José Posada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

José Domingo Posada González, nado en Vigo o 9 de maio de 1940 e finado o 14 de xaneiro de 2013 en Ourense, foi un empresario e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De pai vigués e nai de Puga, estudou o bacharelato no Instituto de Ourense. Enxeñeiro técnico en química industrial pola Escola Técnica de Vigo (1961). Enólogo e empresario, comezou a desenvolver a súa carreira vencellado ao grupo empresarial alimentario do que xa era socio o seu pai, Cuevas SA. Para esta compañía desenvolveu unha liña de doces de castaña, marron glacé, que a partir de 1989 comercializou cunha marca propia xa fóra de Cuevas.

Destacado membro da sociedade ourensá, foi presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas ata 1984, e presidente do consello de administración da Caixa de Aforros de Ourense entre 1984 e 1987. Como enólogo escribu diversas obras e foi presidente do Consello Regulador da denominación de orixe Augardente de Galicia entre 1992 e 1996.

José Posada tamén desenvolveu unha carreira política, pois foi membro de Coalición Galega. En representación deste partido figurou nunha candidatura da Coalición Nacionalista ás eleccións europeas de 1989, na que tamén se integraba o PNV. Nesa lista conseguiu ser deputado no Parlamento Europeo de forma rotatoria entre 1993 e 1994 e de novo en 1999. Continuou de líder de Coalición Galega durante a longa fase de inactividade desta formación, e conduciuna na súa integración en Compromiso por Galicia en 2012. Tamén desenvolveu un importante labor xornalístico, e foi participante habitual dos parladoiros de Telemiño.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Os viños de Galicia, 1978.
  • Manual de los vinos y aguardientes de Galicia, 1981.
  • Metafísica del vino, 2001.
  • O desafío do Mercado Común para os viños galegos.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Maria do Carmo Henriquez Salido, voceira histórica do reintegracionismo e autora de diversos libros. Faleceu como consecuencia dun infarto mentres durmía[1].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]