]
Oficialmente, o azerí usa o alfabeto latino inda que o alfabeto cirílico está amplamente difundido. Existe total correspondencia entre os dous alfabetos, que dá ó cirílico unha orde distinta da habitual:
Aa Аа, Əə Әә, Bb Бб, Cc Ҹҹ, Çç Чч, Dd Дд, Ee Ее, Ff Фф, Gg Ҝҝ, Ğğ Ғғ, Hh Һһ, Xx Хх, Iı Ыы, İi Ии, Jj Жж, Kk Кк, Qq Гг, Ll Лл, Mm Мм, Nn Нн, Oo Оо, Öö Өө, Pp Пп, Rr Рр, Ss Сс, Şş Шш, Tt Тт, Uu Уу, Üü Үү, Vv Вв, Yy Јј, Zz Зз.
Ata 1929, só se usou o alfabeto árabe. Entre 1929 e 1938 usouse o alfabeto latino inda que de forma distinta á que se usa hoxe. A partir dese ano e ata 1991 usouse o alfabeto cirílico. Dende ese ano e ata a actualidade houbo un lento período de transición ó alfabeto latino. Os falantes de azerí en Irán continúan usando o alfabeto árabe.
Se está escrito en alfabeto latino, as palabras estranxeiras tradúcense á súa propia pronuncia. Por exemplo: "Bush" escríbese "Buş", e "Schröder", "Şröder".
Ligazóns externas [editar]
- Instituto de Lingüística da Academia de Ciencias de Acerbaixán (en azerí) (en ruso) (en inglés)
- azeri.org (en inglés)