Mestura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En química, unha mestura é unha combinación de dúas ou máis sustancias de maneira que non ocorre unha reacción química e cada sustancia mantén a súa identidade e propiedades. Unha mestura pode ser separada por medios físicos dando os seus compoñentes orixinais: destilación, disolución, separación magnética, flotación, filtración, extracción, decantación ou centrifugación. Se despois de mesturar algunhas sustancias, non podemos recuperalas por medios físicos, é indicativo de que ocorreu unha reacción química e as sustancias perderon a súa identidade: formaron sustancias novas. Un exemplo dunha mestura é area con limaduras de ferro, que a primeira ollada é fácil ver que a area e o ferro manteñen as súas propiedades.

Existen dous tipos de mesturas: mesturas heteroxéneas e mesturas homoxéneas.

Mesturas heteroxéneas[editar | editar a fonte]

Mestura heteroxénea é aquela que presenta un aspecto diferente en distintas partes, unhas partes teñen distintas propiedades que outras. Está formada por dúas ou máis fases (compoñentes) que se distinguen a primeira ollada e contén cantidades diferentes dos compoñentes. A madeira, o granito, as rocas, area e auga, aceite e auga, a sopa de verduras, as ensaladas son exemplos de mesturas heteroxéneas.

As mesturas heteroxéneas son mesturas formadas por sustancias visiblemente diferentes, ou de fases diferentes, e presentan un aspecto non uniforme. Un exemplo é o granito. As partes dunha mestura heteroxénea poden ser separadas por filtración, decantación e por magnetismo. Nas mesturas heteroxéneas podemos distinguir cinco tipos de mesturas:

  • Suspensión grosa: Mesturas heteroxéneas formadas por partículas dun sólido, de tamaño non pequeno, que se dispersan nun medio líquido.
  • Suspensións: Mesturas heteroxéneas formadas por un sólido, de pequeno tamaño, pero visibles ó microscopio, que se dispersan nun medio líquido.
  • Coloides: temos un coloide cando nunha mestura as partículas dispersas non pode verse cun microscopio pero si cun ultramicroscopio, atravesan os poros dun filtro ordinario, pero son retidas por un ultrafiltro. O outro compoñente acadaría un tamaño atómico/molecular.. Entre os coloides atopamos a maionesa, xelatina, fume do tabaco e o deterxente disolto en auga.
  • Sol: Estado diluído da mestura, pero non chega a ser líquido, tal é o caso das cremas, espumas, etc.
  • Xel: Estado con maior cohesión que a fase Sol, chegando a ter un aspecto semisólido pero non chega a ser un estado sólido, por exemplo a xelea.


Separación de mesturas[editar | editar a fonte]

As mesturas heteroxéneas pódense separar por: filtración , sedimentación , decantación , sublimación , etcétera.

A filtración é unha técnica, proceso tecnolóxico ou operación unitaria de separación, pola cal faise pasar unha mestura de sólidos e fluídos, gas ou líquido, a través dun medio poroso ou medio filtrante que pode formar parte dun dispositivo denominado filtro, onde se retén da maior parte do ou dos compoñentes sólidos da mestura.

A decantación é un método físico de separación de mesturas especial para separar mesturas heteroxéneas, estas poden ser exclusivamente líquido - líquido ou sólido - líquido. A decantación baséase na diferenza de densidade entre os dous compoñentes, que fai que deixados en repouso, ambos se separen ata situarse o máis denso na parte inferior do envase que os contén. Desta forma, podemos baleirar o contido por arriba.

A sedimentación é o proceso polo cal o material sólido, transportado por unha corrente de auga, deposítase no fondo do río, encoro, canle artificial, ou dispositivo construído especialmente para tal fin. Toda corrente de auga, caracterizada polo seu caudal, velocidade e forma da sección, ten unha capacidade de transportar material sólido en suspensión. O cambio dalgunha destas características da corrente pode facer que o material transportado poda sedimentarse.

A sublimación (do latín sublimare) é o proceso que consiste no cambio de estado da materia sólida ao estado gasoso sen pasar polo estado líquido. Pódese chamar da mesma forma ao proceso inverso, ó paso directo do estado gasoso ó estado sólido, pero é máis apropiado referirse a esa transición como sublimación inversa ou regresiva. Un exemplo clásico de sustancia capaz de sublimarse é o xeo seco.

Mesturas homoxéneas[editar | editar a fonte]

As mesturas homoxéneas son mesturas que teñen unha aparencia uniforme , non se diferencian os seus compoñentes ou sustancias que forman a mestura. Moitas mesturas homoxéneas son comunmente chamadas disolucións. As partículas destas son tan pequenas que non é posible distinguilas visualmente.

Mestura homoxénea é aquela que só presenta unha fase, ten o mesmo aspecto e as mesmas propiedades por calquera parte dela e non ven as partículas que a forman.

Existen cinco tipos de mesturas homoxéneas que son:

  • sólido - sólido
  • líquido - sólido
  • líquido - líquido
  • gas - líquido
  • gas - gas

As características das mesturas homoxéneas son:

  • o seu aspecto uniforme (homoxéneo)en todas as súas partes,
  • os seus compoñentes non se distinguen a primeira ollada nin con microscopio,
  • non sedimentan,
  • atravesan todos os filtros, e
  • os seus compoñentes pódense separar por métodos físicos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

o:????? hei:??????