Galleta dixestiva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galletas dixestivas.

Unha galleta dixestiva é unha galleta semidoce, cuxo nome procede da crenza de que tiña propiedades antiácidas debido ao uso de bicarbonato sódico nas receitas orixinais. Son coñecidas dende polo menos o ano 1876, cando apareceron en anuncios publicitarios de Huntley & Palmers, aparecendo unha receita no New Universal Cookery Book de Cassell (1894).[1]

Ingredientes[editar | editar a fonte]

A típica galleta dixestiva contén fariña integral grosa de trigo (o que lle dá a súa característica textura e sabor), azucre, aceite vexetal, gasificantes (normalmente bicarbonato sódico, ácido tartárico e acído málico) e sal. Tamén poden engadirse nalgunhas variedades soro de leite seco, fariña de avena, leite desnatada e emulxentes como o E472e. As galletas dixestivas poden non ser adecuadas para os alérxicos aos froitos secos ou a soia debido aos seus peculiares métodos de produción.

Debido a que se elaboran con fariña de trigo conteñen glute, polo cal están contraindicadas para os celíacos e alérxicos ao mesmo.

En Estados Unidos inclúen, como outros moitos alimentos, xarope de millo rico en frutosa. Non sucede así noutros países, onde se emprega máis azucre natural, como é o caso de Nova Zelandia[2] ou o Reino Unido.[3]

Unha galleta ten de media 70 kcal, aínda que isto varía segundo a forma concreta de produción.

Consumo[editar | editar a fonte]

As galletas dixestivas adoitan tomarse con , café, leite ou cacao. Ás veces móllanse e cómense rápido pola súa tendencia a desintegrarse cando se empapan.

Só no Reino Unido as vendas de galletas dixestivas de chocolate ascenden a uns 35 millóns de libras anuais, uns 71 millóns de paquetes, consumíndose 52 galletas por segundo.[4] Son tamén populares en repostaría, para elaborar as bases das tortas de queixo e outras sobremesas parecidas.[5]

Variedades[editar | editar a fonte]

O lado de chocolate dunha galleta dixestiva con chocolate con leite.

Tamén se comercializan galletas dixestivas de chocolate, coa base cuberta de chocolate con leite, negro ou branco. Producidas orixinalmente por McVitie's en 1925 baixo a marca Chocolate Homewheat Digestive, outras variedades recentes inclúen a galleta básica con chocolate rallado dentro (na masa), ou unha capa de caramelo, chocolate con menta ou chocolate con laranxa. O escritor de libros de viaxe estadounidense Bill Bryson describiu a galleta dixestiva de chocolate como unha «obra mestra británica».[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Oxford English Dictionary.
  2. "Griffins Digestives". Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2010. Consultado o 15 de maio de 2021. 
  3. "McVities Digestives". Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2010. Consultado o 15 de maio de 2021. 
  4. "McVitie's Brand History". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2011. Consultado o 15 de maio de 2021. 
  5. "Waitrose: Banoffee Pie". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2007. Consultado o 15 de maio de 2021. 
  6. Bryson, Bill (1996). Notes from a Small Island. William Morrow. ISBN 0688147259.