Conversa:Lareira

Os contidos da páxina non están dispoñibles noutras linguas.
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Untitled[editar a fonte]

Engado til a "trebedes", pois é palabra esdrúxula. —o anterior comentario sen asinar foi feito por Beiroa (conversacontribucións) ás 14:12 do 26 de outubro do 2008 (UTC)

  • Esdrúxula, si, pero tamén castelán. En galego é trespés ou trepia. Pedro --Lameiro (conversa) 14:21, 26 outubro 2008 (UTC)

Cambio de alcance na definición de lareira[editar a fonte]

Propoño nesta conversa un cambio importante no artigo "lareira".

En galego chámase lareira ao lugar onde se fai o lume, e cheminea ao conduto superior para a evacuación do fume. As lareiras tradicionalmente estaban nas cociñas, e usábanse para cociñar ademáis de para quentar a casa.

Nas últimas décadas apareceu nas nosas casas outro tipo de lareira, unha evolución das tradicionais: as que se usan no salón, con uso decorativo e para quentar pero non para cociñar.Como as novidades técnicas en Galicia entran a través da rede de distribución comercial española, habitualmente entran coa súa denominación castelá. Neste caso entraron co nome de "chimeneas", e os galegofalantes tendemos a traducir sen pensar máis, e chamarlles "chemineas". Pero iso non é normal, pois o galego reserva a palabra "cheminea" para o conduto de evacuación do fume.

Se consultamos o dicionario da RAG, lamentablemente cae no erro de deixar desterrada a palabra lareira ao seu uso tradicional na cociña. Pero ao facelo así deixa un baleiro importante, xa que a definición que fai de cheminea é a correcta galega: conduto para evacuar o fume. Se as lareiras son só as das cociñas tradicionais e cheminea é só o conduto para o fume, deixa sen dar nome ás lareiras "modernas" que se instalan no salón.

(RAG) lareira s.f. Pedra plana situada a pouca altura do chan, onde se fai o lume para cociñar, nas casas tradicionais, e sobre a que adoita ir colocada unha cambota. No canizo, encima da lareira, cúranse os chourizos e sécanse as castañas. SIN. lar.

(RAG) cheminea s.f. Conducto por onde sae o fume das cociñas, dos fornos, das máquinas, etc., ó exterior. As chemineas das casas, das fábricas, dos barcos.

Consultando outros dicionarios galegos, podemos ver que en xeral definen lareira como o lugar da casa onde se fai lume, non necesariamente restrinxido ás casas tradicionais nen necesariamente á cociña: http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=lareira&tipo_busca=lema

Este problema no alcance do termo non aconteceu cos nosos veciños portugueses, por eles non estaren suxeitos ás redes de distribución comercial españolas. Así, os nosos veciños aplicaron o termo tradicional "lareira" tamén ás lareiras modernas de salón, de xeito natural:

http://www.lareirascarvalho.pt/

http://www.arte-e-fogo.pt

Por tanto, os cambios que vou facer no artigo son os seguintes:

- Cambiar a definición inicial do artigo por esta: A lareira é o lugar destinado a facer o lume nas casas.Tradicionalmente nas casas galegas estaban na cociña, e usábanse tanto para cociñar como para quentar a casa. Porén, especialmente nos últimos tempos, son tamén habituais as lareiras no salón que perden a súa función de cociña pero conservan as funcións decorativa e de quecemento do ambiente.

- Crear dous apartados principiais: Lareiras de cociña e Lareiras de salón.

- Baixo o primeiro apartado deixaría intacto o valioso traballo xa feito na descripción das lareiras tradicionais

- No segundo apartado procedería a describir as lareiras de salón

- Eliminar o ficheiro gráfico "Cheminea ornamental nun apartamento" que aparece no artigo "Cheminea" e poñelo como "Lareira ornamental nun apartamento" dentro do artigo "Lareira"

Finalmente, farei a ligazón interlingua do artigo lareira galego con lareira(pt), hogar(es), fireplace(en)... O artigo "Cheminea" xa está correctamente ligado interlingua a chaminé(tp), chimenea(es), chimney (en)

--Baralloco 14:27, 14 de febreiro de 2012 (UTC)

  • Teño toda a impresión de que tes máis razón que un santo, pero non deixa de ser unha conclusión particular que non ten referencias (na ligazón que dás ó DdD só atopamos o significado de lareira tradicional e de forno das embarcacións, e de aí non podemos deducir que tamén se poida aplicar á "lareira de salón"). Máis: dicir que a RAG "cae no erro" é moito dicir. Con todo isto non quero cambiar nada do que fixeches, só puntualizar que, polo de agora, non temos nada en qué basear estas correccións. Por outro lado, as referencias que temos (2 e 3) non funcionan: o Dicionario visual da construción, hoxe, xa non é visual e só nos dá a tradución castelán-galego. Pedro --Lameiro (conversa) 19:09, 14 de febreiro de 2012 (UTC)
Pódese atopar en PDF en varios sitios, por exemplo aquí. Lareira aparece dúas veces na páxina 2-14. --. HombreDHojalata.conversa 20:36, 15 de febreiro de 2012 (UTC)

Sen referencias[editar a fonte]

Ola Lameiro:

é verdade, tes razón que me pasei cando dixen que a RAG "cae nun erro", realmente é moi ousado e pouco respectuoso pola miña parte. Supoño que o que fixeron os académicos foi reflectir fielmente o uso que os galegos damos á palabra "lareira" xa que a inmensa maioria aplica(mos) ese nome só ás tradicionais. E tamén é unha realidade, tristemente, que ás modernas lles damos maioritariamente o nome castelán "chimenea". Por exemplo nas webs dos comercializadores galegos é sempre así, porque ademais están escritas só en castelán:

http://www.quento.es/

http://www.granidecor.es/

http://www.chimeneascide.com/

O que pretendía dicir é que considero un pouco lamentable que por non haber referencias específicsa do nome dado a este último tipo de lareiras, para elas acabe sendo a denominación "estándar" na práctica o termo castelán "chimenea" (ou a súa tradución literal ao galego como "cheminea", tradución que por certo tampouco ten referencias con este uso).

Polo menos no DdD algunhas das definicións non restrinxen o termo lareira á cociña tradicional, senon que a definen dun xeito máis xenérico como "Hogar", "Piedra del hogar sobre la que se conserva el fuego", "Piedra del hogar, fogón", "Piedra del hogar sobre la que se enciende el fuego". Dentro destas definicións caberían as de sala, non?

Por certo, modificando posteriormente o artigo cambiei "salón" por "sala", xa que vin no dicionario da RAG que o cuarto de lecer nas casas é máis ben sala, e salóns son máis ben os dedicados a actos públicos.

--Baralloco 15:24, 15 de febreiro de 2012 (UTC)

  • Ballaroco, soamente un apuntamento: en galego é cheminea, pero non porque se traduza do castelán, senón porque esa é a forma propiamente galega, que ao igual ca a inglesa ou a castelá, proveñen orixinalmente do francés. Con isto quero remarcar que non hai linguas subsidiarias, non a galega da castelá nin a castelá da galega. Un saúdo. --Atobar (conversa comigo) 15:30, 15 de febreiro de 2012 (UTC)
    • Outro apuntamento: sí que hai referencias para o uso de cheminea como ese elemento da sala. Non tes máis que buscar no TILGA e atoparás 139 ocorrencias. A maioría son de cheminea como conduto de fumes, claro, pero tamén hai referencias que nos interesan: Había tamén unhas señoras quentandose na cheminea (Otero Pedrayo: Contos do camiño e da rúa, Nós, 1932); Tiña un escuro apartamento de mobles escuros polo tempo, boa cheminea... (Otero Pedrayo: O señorito da Reboraina, Galaxia 1960); O comedor tiña zócalo de castiñeiro i o cuarto de estar unha gran cheminea de cantería ou No comedor, de moito vagantío, hai unha gran cheminea de cantería (Ánxel Fole: Terra brava. Contos da solaina, Galaxia, 1955); ... que o cravaba horas e horas, silencioso e adormecido, diante da cheminea cun libro na man (Carlos Casares: Ilustrísima, Galaxia 1980). Haberá moitos máis casos pero só mirei as dúas primeiras páxinas. Saúdos, Pedro --Lameiro (conversa) 20:36, 15 de febreiro de 2012 (UTC)

Concordo contigo

Saúdos --Baralloco 16:16, 15 de febreiro de 2012 (UTC)