Iván Pedroso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Iván Lázaro Pedroso Soler naceu o 17 de decembro de 1972 en A Habana (Cuba), é un atleta especialista no salto de lonxitude.

En 1995 logrou a medalla de ouro no Campionato do mundo de atletismo en Gotemburgo (Suecia) cun salto de 8,70 metros. Nese mesmo ano nunha competición en Sestriere (Italia), conseguiu un salto de 8,96 metros, superando por un centímetro a marca mundial de Mike Powell, este salto estivo rodeado de polémica xa que nun principio o vento rexistrado polo anemómetro daba por válido o salto para ser homologable como marca mundial, pero tras unha investigación da Federación Internacional de Atletismo, decidiuse anular a plusmarca, xa que no momento do salto había un xuíz diante do anemómetro obstruíndo a medida real do vento.

Volveu repetir medalla de ouro nos Campionatos do mundo de atletismo de 1997 en Atenas (Grecia), e en 1999 en Sevilla (España), quedando por diante de Yago Lamela.

Tivo que esperar aos Xogos Olímpicos de Sydney 2000 (Australia) para conseguir a súa primeira medalla de ouro nunhas olimpíadas, cun salto de 8,55 superou ao australiano Jai Taurima por unha axustada marxe de 6 centímetros. Nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, acabou cuarto por detrás de Carl Lewis, Mike Powell e de Joe Greene, e nos Xogos Olímpicos de Atlanta 1996 non participou por estar recuperándose dunha lesión.

No Campionato do mundo de atletismo do 2001 en Edmonton (Canadá), conseguiu outra medalla de ouro cun salto de 8,40 metros, sumando un total de catro medallas de ouro en mundiais e unha medalla de ouro olímpica, ás que hai que sumar as súas catro medallas de ouro nos Campionatos do mundo en pista cuberta, converténdose nun dos mellores atletas na historia da especialidade.