Gallia Belgica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Galia Belga do Imperio Romano, contra 120

A provincia romana da Gallia Belgica (Galia Belga) do principio do período imperial correspondíase practicamente co conxunto territorial das tribos da antiga Federación belga, é dicir, os territorios situados entre o Rin e o Sena, aos que Xulio César lles daba o nome de Belgium. Ao principio, a capital da provincia foi Reims e despois, nunha data indeterminada (pero probabelmente non antes do final do Baixo Imperio Romano), a capital pasou para Tréveris. Na época de Octavio Augusto, a provincia de Bélxica incluía os seguintes territorios tribais ou ciuitates:

Ciuitas Remorum, capital Durocorter (Reims) Ciuitas Siluanectum, capital Augustomagus(Senlis) Ciuitas Suessionum, capital Augusta Suessionum (Soissons) Ciuitas Bellouacorum, capital Caesaromagus (Beauvais) Ciuitas Ambianorum, capital Samarobriua (Amiens) Ciuitas Viromanduorum, capital Augusta Viromanduorum (San Quintín) Ciuitas Atrebatium, capital Nemetacum (Arrás) Ciuitas Neruiorum, capital Bagacum (Bavay) Ciuitas Leucorum, capital Tullum Leucorum (Toul) Ciuitas Treuerorum, capital Augusta Treuerorum (Tréveris) Ciuitas Mediomatricorum, capital Diuidorum (Metz)

As fronteiras da provincia belga, tanto coa Galia Lionesa como coa Xermania, non están claras a principios do período imperial. Parece que as tribos dos Tongres, Lingones, Sequanes e Helvecios fixeron parte da provincia de Galia Bélga nos inicios do período imperial. O primeiro acontecemento que vén clarificar estes límites, aínda que na realidade se trata dunha mudanza dos mesmos, é a creación polo emperador Domiciano de dous novos distritos, que axiña pasan a ser as dúas provincias de Xermania: a Xermania inferior e a Xermania superior. Esta medida sitúase entre os anos 82 e 90. A creación destas provincias concrétase pola perda definitiva do territorio das tribos antes mencionadas.

A outra gran reforma territorial que afectou a Bélxica romana data, como no resto do Imperio, de 297. A reorganización territorial introducida por Diocleciano ten como consecuencia a división en dúas da provincia. As dúas novas provincias toman os nomes de Belgica Prima e de Belgica Secunda, cuxos límites son ben coñecidos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]