Jabba o Hutt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jabba o Hutt
Personaxe de A guerra das galaxias

Representación de Jabba o Hutt coa princesa Leia.
Primeira aparición
Última aparición The Phantom Menace (1999)
Creador(es) George Lucas
Interpretado por
  • Declan Mulholland (A guerra das galaxias; escena eliminada, posteriormente recuperada, substituíndo o actor por unha imaxe xerada por ordenador na edición especial de 1997 e nos subseguinte lanzamentos)
  • David Alan Barclay/Toby Philpott/Mike Edmonds (monicrequeiros en O retorno do Jedi)
Voz orixinal
  • Larry Ward (O retorno do Jedi)
  • Ed Asner (O retorno do Jedi drama radiofónico)
  • Randy Thornton (audiolibro en CD)
  • Actor descoñecido (A guerra das galaxias versión de 1997 en diante e The Phantom Menace)
  • Clint Bajakian (nos videoxogos Star Wars Episode I: The Phantom Menace, Star Wars: Demolition, Star Wars: Galactic Battlegrounds, Star Wars: Bounty Hunter)
  • Kevin Michael Richardson (Star Wars: The Clone Wars filme e serie de televisión, e en Disney Infinity 3.0)
  • David W. Collins (Star Wars: The Force Unleashed)
  • Michael Donovan (Lego Star Wars: The Yoda Chronicles)
planeta de orixeTatooine
Información
Nome orixinal Jabba Desilijic Tiure
Raza hutt
Sexo masculino
Ocupación señor do crime
Familia Ziro o Hutt (tío)
Fillos Rotta o Hutt (fillo)

Jabba Desilijic Tiure,[1] comunmente coñecido como Jabba o Hutt, é un personaxe ficticio de A guerra das galaxias creado por George Lucas. É un extraterrestre da especie dos hutt, grande e parecido a unha lesma,[2] que como moitos outros da súa especie, opera como un poderoso señor do crime dentro da galaxia.

Na estrea cinematográfica da triloxía orixinal de Star Wars, Jabba o Hutt apareceu por primeira vez en O retorno do Jedi (1983), no entanto menciónase en A guerra das galaxias (1977) e en O imperio contraataca (1980). Ademais, nunha escena eliminada da montaxe orixinal de A guerra das galaxias Jabba o Hutt tamén aparece —escena que se agregou na edición especial de 1997 da película e nos subseguintes lanzamentos de A New Hope—. Cando se filmou por primeira vez esta escena, mostrábase a Jabba como un humanoide interpretado por Declan Mulholland, que se substituíu dixitalmente polo monstruoso deseño actual do personaxe cando a secuencia se incorporou á película en 1997.

No contexto da narrativa da triloxía orixinal, Jabba preséntase como o xefe do crime máis poderoso de Tatooine, que ofreceu unha recompensa polo contrabandista Han Solo —cazadores de recompensas como Greedo e Boba Fett andan atrás del para capturalo ou matalo—. Na súa fortaleza, tras capturar a Han Solo, represéntase a Jabba rodeado por gran cantidade de extraterrestres, delincuentes, artistas (como a banda Max Rebo) e escravas —a princesa Leia foi escrava del mais só brevemente; entre o cativerio da princesa e a morte do hutt a mans dela, no medio dunha batalla no gran pozo de Carkoon, no deserto de Tatooine—. Jabba descríbese como un antagonista cruel, cun sentido do humor acedo, un apetito insaciable (común na súa especie) e tendencia á tortura e outras actividades desprezables.[1]

O personaxe incorporouse de forma destacada durante a comercialización de Star Wars, que comezou coa campaña de mercadotecnia correspondente co lanzamento cinematográfico de O retorno do Jedi. Ademais das películas, Jabba o Hutt aparece tamén en varias pezas literarias de Star Wars Legends. Dende a súa aparición en O retorno do Jedi, a figura de Jabba o Hutt tivo influencia na cultura popular contemporánea estadounidense, comunmente empregado como un recurso político satírico e caricaturesco, para resaltar calidades negativas como a corrupción e a apetencia desmesurada.[3][4]

Aparicións[editar | editar a fonte]

Jabba o Hutt aparece en tres das oito películas de Star Wars (The Phantom Menace, A guerra das galaxias e O retorno do Jedi) e en The Clone Wars. Ten un papel recorrente na literatura do universo expandido de Star Wars e protagoniza a antoloxía de cómics Jabba the Hutt: The Art of the Deal (1998), unha colección de cómics publicada orixinalmente en 1995 e 1996.

Películas de Star Wars[editar | editar a fonte]

Jabba vese por primeira vez en 1983 en O retorno do Jedi, a terceira entrega da triloxía orixinal de Star Wars. Dirixida por Richard Marquand e escrita por Lawrence Kasdan e George Lucas, o primeiro acto de O retorno do Jedi presenta á princesa Leia (Carrie Fisher), a Chewbacca (Peter Mayhew) e ó cabaleiro jedi Luke Skywalker (Mark Hamill) intentando rescatar ó seu amigo Han Solo (Harrison Ford), que fora aprisionado en carbonita no filme anterior, O imperio contraataca.[5]

Capturado Han Solo, foi entregado a Jabba polo cazador de recompensas Boba Fett (Jeremy Bulloch) e colocado para a súa exhibición na sala do trono do señor do crime como trofeo. Lando Calrissian (Billy Dee Williams), os droides C-3PO (Anthony Daniels) e R2-D2 (Kenny Baker), Leia e Chewbacca, infíltranse no palacio de Jabba para salvar a Han. Leia consegue liberar a Han da carbonita, mais é atrapada e convertida en escrava polo Hutt. Foi encadeada a Jabba e obrigada a andar cun bikini metálico —que se converteu en icónico—. Luke chega para «negociar a vida de Solo», mais Jabba rexeita a súa proposta e intenta matalo lanzándoo ó foxo do Rancor, un monstro enorme. Luke mata ó Rancor, no entanto Han Solo e mais el son condenados por Chewbacca a ser devorados polo Sarlacc no gran pozo de Carkoon. Emporiso, Luke líbrase da execución coa axuda de R2-D2 e derrota ós gardas de Jabba. Durante a confusión que se produce, Leia estrangula a Jabba ata a morte. Luke, Leia, Han, Lando, Chewbacca, C-3PO e R2-D2 escapan deseguido; mentres foxen, a barcaza de Jabba estoupa sobre o foxo do Sarlacc.[5]

A segunda aparición cinematográfica de Jabba o Hutt foi na edición especial de A guerra das galaxias de 1997 para conmemorar o vixésimo aniversario de Star Wars. Aquí (como na origixal) Han Solo discute co cazador de recompensas extraterrestre Greedo (Paul Blake e Maria De Aragon), a quen mata. Após, Jabba reafírmalle a Han as derradeiras palabras de Greedo; esixíndolle que pague o valor da carga que perdeu. Han promete compensar a Jabba tan pronto como reciba o pago polo traslado de Obi-Wan Kenobi (Alec Guinness), Luke Skywalker, R2-D2 e C-3PO a Alderaan; Jabba acepta, porén ameaza con poñerlle prezo á súa cabeza senón cumpre o acordo. Esta conversación foi unha escena eliminada durante a montaxe da película orixinal de 1977, onde Declan Mulholland interpretou a Jabba como un humanoide. Na versión da edición especial de 1997, Jabba represéntase mediante imaxes xeradas por ordenador substituíndo a Mulholland, e a súa voz dóbrase á linguaxe ficticia huttese.[6]

Jabba o Hutt aparece por terceira vez na precuela de 1999, Star Wars: Episodio I - The Phantom Menace, ambientada 36 anos antes de O retorno do Jedi. Jabba dá a orde de comezar unha carreira de podracers en Mos Espa, en Tatooine. Unha vez que dá a saída, Jabba queda durmido e perde de ver o final da competición.[7][8]

The Clone Wars[editar | editar a fonte]

Jabba figura na trama da película de animación Star Wars: The Clone Wars, na que o seu fillo Rotta é capturado por separatistas. Anakin Skywalker e Ahsoka Tano devólvenllo san e salvo a cambio de que permita o paso seguro dos barcos da República a través do seu territorio.

Jabba apareceu posteriormente en varios episodios da serie The Clone Wars, a partir da terceira temporada. No episodio "Sphere of Influence", no que Jabba se enfronta ó presidente Papanoida, a quen Greedo lle secuestrara as fillas, Jabba consinte que se tome unha mostra de sangue de Greedo para demostrar que é o secuestrador. No episodio "Evil Plans", Jabba contrata ó cazador de recompensas Cad Bane para que consiga o proxecto do edificio do Senado. Cando Bane regresa con éxito, Jabba e o consello hutt envían a Bane a liberar da prisión a Ziro, tío de Jabba. De seguido, Jabba aparece de forma breve no episodio "Hunt for Ziro", no que se ve ríndose da morte de seu tío a mans de Sy Snootles, e págalle cando lle entrega o diario holográfico de Ziro. No episodio da quinta temporada "Eminence", Jabba e o consello hutt reciben ós líderes do Colectivo das sombras Darth Maul, Savage Opress e Pre Vizsla; decepcionado tralo encontro, Jabba envía ós cazadores de recompensas Embo, Dengar, Sugi e Latts Razzi para capturalos. Despois dunha batalla, o Colectivo das sombras enfróntase a Jabba no seu palacio en Tatooine, onde Jabba se ve obrigado a aceptar unha alianza.

Outras aparicións[editar | editar a fonte]

Universo expandido[editar | editar a fonte]

As primeiras publicacións onde aparece Jabba o Hutt foron nas adaptacións de Marvel Comics de A guerra das galaxias. En Six Against the Galaxy (1977) de Roy Thomas, What Ever Happened to Jabba the Hut? (1979) e In Mortal Combat (1980), ambos de Archie Goodwin, Jabba o Hutt (orixinalmente escrito Hut) apareceu como un humanoide alto cunha cara parecida a unha morsa, un moño e un uniforme relucente. O oficial "Jabba" aínda non estaba definido como finalmente se mostraría.

Mentres se agardaba a secuela de A guerra das galaxias, Marvel mantivo o cómic mensual coas súas propias historias. Nunha delas Jabba descobre a Han Solo e Chewbacca nun vello agocho que usaban para o contrabando, non obstante as circunstancias cambian e obrigan a Jabba a retirar a recompensa por Solo e Chewbacca; o que lles permite regresar a Tatooine para involucrarse nunha aventura con Luke Skywalker, quen regresara ó planeta para recrutar máis pilotos para a Alianza Rebelde. No curso doutra aventura, Solo mata ó pirata espacial Crimson Jack e arruína os seus plans, que Jabba financiou. Jabba restablece a recompensa pola cabeza de Solo. Han Solo mata após un cazador de recompensas que lle di que está de novo en busca e captura. El e mais Chewbacca regresan ó lado dos rebeldes (Solo menciona un incidente cun «cazador de recompensas que encontramos con Ord Mantell» nas escenas iniciais de O imperio contraataca).

Os artistas de Marvel basearon este Jabba nun personaxe máis tarde chamado Mosep Binneed, un extraterrestre que se pode ver brevemente na escena da cantina de Mos Eisley de A guerra das galaxias.[9][10][11][12] A novela de 1977 do guión de Star Wars describe a Jabba como «unha gran talla móbil, de músculo e sebo, rematada nunha caveira peluda con cicatrices», pero non brinda máis detalles sobre a aparencia física do personaxe ou da súa especie.[13]

As últimas novelas e cómics de Star Wars adoptan unha versión do personaxe como se ve na película e explican amplamente os seus antecedentes e actividades antes dos eventos narrados nos filmes. Coa adquisición en 2012 de Lucasfilm por The Walt Disney Company, toda a literatura nesta categoría foi rebautizada como Star Wars Legends e designada como non canónica en tódolos lanzamentos posteriores a abril de 2014.[14][15][16]

Zorba the Hutt's Revenge (1992), unha novela xuvenil de Paul e Hollace Davids, identifica ó pai de Jabba como outro poderoso señor do crime chamado Zorba e revela que Jabba naceu 596 anos antes dos eventos de A New Hope, atribuíndolle arredor de 600 anos no momento da súa morte en O retorno do Jedi.[17] A novela de Ann C. Crispin, The Hutt Gambit (1997) explica como Jabba o Hutt e Han Solo se converten en socios comerciais e retrata os eventos que levaron a unha recompensa pola cabeza de Han.[18] Outras historias do universo expandido —especialmente a escolma de Dark Horse Comics de Jim Woodring titulada Jabba the Hutt: The Art of the Deal (1998)— tamén detallan o ascenso de Jabba o Hutt a xefe do clan Desilijic, o seu rol no inframundo criminal no universo de Star Wars e a instauración do seu sindicato do crime en Tatooine, nos territorios do bordo exterior da galaxia de Star Wars.[19]

Tales from Jabba's Palace (1996), unha colección de contos editados por Kevin J. Anderson, reúne as vidas de varios dos secuaces de Jabba o Hutt no seu palacio e a súa relación con el durante os últimos días da súa vida. Estas historias revelan que moi poucos servidores do hutt lle son leais, habendo moitos plans entre as súas filas para tentar o seu asasinato. Cando Jabba o Hutt é asasinado en O retorno do Jedi, os seus antigos cortesáns sobreviventes unen forzas cos seus rivais en Tatooine e coa súa familia no planeta natal dos hutt Nal Hutta, reclamando o seu palacio, a súa fortuna e o seu imperio criminal.[20] A novela de Timothy Zahn, Heir to the Empire (1991) revela que un contrabandista chamado Talon Karrde finalmente substitúe a Jabba como líder da organización e traslada a sede do imperio criminal hutt fóra de Tatooine.[21]

Posibles proxectos vindeiros[editar | editar a fonte]

Lucas reparou en que Jabba tiña potencial en futuros filmes de Star Wars.[22] En agosto de 2017 anunciouse que unha película antolóxica de Jabba o Hutt se estaba desenvolvendo xunto a unha película sobre Obi-Wan Kenobi.[23] Aínda que non se anunciou ningún membro do equipo ou do seu elenco Guillermo del Toro expresou o seu interese en servir como director.[24]

Caracterización[editar | editar a fonte]

Jabba o Hutt representa a luxuria, a cobiza e a gula.[25] O personaxe é coñecido en todo o universo de Star Wars como un «gángster vil»[26] que se divirte torturando e humillando ós seus súbditos e inimigos. Rodéase de escravas lixeiras de roupa de tódalas especies, encadeadas ó seu estrado. O Star Wars Databank —un banco de datos oficial en liña con información de Star Wars— sinala que os residentes do seu palacio non están a salvo do seu afán de dominio e tortura:[27] en O retorno do Jedi, a bailarina escrava Oola, da especie Twi'lek, é lanzada ó monstro Rancor.[28]

A aparencia física de Jabba o Hutt reforza a súa personalidade como un delincuente criminal. En O retorno do Jedi, Han Solo chámalle a Jabba «anaco de verme andante luxado». O crítico de cine Roger Ebert describiuno como «un cruzamento entre un sapo e o gato de Cheshire».[29] A escritora de ciencia ficción Jeanne Cavelos escribiu que Jabba merecía o «premio ó extraterrestre máis noxento».[30] Os autores de ciencia ficción Tom e Martha Veitch escriben que o corpo de Jabba é unha «masa miasmática» e que «o corpo lardeiro do Hutt parecía liberar descargas periódicas de graxa, enviando un fedor a podre».[31] O apetito de Jabba é insaciable e algúns autores retrátano ameazando ós seus subordinados con devoralos.[32][33]

Entre as poucas demostracións de calidades positivas de Jabba na saga podemos encontrar algunhas en Star Wars: The Clone Wars, onde demostra afecto verdadeiro polo seu fillo Rotta, está preocupado polo seu secuestro e anoxado pola suposta morte do mesmo. Nunha historia do universo expandido, Jabba evita que un chevin chamado Ephant Mon se conxele ata a morte nun planeta xeado, en consecuencia Ephant Mon convértese nun dos seus servidores máis leais.[34]

Concepto e creación[editar | editar a fonte]

A guerra das galaxias[editar | editar a fonte]

Vídeos externos
Escena eliminada da montaxe orixinal de 1977
Declan Mulholland interpreta a Jabba o Hutt
– Dailymotion
Escena recuperada na edición especial de 1997
Jabba o Hutt recreado mediante imaxes xeradas por ordenador
– YouTube

No guión orixinal de Star Wars descríbese a Jabba como unha «criatura gorda e con forma de lesma, con ollos de grila e unha enorme boca fea»,[12] pero Lucas declarou nunha entrevista que o personaxe inicial que tiña en mente era moito máis peludo e que se parecía a un wookiee. Cando filmou a escena entre Han Solo e Jabba en 1976, Lucas contratou o actor norteirlandés Declan Mulholland para representar a Jabba o Hutt, cun disfrace marrón peludo. Lucas pretendía substituír a Mulholland na posprodución por unha criatura. A escena estaba pensada para conectar A guerra das galaxias con O retorno do Jedi e explicar os motivos polos que Han Solo fora encarcerado ó final de O imperio contraataca.[35] Non obstante, Lucas decidiu deixar a escena fora da montaxe final da película debido ó orzamento e ás limitacións de tempo e porque sentía que non melloraba a trama do filme.[36] A escena mantívose cando se novelou, no cómic e nas adaptacións de radio da película.

Lucas volveu a introducir a escena na edición especial de 1997 de A New Hope, restaurando a secuencia e substituíndo a Mulholland por unha imaxe xerada por ordenador de Jabba o Hutt e o diálogo en huttese —unha lingua ficticia creada polo deseñador de son Ben Burtt— no canto de inglés. Joseph Letteri, supervisor de efectos visuais da edición especial, explicou que o obxectivo final da escena revisada era facer que Jabba o Hutt parecera estar realmente no escenario falando e actuando con Harrison Ford e aquilo simplemente fora rodado polo equipo. Letteri declarou que a nova escena consistiu en cinco tomas que tardaron máis dun ano en completarse.[37][38] A escena puíuse aínda máis para o lanzamento en DVD no 2004, mellorando a aparencia de Jabba cos avances nas técnicas de imaxe xerada por ordenador, malia que en ningún dos lanzamentos se asemella exactamente ó monicreque orixinal de Jabba.[39]

Na escena orixinal, Han Solo pasa por detrás de Jabba, converténdose nun problema á hora de agregar as imaxes xeradas por ordenador, xa que Jabba tiña cola. Finalmente este problema solucionouse facendo que Han pisara a cola de Jabba, provocando que o hutt se laiara de dor. No lanzamento do DVD de 2004, cando Han pisa a cola de Jabba, este responde con máis ímpeto, reaccionando como se fora a baterlle. Para facer que Jabba resultara máis convincente, engadiuse a sombra de Han Solo sobre o corpo do hutt.

Lucas declarou que «a xente estaba decepcionada coa aparición de Jabba en imaxe xerada por ordenador, queixándose de que o personaxe "parecía falso"». Lucas discorda e asevera que «un personaxe representado após con imaxes xeradas por ordenador, sobre o que inicialmente era un monifate, sempre resultará "falso"».[40]

O retorno do Jedi[editar | editar a fonte]

Imaxe de Bibendum "o boneco Michelin". A figura na que se inspirou Jabba é a da dereita.

Lucas baseou a imaxe xerada por ordenador do personaxe na aparencia que tiña orixinalmente Jabba en O retorno do Jedi de 1983. Nesta película, Jabba o Hutt é unha criatura inmensa, sedentaria e con forma de lesma, deseñada por Industrial Light & Magic Creature Shop de George Lucas. O especialista en deseño Ralph McQuarrie afirmou: «nos meus bosquexos Jabba era enorme, áxil, unha especie de figura parecida a un simio. Pero o deseño foi noutra dirección e Jabba converteuse máis nunha especie de becho».[41] Segundo o documental From Star Wars to Jedi (1985), Lucas descartou os deseños iniciais do personaxe. Nun Jabba aparecía como un ser demasiado humano —case como o personaxe de Fu Manchu— mentres que noutro parecíase demasiado a un caracol. Lucas finalmente optou por un deseño intermedio entre os dous, que se inspirou nunha figura debuxada por O'Galop que flanquea unha representación primitiva de Bibendum —"o boneco Michelin"—.[42] O deseñador de vestiario de O retorno do Jedi Nilo Rodis-Jamero comentou:

A miña visión de Jabba era literalmente Orson Welles de vello. Vino como un home moi refinado. A maioría dos viláns que nos gustan son persoas moi intelixentes. Pero Phil Tippett seguía imaxinándoo como unha especie de lesma, como a de Alicia no País das marabillas. Nunha ocasión esculpiu unha criatura que parecía unha lesma que fumaba" [...][43]

Produción e deseño[editar | editar a fonte]

Deseñado polo artista de efectos visuais Phil Tippett,[44] Jabba o Hutt inspirouse na anatomía de varias especies animais. A estrutura do corpo e os procesos de reprodución baseáronse nos vermes anélidos, animais sen pelo, invertebrados e hermafroditas. A cabeza de Jabba inspirouse na dunha serpe, con ollos bulbosos e pupilas riscadas, e unha boca o suficientemente grande como para tragar presas grandes. A súa pel húmida presenta características similares á dos anfibios. O deseño de Jabba sería representativo en diante de tódolos membros da especie hutt na ficción de Star Wars.[45]

Para representar a Jabba en O retorno do Jedi creouse un monicreque cun peso dunha tonelada que levou tres meses construír e que custou medio millón de dólares. Mentres se filmaba a película o monifate tiña un maquillador propio. O monicreque necesitaba para operalo de tres monicrequeiros, converteuse nun dos monifates máis grandes dos utilizados nunha película de cine.[42] Stuart Freeborn deseñou a marioneta, mentres que John Coppinger modelou as súas pezas de látex, arxila e gomaescuma. Entre os monicrequeiros estaban David Alan Barclay, Toby Philpott e Mike Edmonds, membros do grupo de The Muppets de Jim Henson. Barclay operou o brazo dereito e a boca, e leu o diálogo en inglés do personaxe, namentres Philpott controlaba o brazo esquerdo, a cabeza e a lingua. Edmonds, o máis pequeno dos tres —tamén interpretou o ewok Logray noutras escenas do filme—, foi responsable do movemento da cola. Tony Cox —que tamén fixo de ewok— participou tamén. Os ollos e as expresións faciais foron operados por control remoto.[12][40][42]

Deseño do monicreque de Jabba o Hutt para O retorno do Jedi.

Lucas mostrouse contrariado coa aparencia e a inmobilidade do monicreque, queixándose de que houbo que cambiar de sitio o monifate no escenario en diferentes escenas durante a filmación. No comentario do DVD da edición especial de O retorno do Jedi, Lucas indicou que se a tecnoloxía o permitise en 1983, Jabba o Hutt sería un personaxe xerado por ordenador similar ó que aparece na escena da edición especial de A New Hope.[40]

Jabba o Hutt só fala huttés no filme, no entanto aparece subtitulado en inglés. A súa voz e os diálogos en idioma huttés executounos o actor de voz Larry Ward, o seu traballo non figura nos créditos do final. Dotouse a voz de Ward con calidade na forza e intensidade, dándolle unha altura dunha oitava máis baixa do normal e procesándoa a través dun xerador subharmónico.[46] Graváronse uns efectos de son que recordan á humidade e viscosidade para acompañar o movemento das extremidades e a boca de Jabba.[47]

O tema musical que acompaña a Jabba ó longo da película, composto por John Williams, condúceo unha tuba.[48] O tema é moi parecido ó que Williams escribiu para un personaxe corpulento en Fitzwilly (1967), malia que non aparece no álbum da banda sonora desa película. Após Williams converteu o tema nunha peza sinfónica interpretada pola Boston Pops Orchestra cun solo de tuba de Chester Schmitz. A peza é obxecto de estudo para o cine e a cultura popular en opinión de musicólogos como Gerald Sloan, quen considera que a peza de Williams «combina o monstruoso e o lírico».[49]

Segundo o historiador de cine Laurent Bouzereau, a morte de Jabba o Hutt en O retorno do Jedi foi suxerida polo guionista Lawrence Kasdan. Lucas decidiu que Leia debía esganalo coa súa propia cadea de escrava. Inspirouse nunha escena de O padriño (1972), onde un personaxe gordo chamado Luca Brasi (Lenny Montana) cae a mans dun asasino.[50]

Interpretación[editar | editar a fonte]

Jabba o Hutt foi interpretado por Declan Mulholland nas escenas de A guerra das galaxias en 1977. Nas escenas de Mulholland como Jabba, foi representado como un ser humano vigoroso vestido cun abrigo peludo. George Lucas aseverou que a súa intención era representar a Jabba como unha criatura extraterrestre, pero a tecnoloxía en efectos especiais da época non permitía substituír a Mulholland. En 1997, co lanzamento da edición especial, restaurouse e modificouse a escena orixinal para incluír unha representación xerada por computador de Jabba. En O retorno do Jedi, foi interpretado polos monicrequeiros Mike Edmonds, Toby Philpott, David Alan Barclay[51] e a voz de Larry Ward. Jabba foi interpretado por un actor descoñecido nas edicións posteriores a 1997 de Star Wars e en The Phantom Menace. Nos créditos finais de The Phantom Menace, Jabba foi incluído de broma como un actor máis. Os monicrequeiros apareceron nos documentais From Star Wars to Jedi: The Making of a Saga e Classic Creatures: Return of the Jedi. David Alan Barclay, que foi un dos monicrequeiros na película, interpretou a Jabba na adaptación ó videoxogo de Super NES de Return of the Jedi. Na adaptación do drama radiofónico da triloxía orixinal Jabba foi interpretado por Ed Asner. Na película Star Wars: The Clone Wars e na seguinte serie de televisión, Jabba foi interpretado por Kevin Michael Richardson. Tódalas demais aparicións en videoxogos de Jabba foron interpretadas por Clint Bajakian. Considerábase que Jabba aparecería en Star Wars: The Force Unleashed mais quedou fóra debido a limitacións de tempo. Creouse unha escena coa respectiva conversa entre Jabba e Juno Eclipse (con voz de Nathalie Cox) que foi eliminada do xogo. Aparece en Ultimate Sith Edition.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

Coa estrea de O retorno do Jedi en 1983 e mais a campaña de comercialización que o acompañaba, Jabba o Hutt converteuse nunha icona da cultura popular estadounidense. O personaxe foi producido e distribuído como un boneco da serie de figuras creada por Kenner / Hasbro dende 1983 ata 2004.[52] Na década de 1990 Jabba o Hutt protagonizou a súa propia serie de cómics, Jabba the Hutt: The Art of the Deal (unha referencia ó libro con título similar Trump: The Art of the Deal (1987) de Donald Trump).[53] O National Air and Space Museum do instituto Smithsoniano en Washington, D.C., incluíu unha exhibición de Jabba o Hutt na exposición temporal Star Wars: The Magic of Myth no ano 1999; a exhibición de Jabba denominouse "The Hero's Return", en referencia á viaxe Luke Skywalker para converterse en jedi.[54]

Na película Spaceballs (1987) de Mel Brooks, paródica de Star Wars, Jabba o Hutt foi parodiado no personaxe Pizza the Hutt, unha masa de queixo coa forma dunha porción de pizza, o nome é un xogo de palabras entre Jabba the Hutt e a franquía de restaurantes Pizza Hut. Ó igual que Jabba, Pizza the Hutt é un prestamista mafioso. O personaxe falece ó final de Spaceballs cando queda encerrado no seu coche e se come a si mesmo.[55]

Hai alusións ó personaxe na literatura, por exemplo en Under the Duvet (2001), a súa autora Marian Keyes refírese á gula facendo alusión a Jabba.[56] Do mesmo xeito, na novela Steps and Exes: A Novel of Family (2000) de Laura Kalpakian, utilízase a Jabba o Hutt para facer énfase no peso dun personaxe.[57] Na primeira novela de Dan Brown, Digital Fortress (1998), un técnico da NSA chámase agarimosamente Jabba o Hutt. E en The Dharma of Star Wars (2005), un libro humorístico e sobre a cultura popular, o escritor Matthew Bortolin intenta mostrar similitudes entre as ensinanzas budistas e os aspectos da ficción de Star Wars. Bartolin insiste en que se unha persoa toma as decisións que escolleu Jabba o Hutt, devandita persoa non está practicando o concepto espiritual axeitado do dharma. O libro de Bortolin resalta a idea de que o nome de Jabba é sinónimo de negatividade.[58]

Dende o lanzamento de O retorno do Jedi, o nome de Jabba o Hutt converteuse en sinónimo de sobrepeso e corrupción nos medios de comunicación estadounidenses e adquiriu connotacións pexorativas —dicir que alguén «parece Jabba o Hutt» interprétase como un insulto relacionado co exceso de peso ou coa aparencia da persoa[3]—, por outra banda a expresión representa a cobiza e a desorganización, especialmente no mundo dos negocios.[4]

Jabba o Hutt ascendeu ó número 4 na lista de personaxes ficticios máis ricos de Forbes Fictional 15 no ano 2008.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Sansweet, Steve (1998). Star Wars Encyclopedia. pp. 146–147. 
  2. Clarke, Gerald (23-05-1983). "Great Galloping Galaxies!". TIME magazine (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23-02-2011. Consultado o 03-07-2019. 
  3. 3,0 3,1 "Fat Wars: The Obesity Empire Strikes Back". Center for Consumer Freedom. 26-05-2005. Arquivado dende o orixinal o 16-10-2007. Consultado o 03-07-2019. 
  4. 4,0 4,1 Kuiper, Koenraad (primavera de 1988). "Star Wars: An Imperial Myth". Journal of Popular Culture 21 (4): 78. 
  5. 5,0 5,1 dir. Richard Marquand (2005). Return of the Jedi (DVD) (disco 1). 20th Century Fox. 
  6. dir. George Lucas (2005). Star Wars Episode IV: A New Hope (DVD) (disco 1) (Special Edition ed.). 20th Century Fox. 
  7. "Mos Espa Grand Arena". Star Wars Databank. Arquivado dende o orixinal o 03-03-2008. Consultado o 03-07-2019. 
  8. dir. George Lucas (1999). Star Wars Episode I: The Phantom Menace (DVD) (disco 1). 20th Century Fox. 
  9. Thomas, Roy (agosto de 1977). "Marvel Star Wars #2: Six Against the Galaxy". Marvel. 
  10. Goodwin, Archie (outubro de 1979). "Marvel Star Wars #28: What Ever Happened to Jabba the Hut?". Marvel. 
  11. Goodwin, Archie (xullo de 1980). "Marvel Star Wars #37: In Mortal Combat". Marvel. 
  12. 12,0 12,1 12,2 "Jabba the Hutt, Behind the Scenes". Star Wars Databank. Arquivado dende o orixinal o 01-05-2008. Consultado o 03-07-2019. 
  13. Lucas, George (1977). Star Wars: From the Adventures of Luke Skywalker. Nova York: Del Rey. p. 107. ISBN 0-345-26079-1. 
  14. McMilian, Graeme (25-04-2014). "Lucasfilm Unveils New Plans for Star Wars Expanded Universe". The Hollywood Reporter. Consultado o 03-07-2019. 
  15. "The Legendary Star Wars Expanded Universe Turns a New Page". StarWars.com. 25-04-2014. Consultado o 03-07-2019. 
  16. "Disney and Random House announce relaunch of Star Wars Adult Fiction line". StarWars.com. 25-04-2014. Arquivado dende o orixinal o 14-05-2016. Consultado o 03-07-2019. 
  17. Davids, Paul; Davids, Hollace (1992). Zorba the Hutt's Revenge. Nova York: Bantam Spectra. ISBN 0-553-15889-9. 
  18. Crispin, A. C. (1997). The Hutt Gambit. Nova York: Bantam Spectra. ISBN 0-553-57416-7. 
  19. Woodring, Jim (1998). Jabba the Hutt: The Art of the Deal. Dark Horse Comics. ISBN 1-56971-310-3. 
  20. Anderson, Kevin J. (1996). Tales from Jabba's Palace. Nova York: Bantam Spectra. ISBN 0-553-56815-9. 
  21. Zahn, Timothy (1991). Heir to the Empire. Nova York: Bantam Spectra. p. 27. ISBN 0-553-29612-4. 
  22. Berger, Arthur Asa (maio de 1984). Springer Link, ed. "Return of the Jedi: The rewards of myth". Society 21 (4): 71–75. ISSN 1936-4725. doi:10.1007/BF02695105. 
  23. Schmidt, JK (18-08-2017). "Jabba The Hutt Star Wars Movie In Development". Comic Book. Gamespot. Consultado o 03-07-2019. 
  24. Peters, Megan (11-04-2017). "Star Wars: Guillermo Del Toro Would Make A Jabba The Hutt Movie". Comic Book. Gamespot. Consultado o 03-07-2019. 
  25. Pomerance, Murray (2004). Schneider, Steven Jay, ed. "Hitchcock and the Dramaturgy of Screen Violence". New Hollywood Violence (Manchester University Press): 47. ISBN 0-7190-6723-5. 
  26. Return of the Jedi (novela). Del Rey. 2014. 
  27. "Jabba the Hutt, The Movies". Star Wars Databank. Arquivado dende o orixinal o 25-03-2008. Consultado o 03-07-2019. 
  28. Tyers, Kathy. "A Time to Mourn, A Time to Dance: Oola's Tale". En Anderson, Kevin J. Tales from Jabba's Palace. p. 80. 
  29. Ebert, Roger (25-05-1983). "Return of the Jedi review". Chicago Sun-Times (Chicago). Arquivado dende o orixinal o 03-02-2013. Consultado o 03-07-2019. 
  30. Cavelos, Jeanne (1999). Just Because It Goes 'Ho Ho Ho' Doesn't Mean It's Santa: The Science of Star Wars: An Astrophysicist's Independent Examination of Space Travel, Aliens, Planets, and Robots as Portrayed in the Star Wars Films and Books. Nova York: St. Martin's Press. p. 57. ISBN 0-312-20958-4. 
  31. Veitch, Tom; Veitch, Martha (1995). "A Hunter's Fate: Greedo's Tale". En Anderson, Kevin J. Tales from the Mos Eisley Cantina. Nova York: Bantam Spectra. pp. 49–53. ISBN 0-553-56468-4. 
  32. Windham, Ryder (1996). "This Crumb for Hire". A Decade of Dark Horse #2. Dark Horse Comics. 
  33. Friesner, Esther M. "That's Entertainment: The Tale of Salacious Crumb". En Anderson, Kevin J. Tales from Jabba's Palace. pp. 60–79. 
  34. Ephant Mon, Expanded Universe. Star Wars Databank. Arquivado dende o orixinal o 29-02-2008. Consultado o 03-07-2019. 
  35. Entrevista a George Lucas, Star Wars Episode IV: A New Hope, Special Edition (VHS, 20th Century Fox, 1997).
  36. Comentarios de George Lucas, Star Wars Episode IV: A New Hope, Special Edition, dir. George Lucas, (DVD, 20th Century Fox, 2004).
  37. Entrevista a Joseph Letteri, Star Wars Episode IV: A New Hope, Special Edition (VHS, 20th Century Fox, 1997).
  38. "A New Hope: Special Edition — What has changed?: Jabba the Hutt", 15-01-1997, en "A New Hope: Special Edition – What has changed?". Arquivado dende o orixinal o 01-03-2008. Consultado o 27-06-2019. . "A New Hope: Special Edition – What has changed?". Arquivado dende o orixinal o 29-02-2008. Consultado o 27-06-20192016. 
  39. "Star Wars: The Changes — Part One" en DVDActic.com Arquivado 23 de decembro de 2010 en Wayback Machine.. Consultado o 27-06-2019.
  40. 40,0 40,1 40,2 Comentarios de George Lucas, Star Wars Episode VI: Return of the Jedi, Special Edition, dir. Richard Marquand (DVD, 20th Century Fox, 2004).
  41. Bouzereau, Laurent (1997). Star Wars: The Annotated Screenplays. Citando a Ralph McQuarrie. New York: Del Rey. p. 239. ISBN 0-345-40981-7. 
  42. 42,0 42,1 42,2 From Star Wars to Jedi: The Making of a Saga (VHS). Narrado por Mark Hamill. CBS Fox Video. 1985. 
  43. Bouzereau. Annotated Screenplays. Citando a Nilo Rodis-Jamero. p. 239. 
  44. "Biography of Phil Tippett". StarWars.com. Arquivado dende o orixinal o 08-07-2006. Consultado o 05-07-2019. 
  45. Sansweet, Stephen J. (1998). "Hutt". Star Wars Encyclopedia. Nova York: Del Rey. p. 134. ISBN 0-345-40227-8. 
  46. Holman, Tomlinson (2002). Sound for Film and Television. Burlington, Massachusetts: Focal Press. p. 11. ISBN 0-240-80453-8. 
  47. dir. Richard Marquand (2004). Star Wars Episode VI: Return of the Jedi (DVD). Comentario de Ben Burtt (Special Edition ed.). 20th Century Fox. 
  48. "Review of Return of the Jedi soundtrack". Filmtracks.com. Consultado o 05-07-2019. 
  49. Sloan, Gerald (27-06-2000). "Evening The Score: UA Professor Explores Tuba Music In Film". Daily Digest (University of Arkansas). Arquivado dende o orixinal o 26-12-2008. Consultado o 05-07-2019. 
  50. Bourezeau, Laurent (1997). Star Wars: The Annotated Screenplays. Ballantine Books. p. 259. ISBN 978-0345409812. 
  51. "Dave Barclay". davebarclay.com. Arquivado dende o orixinal o 26-09-2008. Consultado o 05-07-2019. 
  52. Carlton, Geoffrey T. (2003). Star Wars Super Collector's Wish Book: Identification & Values. Paducah, Kentucky: Collector Books. p. 13. ISBN 1-57432-334-2. Un xogo completo de Jabba o Hutt vendido por Kenner en 1983, en bo estado e no embalaxe orixinal foi estimado en 70$ no ano 2003 polos coleccionistas. 
  53. Von Busack, Richard (06-08-1998). "Jabba the Hutt slimes his way through a new graphic novel". metroactive.com. Metroactive Books. Consultado o 05-07-2019. 
  54. "The Hero's Return". National Air and Space Museum. Exposición Star Wars: The Myth of Magic. Arquivado dende o orixinal o 09-03-2008. Consultado o 05-07-2019. 
  55. dir. Mel Brooks (1987). Spaceballs. MGM. 
  56. Keyes, Marian (2001). Under the Duvet. —Cita: «saquei o pastel de aniversario, noto que se acerca o momento Jabba o Hutt». 
  57. Kalpakian, Laura (2000). Steps and Exes: A Novel of Family. —Cita: «As rapazas adoitaban chamarlle ós pais de Janice Jabba o Hutt e o Wookiee. Pero entón morreu Jabba (o pai de Janice) e non parecía correcto falar dos mortos desa forma». 
  58. Bortolini, Matthew (2005). The Dharma of Star Wars. —Cita: «Unha forma de ver se estamos practicando un modo de vida adecuado é contrastalo co de Jabba o Hutt. Jabba o baldreo está metido dos pés á cabeza no camiño do lado escuro. Ocupouse principalmente do comercio ilegal de "especias", unha droga ilícita na galaxia de Star Wars. Tamén fixo negocios no comercio de escravos. El mesmo ten moitos escravos e algúns foron entregados ó Rancor, unha criatura que mantivo en catividade e atormentada no seu calabozo. Jabba usa o engano e a violencia para manter a súa posición». 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]