Lareira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lareira nunha casa rural de Outes, A Coruña.

A lareira ou lar é o lugar destinado a facer o lume nas casas. Tradicionalmente nas casas galegas constituían o espazo principal da cociña[1], e usábanse tanto para cociñar como para quentar a casa.

Porén, especialmente nos últimos tempos, son tamén habituais as lareiras na sala. Neste caso perden a súa función de cociña pero conservan as funcións decorativa e de quecemento do ambiente interior.

Lareiras de cociña ou tradicionais[editar | editar a fonte]

Compoñentes[editar | editar a fonte]

Distínguense esencialmente tres partes: pedra do lar, esteo e cambota.[2] A única indispensable e sempre presente é a lousa. As outras dúas poden estar ou non. Deste xeito é na pedra do lar onde se fai o lume, o esteo transmite as cargas da estrutura ao solo e a cambota guía o fume cara ao canudo da cheminea, que o conducirá definitivamente ao exterior da vivenda.

Case que con regularidade sitúase un forno no seu interior. Nun dos muros ou en varios adoita haber un ou máis ocos que conforman as lacenas, onde gardar os alimentos. A carón do lume, arrimado á lousa ou enriba dela atópase o escano[3], no que a xente senta a comer, quencer ou matar no tempo. Trátase dun banco de madeira, normalmente de castiñeiro, con respaldo e provisto ou non de repousa-brazos. Cando a pedra do lar está en altura pode facérselle un rebaixe nas patas dianteiras para apoiarse nela, quedando sobre o chan da cociña as traseiras. Así lógrase estar sentado máis preto do lume. O oco baixo o asento pode ser o lugar adicado a cebar os capóns, denominándose capoeira. Esta pequena gaiola non permite o movemento dos animais, favorecendo así o seu engorde.

Nas casas nas que se comía na lareira acoplábase unha mesa ao escano. Dispoñíase paralela ao asento, facéndose abatible mediante dous brazos unidos a el nos seus extremos, cunha articulación que permitía o xiro. É o escano con mesa de levante. Resulta evidente darse conta que cómpre sentar antes de baixar a mesa, porque unha vez despregada o comensal queda preso no asento.

Pote apoiado na lareira.

A lareira alberga tamén distintos utensilios para o xantar. Nos potes ou nas caldeiras faise a comida. Estes teñen tamaños variables dependendo do seu uso. En áreas gandeiras acadan dimensións importantes, por seren neles onde se preparaba o alimento dos animais. Para a familia reservábanse os potes pequenos. Cando non ían apoiados directamente na pedra do lar, ou ben sobre trespés pousados na mesma, potes e caldeiras penduraban do burro ou do pau do fumeiro mediante unha cadea de ferro chamada gramalleira.

Situación[editar | editar a fonte]

A lareira pode aparecer colocada: en esquina, adosada, illada ou en dependencia propia.

  • A de esquina disponse no encontro entre dous muros. Os linteis, que soportan o peso da cambota, están empotrados nos paramentos por un dos seus extremos, e polo outro, no encontro entre ambos os dous, apoiarán ou non nun esteo.
  • A adosada a un muro afástase dos paramentos laterais lindeiros nunha posición que non terá por que coincidir coa parte central da parede. O número de linteis pasará obrigatoriamente a ser tres.
  • A lareira illada e máis difícil de atopar. Sitúase afastada dos muros, centrada na estancia ou a poucos centímetros dalgunha das paredes.
  • O caso máis excepcional de todos é o da lareira en dependencia propia, que emprega a totalidade da estancia para albergar a lareira.

Materiais[editar | editar a fonte]

A elección dos materiais para a construción da lareira dependerá basicamente da súa predominancia no territorio. Cómpre desprazar as lareiras en cidades de toda esta clasificación, por mor de que nelas o material omnipresente é a pedra. Poden estar feitas de madeira, pedra ou da mestura de ambos os dous.

Nas de pedra, a calidade desta é fundamental porque vai influír nos remates, na lonxevidade da lareira e nas dimensións dos seus elementos, que permitirán salvar grandes luces cunha única peza. As de madeira adoitan ser un bo recurso cando a pedra da zona no é de boa calidade, e hai ademais boa tradición artesá no traballo da madeira. A mestura de materiais aparece a causa da ausencia do granito, dando lugar a lareiras máis humildes.

Lareira ornamental de caixa pechada ou de cassette, nun apartamento.
Lareira de sala aberta.
Diagrama da convección do ar nunha lareira de sala.

Lareiras de sala[editar | editar a fonte]

As lareiras de sala están deseñadas para conteren o lume, servindo de quecemento, creación de ambientes relaxantes e decoración, evitando no posible a entrada de sucidade (feluxe) e fume ao interior da casa.

Hainas de varios tipos:

  • De construción, feitas principalmente de tixolos con ou sen unha pedra horizontal para soporte do lume.
  • Prefabricadas, formadas por un conxunto de placas ou tabiques metálicos.
  • De peche estanco, formadas por unha caixa (cassette) metálica, habitualmente de fundición.

De preparar adecuadamente a circulación do ar por tras dos paramentos (tabiques, muros), conséguese que a lareira quente o interior da casa polos tres mecanismos fundamentais de transmisión de calor:

  • Pola radiación emitida polas partes quentes (radiación infravermella, e incluso vermella nas partes máis quentes).
  • Por condución aos paramentos e outras partes en contacto coa lareira, de xeito que a temperatura destas partes aumenta e convértense á súa vez en radiadores.
  • Por convección ou circulación do ar, nun circuíto tras dos paramentos (véxase o camiño A, B, C no diagrama).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Museo de Pontevedra. Colección. Fondos Etnográficos: A Cociña" (en en galego). Museo de Pontevedra. http://www.museo.depo.es/coleccion/fondos.etnograficos/ga.03080003.html. Consultado o 25 de outubro de 2008.: "Nas casas galegas a cociña era a estancia máis importante e acolledora. Nela eran recibidos os visitantes, formalizábanse contratos de compravenda e intercambios, comíase, mantíñanse faladoiros e realizábanse distintos labores. Nas aldeas adoitaba estar facilmente comunicada con outras dependencias, en especial cos cortellos dos animais."
  2. Dicionario gráfico que inclúe elementos da lareira: "Dicionario visual da construción: Casa de Campo — Elementos interiores" (en en galego). COAG. http://composicionarqdatos.files.wordpress.com/2008/09/macmillan-visualdictionary-construcion.pdf. Consultado o 25 de outubro de 2008.
  3. "Parroquia de San Xulián de Vigo: Fotografías dunha vivenda antiga" (en en galego). http://es.geocities.com/sanxuliandevigo/vivendaantiga.html. Consultado o 25 de outubro de 2008.: Entre outras fotografías de diversos elementos da cociña incluíndo a lareira, os escanos, o pote, mobles e útiles de cociña.