Dourado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marco dourado listo para pulir cunha ferramenta de ágata.
Aplicación dunha folla de ouro a unha reprodución dunha pintura do século XV.

O termo dourado provén do latín vulgar dauratus, e este de auratus, de aurum, que significa ouro. A técnica do dourado consiste en cubrir con ouro a superficie dun obxecto principalmente polo seu valor lumínico, en tanto que se convirte nun receptáculo da luz. Tradicionalmente empregábase na arte relixiosa para vinculala coa luz celestial, o que producía sobre os fieis unha sensación de temor e asombro.

Pan de ouro[editar | editar a fonte]

É unha lámina moi fina de ouro batido, que se obtén de martelar as pranchas de ouro o mediante rolo, usado tradicionalmente para decoración por medio do dourado en diferentes obxectos de carácter artístico. Ademais desta folla de ouro tamén existen as de prata, cobre e aluminio. A meirande parte do pan de ouro fabrícase en Alemaña e en Italia e preséntase en libriños de vinte ou vinte e cinco follas separadas por papel de seda. As láminas son moi finas e con tres posibles medidas, ben 5×5 cm ou 8×8 cm para o ouro fino ou verdadeiro e, 14×14 para o ouro falso. Existen dous tipos de pan de ouro, o ouro fino que é un produto de vinte e dous quilates e o ouro falso de maior grosor composto por unha aliaxe de cobre, estaño ou cinc. Para a manipulación do ouro verdadeiro é necesario unha serie de instrumental como a polonesa, a chumaceira ou o coitelo de dourar porque non se pode manipular coas mans. Non obstante, o pan de ouro falso, aínda que pode ser manipulado como o anterior, tamén se pode tocar coas mans. Ademais, este último ten que ser protexido ou vernizado porque ennegrece en contacto coa humidade.

A aplicación do pan de ouro pode realizarse mediante dúas técnicas, ben dourado o mixtión para o que pode empregarse tanto o ouro verdadeiro como o falso, ou ben, dourado á auga para o que soamente se pode empregar ouro verdadeiro.

Historia[editar | editar a fonte]

Un Vajrasattva tibetán dourado.

O dourado é unha técnica decorativa que se utilizou nos distintos períodos artísticos ao longo da historia da nosa civilización porque é considerado, dende as primeiras civilizacións, un metal nobre cheo de simboloxía vinculada coa luz e co poder. De feito, o emprego do dourado data xa das civilizacións sumerias e exipcias, que ao descubriren a ductilidade do ouro o empregaron para revestir obxectos menos nobres como a madeira, a pedra ou outros metais. Nestes comezos o ouro era golpeado até obter láminas moi finiñas, pero co tempo a técnica evolucionou cara ao emprego do dourado á auga, segundo os restos achados nas primeiras dinastías exipcias. Con posterioridade esta técnica chegou a Europa, a través de Exipto e Grecia fundamentalmente, e espallouse durante o século II d.C. por todo o territorio centroeuropeo. Non obstante, na produción artística destas civilizacións a dominante era o emprego de pedra, pigmento, barro, etc. quedando o ouro relegado a obras máis miúdas e persoais, como xoias ou recipientes pequenos. Polo que foi, durante o período medieval cando o dourado alcanzou certa importancia no mundo do patrimonio cultural.

Coa chegada de Carlomagno (742 - 814) quen utilizou a arte coma propaganda, aumentou o número de producións artísticas nas que se empregaba o ouro, tales como manuscritos, miniaturas, retablos, etc. E, polo tanto, tamén coa igrexa, neses anos cuestión indivisible, que buscaba obter obxectos luminosos, próximos á luz divina, que feitizasen os fieis e os achegasen a Deus e os adoutrinasen nas sagradas escrituras. En consecuencia, empregouse o ouro para toda clase de obxectos vinculados coa liturxia da igrexa católica. Foi na época gótica cando se estendeu o uso do ouro sobre moitas superficies (ferro, madeira, pedra, etc.).

Non obstante, o período de máximo esplendor do emprego desta técnica foi no Barroco e Rococó, a mediados do século XVIII, onde se usou tanto para cuestións relixiosas (retablos, altares, iconas, etc.) coma laicas (mobles, palacios, etc.). Isto débese a que nestes períodos buscábase que a arte representase o seu carácter ilusorio ou artificioso onde o enxeño chegase a enganar a vista até asombrala, segundo palabras do propio Gian Lorenzo Bernini. Valorábase especialmente o visual e efémero, de xeito que todo tendía á teatralización esaxerada e á opulencia e, por iso, o emprego de ouro era tan acusado porque producía resultados moi luminosos e efectistas.

A partir do século XIX o emprego do dourado foise minimizando até permanecer illado en autores como Gustav Klimt que resalta as súas figuras realistas sobre fondos imposibles e que permaneceu no século XX na corrente do Art Déco onde se mantén o interese barroco da profusa decoración, o emprego de materiais luxosos, e a utilización de motivos vexetais, con intencións efectivas e teatralizantes. Foi durante este século cando apareceu o “falso ouro” xurdido das innovacións técnicas e da intención de minimizar os custos de produción e axilizar o proceso de execución. Apareceron tamén as pinturas a base de purpurinas que inclúen po finísimo de bronce ou outros metais para dotar a pintura dun ton dourado ou prateado; pigmentos iridescentes ou nacarados compostos por un revestimento de óxido metálico sobre unha escama de mica que non sofren problemas de envellecemento en condicións de temperatura e humidade convencionais. Non obstante, de xeito illada, algúns artistas seguen a empregar as técnicas tradicionais de dourado como Yves Klein nos seus corenta e cinco Monodourados, para os que empregou as dúas técnicas (dourado ao mixtión e á auga). Outros autores, dende o panorama actual, achegáronse ao dourado como James Lee Byars, Louise Nevelson ou Jannis Kounellis.

O dourado na disciplina de conservación-restauración de bens culturais[editar | editar a fonte]

O dourado na conservación-restauración dos bens culturais é limpado, elimináselle a sucidade superficial que co paso do tempo tende a depositarse sobre as obras, e con frecuencia debe ser asentado puntualmente para evitar a súa separación do soporte. No tocante á realización da técnica ou reprodución naquelas zonas onde teña desaparecido depende do código deontolóxico de cada territorio. Así por exemplo, en España non se volve a dourar senón que nesas zonas, de ser necesario para a comprensión da obra ou para devolverlle a súa lexitimidade, aplícase unha reintegración cromática (mediante rigattino, tratteggio ou puntos) coa que se aproxima a cor dourada mediante a asociación de cores (ocre, amarelo, verde, vermello). Noutros países, como Portugal, vólvese a dourar de ser necesario.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]