Ductilidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A ductilidade é unha propiedade que presentan algúns metais e aliaxes cando, baixo a acción dunha forza, poden deformarse sen romperse permitindo obter arames ou fíos. Isto ocorre porque os átomos dos metais dispóñense de tal xeito que é posible que se deslicen uns sobre outros e se poida estirar sen romper. Os metais e aliaxes con esta propiedade coñécense como dúctiles.

Tecnicamente, pódese dicir que un material é dúctil cando a relación entre o alongamento lonxitudinal producido por unha tracción e a diminución da sección transversal é moi elevada.

No ámbito da metalurxia enténdese por metal dúctil o que sofre grandes deformacións antes de romper, sendo o oposto ó metal fráxil, que rompe sen apenas deformación.

Non debe confundirse dúctil con brando, xa que a ductilidade é unha propiedade manifestada cando o material está soportando unha forza considerable. Mentres a carga sexa pequena, a deformación tamén o será, pero alcanzado certo punto o material cede, deformándose en moita maior medida do que o fixera ata entón, pero sen chegar a romper.

Nun ensaio de tracción os materiais dúctiles presentan unha fase de fluencia caracterizada por unha gran deformación sen apenas incremento da carga.

Desde un punto de vista tecnolóxico, á marxe de consideracións económicas, o uso de materiais dúctiles presenta vantaxes:

  • Na fabricación: xa que son aptos para os métodos de fabricación por deformación plástica;
  • No uso: presentan deformacións notorias antes de romper. Pola contra, o maior problema que presentan os materiais fráxiles é a rotura sen previo aviso, mentres que os materiais dúctiles sofren primeiro unha acusada deformación, conservando aínda unha certa reserva de resistencia, polo que despois será necesario que a forza aplicada siga aumentando para que provocar a ruptura.

A ductilidade dun metal valórase de forma indirecta a través da resiliencia.