Paflagonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Foto dun mapa do século XV mostrando a Paflagonia.

Paflagonia (Paphlagonia) foi unha rexión de Asia Menor limitada ao oeste por Bitinia, ao leste polo Ponto, ao sur por Galacia e ao norte polo mar Negro ou Euxino. A fronteira occidental era o río Parthenius e a oriental o río Halys. As montañas Olgassis marcaban a fronteira polo sur coas súas ramas do Scorobas e o Cítoro.

Na costa os accidentes xeográficos principais son os montes Cárambis e Syrias; os seus ríos, agás o Halys, son curtos e pouco importantes, salientando o Sésamo, o Ocosbanes, o Evarco, o Zaleco e o Amnias.

As principais cidades (todas na costa) serían:

  • Amastris.
  • Eritinos.
  • Cromna.
  • Cítoro.
  • Exilao.
  • Abonu teikhos.
  • Cimolis.
  • Stephane.
  • Pótamos.
  • Armene.
  • Sinope.
  • Carusa.

O interior estaba dividido en nove distritos: Blaene, Domanetis, Pimolisene, Cimiatene, Timonitis, Gezatorigus, Marmolitis, Sanisene, e Potamia. A parte interior tiña moi poucas cidades, e todas eran pequenas, salientando unicamente Pompeiopolis e Gangra (esta última capital real, que foi máis tarde Germanicopolis).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome Paflagonia derivaría segundo a lenda de Paflagón, fillo de Fineo. Un antigo nome do país é Pylaemenia (Pilemenia), porque un príncipe local pretendía ser descendente de Pylaemenes (Pilemenes), o líder dos paflagóns na guerra de Troia. A súa orixe real non se coñece.

Reino de Paflagonia[editar | editar a fonte]

Paflagonia foi gobernada por reis independentes ata que foi sometida por Creso de Lidia. Cando este reino foi conquistado por Ciro II o grande, os paflagóns pasaron a estaren baixo a autoridade de Persia dentro da satrapía III, pero, debido á distancia da capital gozaron de ampla autonomía. Xenofonte sobre o -480 xa menciona que os paflagóns estaban gobernados por un rei que afianzaría unha certa independencia dos persas, independencia que se consolidou coa conquista do imperio por Alexandre o Grande; na súa época menciónanse reis de Paflagonia, e os macedonios entón practicamente non se achegaron á zona. Os reis serían incluídos nos territorios de Eumenes, pero á súa morte volveuse de novo independente de feito, malia seren nominalmente dependentes de Antígono.

Mitrídates I do Ponto Ktistes (-301 - -265) converteu o país no seu vasalo nominal pero ata o -183 Farnaces I do Ponto non puido reducir a cidade grega de Sinope na costa de Paflagonia. Nesta data o reino de Paflagonia foi unido máis estreitamente ao do Ponto e dentro del permaneceu na maior parte ata o 65.

O reino de Paflagonia pasou ao Ponto sobre o -110 seguramente por extinción ou deposición da dinastía. O rei do Ponto repartiu o país con Nicomedes III Everxetes de Bitinia (-128-91). Este fixo rei da súa parte ao seu fillo Pilemenes.

Durante a primeira guerra de Mitrídates a zona costeira de Paflagonia foi incorporada por Cneo Pompeio na provincia de Bitinia, pero o interior permaneceu baixo os seus reis. Algúns momentos serían sometidos por Ponto e no -65 o reino foi cedido a un xefe gálata que se volveu cliente de Roma. Cando a dinastía se extinguiu, o reino foi incorporado a Roma, dentro da provincia de Galacia, nunha data descoñecida durante o reinado de Augusto.

No 294, na reorganización de Diocleciano, Paflagonia converteuse en provincia separada se ben unha parte do leste foi incluída dentro do Ponto. No século IV a provincia foi dividida en dous: a parte occidental formou a provincia de Honoríades e a oriental conservou o nome de Paflagonia.

Lista de reis[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]