Face

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Faciana»)
Face
Unha face humana (Mona Lisa)
Latín facia/facies
MeSH Face

A face, faciana, cara ou rostro é a parte frontal da cabeza, nos humanos a parte anteroinferior, desde as cellas ao queixelo; nela están incluídos cellas, ollos, nariz, fazulas, boca, labios, dentes, pel e queixelo.

Os tecidos brandos da cara expresan as emocións do individuo, pola acción dos músculos da mímica. Así mesmo, a aparencia facial é un elemento esencial da identidade de cada ser humano.

Sobre a dura superficie dos ósos implántanse máis de trinta pares de músculos, de diversas formas e funcións, grosos e fortes, como o maseter, outros son finos e pequenos como o que eleva a comisura labial e o que dilata a ala do nariz, entre outros.

Dos cinco órganos dos sentidos, catro están na cabeza, e máis especificamente na face; a vista, o ouvido, o olfacto e o gusto. Aínda que o quinto sentido, o tacto, tamén está amplamente representado, cunha zona de altísima sensibilidade nos beizos.