Dobrón Brasher

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dobrón Brasher (Brasher Doubloon). 1787 [1]
A/: Orto do Sol sobre cumio dunha montaña. O mar en primeiro plano e ao seu pé: BRASHER.

Lenda: NOVA EBORACA COLUMBIA EXCELSIOR

R/: Aguia con ás despregadas e cun escudo no peito. Feixe de setas e póla de oliveira nas poutas. Trece estrelas aos lados da cabeza. Data no exergo. Marca de gravador: EB.

Lenda: UNUM E PLURIBUS

O dobrón Brasher (en inglés: Brasher Doubloon) é unha moeda de ouro estadounidense datada en 1787, emitida de xeito privado por Ephraim Brasher en Nova York co valor de 8 escudos españois ou 16 reais de oito.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1787 Ephraim Brasher (1744-1828),[2] un reputado ourive e prateiro que tiña amizade con George Washington e que traballara como ensaiador para a Casa da Moeda de Filadelfia,[3] presentoulle ao Estado de Nova York unha solicitude para cuñar moeda miúda de cobre, e esta solicitude foi rexeitada. Daquela, Brasher xa gozaba dunha boa consideración polas súas habelencias profesionais e o seu selo —que non só estampaba nas súas propias pezas, senón noutras que lle enviaban para que as ensaiase— era moi prestixioso nas primeiras épocas dos Estados Unidos. Máis adiante, Brasher cuñou varias moedas de cobre, ademais dunha pequena cantidade de moedas de ouro xa no propio 1787.[4][5]

As primeiras destas moedas de ouro non eran máis ca reproducións das moedas españolas de oito escudos cuñadas na Ceca de Lima, pero máis adiante Brasher decidiu facer os seus propios deseños. Neste contexto xurdiu o coñecido como dobrón Brasher, co mesmo valor e as mesmas características métricas que os oito escudos españois, equivalentes a 16 reais de oito —que nas colonias inglesas en América se coñecían como Spanish dollars—. Hoxe consérvanse unicamente sete espécimes desta mítica moeda.[3][5]

A nomenclatura de "dobrón" (doubloon) pode resultar confusa. Nun principio a este valor chamábaselle "dobre dobrón" (double doubloon), partindo da moeda de dous escudos, polo que se lle aplicaba á moeda de catro escudos o nome de "dobrón". Finalmente, á gran moeda de oito escudos acabou por chamárselle "dobrón español" (Spanish doubloon).[6]

O dobrón Brasher está considerada como unha das moedas máis raras e caras do mundo. Cando o comerciante de mondas B. Max Mehl a ofreceu no seu catálogo de venda da colección James Ten Eyck en 1922, sinalou:[5]

Polo seu interesehistórico e a súa gran rareza numismática, esta gran moeda non tene parangón. É recoñecida con razón como unha das maiores rarezas numismáticas do mundo.

Deseño[editar | editar a fonte]

Exemplar do Dobrón Brasher da Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos, exposto no Museo Nacional de Historia Americana, en Washington.

Brasher creou o seu dobrón cunhas especificacións métricas idénticas ás das moedas de oito escudos colonaiis españois da ceca de Lima, mais cun deseño totalmente novo:[5]

Presenza no mercado numismático[editar | editar a fonte]

Un exemplar do dobrón Brasher foi vendido en marzo de 1981 por 625.000 dólares.[4]

O 12 de xaneiro de 2005, a casa de poxas Heritage Auctions Galleries acadou o fito de ofrecer nunha única sesión as tres variantes coñecidas do dobrón Brasher: unha da primeira época, co modelo das moedas de Lima (que acadou os 690.000 dólares),[8] e as outras dúas co deseño propio de Brasher, unha coas iniciais AB na á dereita (2.415.000 dólares)[9] e outra con esta inscrición sobre o peito da aguia (2.990.000 dólares) da que se coñece un único exemplar.[10]

Este último exemplar, coas iniciais no peito, foi vendido novamente en 2011 pola casa Blanchard & Co., de Baton Rouge, Luisiana, a un comprador anónimo pola cantidade de 7.395.000 dólares, o que supuxo daquela o récord para unha moeda dos Estados Unidos.[11] Mais esta cantidade viuse superada en xaneiro de 2021 nunha nova poxa pública realizada por Heritage Auctions, na que un exemplar coas iniciais AB na á dereita acadou un novo récord: 9.360.000 dólares.[3][5][12]

O dobrón Brasher na cultura[editar | editar a fonte]

Esta moeda constituíu o tema central da novela de misterio de Raymond Chandler titulada The High Window (1942), do detective Philip Marlowe,[13] que foi levada ao cine en dúas ocasións, unha baixo o título de Time to Kill, en 1942,[14] e outra como The Brasher Doubloon, en 1947.[3][5][7]

O dobrón Brasher tamén aparece mencionado na novela de Bernie Rhodenbarr The Burglar Who Studied Spinoza (1980)[15] e na de John Bellairs The Mansion in the Mist (1992).[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Doubloon - Ephraim Brasher New York". Numista.com
  2. "Ephraim Brasher". American Silvermiths.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Kampmannn, U. (2021). "$9.36 Million: Why the Brasher Doubloon is the most expensive coin of the world". En Coins Weekly. 28 de xaneiro.
  4. 4,0 4,1 "1787 Brasher Doubloon". Coin-Gallery.com
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 "Auction 1201. Lot 5100: 1787 DBLN Brasher Doubloon". Heritage Auctions. 9 de xaneiro de 2014.
  6. Kelly, Patrick (1821). "The Universal Cambist and Commercial Instructor [...]". Londres. Páxina 319.
  7. 7,0 7,1 7,2 "Brasher-Dublone". En Muenzen-Online. 23 de maio de 2018.
  8. "Auction 360. Lot 30015". Heritage Auctions. 12 de xaneiro de 2005.
  9. "Auction 360. Lot 30016". Heritage Auctions. 12 de xaneiro de 2005.
  10. "Auction 360. Lot 30017". Heritage Auctions. 12 de xaneiro de 2005.
  11. Gilkes, P. (2011). "Brasher doubloon brings nearly $7.4 million". En Coin World. 19 de decembro.
  12. "Adjudicado un 'Doblón Brasher' en $9.360.000". En Panorama Numismático. 4 de febreiro de 2021. Asociación Española de Numismáticos Profesionales.
  13. Chandler, R. (1942). The High Window. Ed. Alfred A. Knopf.
  14. Time to Kill (1942). IMDb
  15. Block, L. (2006). The Burglar Who Studied Spinoza. ISBN 0-06-087276-4
  16. Bellairs, J. (2004). The Mansion in the Mist. ISBN 978-0-14-240262-7

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]