Europa (mitoloxía)
Europa é un ser da mitoloxía grega, princesa de Tiro, a actual Fenicia. Era filla do rei Axenor e de Telefasa.
Índice |
O mito do rapto[editar]
O rapto de Europa por Zeus está narrado por Ovidio nas súas Metamorfoses, no século I a. de C.
Segundo Ovidio, Zeus viu a Europa collendo flores coas súas doncelas á beira do mar e transformouse en touro para seducila. A princesa, sen sospeitar nada, subiu sobre o seu lombo; o touro mergullouse de repente no mar e levouna cruzando as ondas ata Creta. Preto de Gortina uníronse carnalmente xunto a unha fonte e baixo duns plátanos que, en memoria destes amoríos, obtiveron o privilexio de non perder xamais as súas follas. Desa unión de Zeus e Europa naceron Minos, Radamantis e Sarpedón.
Radamantis, rei de creta moi respectado pola súa prudencia, foi destronado por Minos, que para probar o seu dereito ao trono, coa axuda de Poseidón, fixo saír do mar a un touro magnífico polo que Pasafae, a súa esposa, concibiu unha paixón culpable. Sarpedón disputoulle a Minos o trono de Creta e un meniño chamado Mileto, co que fuxiu para fundar a rexión de Mileto, en Licia. Radamantis e Minos foron chamados ao Hades tras a súa morte para seren xuíces do tribunal dos mortos.[1]
Axenor enviou en busca da princesa raptada aos seus fillos Cadmo, Fénix, Cílix, Taso e Fineo coa prohibición de volver mentres non rescataran á súa irmá. Fénix recorreu Libia; Cadmo, seguindo a unha vaca, fundou a cidade de Tebas en Beocia; Cílix quedou na Cilicia; Taso poboou a illa de Taso; e Fineo estableceuse na costa do mar Negro. Europa casou logo con Asterión, rei de Creta, de quen Minos herdaría o reino á súa morte.[2]
O mito na literatura[editar]
Heródoto relata unha versión de Evémero, segundo o cal o rapto de Europa foi un máis dunha longa serie de raptos de mulleres cometidos por viaxeiros audaces e non por deuses lascivos, que deron lugar a guerras entre europeos e asiáticos: Io en Argos, Europa en Tiro, Medea na Cólquida, Helena en Troia. Considérase que o mito do touro sedutor puido ter un transfundo ritual na Creta minoica.[3]
Segundo outras interpretacións Cadmo podería ter sido un deus que simbolizaría a estrela da mañá e constituiría, xunto coa súa irmá Europa, a representación mitolóxica do planeta Venus. Contería unha forte influencia do deus sumerio Ningišzida, deus serpe da fecundidade, o abrente e a construción de cidades.[4]Outros autores ven nel a representación dun mito solar: Europa representa a lúa, que é elevada polo sol, representado polo touro e reaparece no ceo ao caer a tarde e tras ter cruzado a mar. Esta hierogamia entre sol e lúa faría a contraparte á unión sacra entre ceo e terra, principios masculino e feminino, respectivamente.[5]
Góngora insistirá no emprego de certas imaxes como a do "mentido robador de Europa", empregadas nas súas Soledades para representar ao touro ou á súa constelación e que volverá a usar no soneto ao marqués de Velada.[6]
Galería de imaxes[editar]
-
Obra de Fernando Botero.
-
Rapto de Europa de Oliveira, en Samil (Vigo).
Notas[editar]
- ↑ Zavala, I. El rapto de América y el síntoma de la modernidad. Editorial Montesinos, 2001. ISBN 8495580055, 9788495580054.
- ↑ Baring, A., Cashford, J. El mito de la diosa: evolución de una imagen, volume 38 de El Árbol del paraíso. Siruela, 2005. ISBN 8478447326, 9788478447329.
- ↑ García Gual, C. Diccionario de mitos. Siglo XXI de España Editores, 2003. ISBN 8432311278, 9788432311277.
- ↑ Bermejo, J. Mito y parentesco en la Grecia arcáica. Ediciones AKAL, 1980. ISBN 8473394682, 9788473394680.
- ↑ Chinchilla Sánchez, K. Conociendo la mitología. Editorial Universidad de Costa Rica, 2003. ISBN 9977677743, 9789977677743.
- ↑ Romojaro, R. Funciones del mito clásico en el siglo de oro: Garcilaso, Góngora, Lope de Vega, Quevedo. Anthropos Editorial, 1998. ISBN 8476585454, 9788476585450.