Ciclióforos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ciclióforos
Clasificación científica
Dominio: Eukarya
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Protostomia
Filo: Cycliophora
Funch & Kristensen, 1995
Clase: Eucycliophora
Funch & Kristensen, 1995
Orde: Symbiida
Funch & Kristensen, 1995
Familia: Symbiidae
Funch & Kristensen, 1995
Xénero: Symbion
Funch & Kristensen, 1995
Especies

Os ciclióforos (Cycliophora, do grego κύκλος kýklos, "círculo", "roda" e φορός phorós "portador", é dicir, "os que levan rodas", debido a unha pequena coroa que rodea a boca de ditos organismos) son un filo de animais descuberto en 1995 por Reinhardt Kristensen e Peter Funch da Universidade de Copenhaguen na boca de Nephrops norvegicus (a cigala).[1]

Trátase dun grupo de seres mariños, triblásticos, acelomados, con simetría bilateral, que inclúe un único xénero, Symbion, con dúas especies descritas Symbion pandora e Symbion americanus.[2]A segunda das especies encontrouse na boca de Homarus americanus (o lumbrigante americano)[3] e aínda hai outras, de momento sen describir, encontradas na boca de Homarus gammarus (o lumbrigante).

Características[editar | editar a fonte]

Os zoólogos decidiron crear este filo xa que estes seres posúen un gran número de características que os diferencian doutros filos como a súa morfoloxía, a sexualidade etc., non encaixando con ningún dos actualmente existentes.

  • Dende o punto de vista da súa sexualidade este grupo presenta unhas características propias como son a presenza de tres tipos de formas: unha de maior tamaño asexuada, uns machos máis pequenos unidos ás formas anteriores e unhas femias de tamaño intermedio.
  • En canto ao aparato dixestivo, os individuos presentan un embude bucal cunha coroa de cilios na parte superior do tronco coa misión de atrapar o alimento. Ao seren transparentes, pódense apreciar no interior do seu corpo un tubo dixestivo que ten estrutura en U, estando o ano preto do embude.
  • Na parte inferior do tronco obsérvanse xemas internas que corresponden a embrións en diferentes estados de desenvolvemento.
  • O ciclo biolóxico pasa por unha fase asexual e outra fase sexual que acaba xerando unhas larvas que producen novos individuos asexuados.
  • Viven adheridos as mandíbulas das cigalas (ou dos lumbrigantes, segundo as especies) mediante un curto pedúnculo que remata nun disco adhesivo.
  • O seu tamaño e inferior a 1 mm de lonxitude.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. P. Funch & R. M. Christensen (1995): "Cycliophora is a new phylum with affinities to Entoprocta and Ectoprocta", Nature, 378: 711–714. [1]
  2. Obst, Matthias; Funch, Peter & Giribet, Gonzalo (2005-10-17). "Hidden diversity and host specificity in cycliophorans: a phylogeographic analysis along the North Atlantic and Mediterranean Sea". Molecular Ecology (en inglés) 14 (14): 4427–4440. doi:10.1111/j.1365-294X.2005.02752.x. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2019. Consultado o 08 de abril de 2019. 
  3. Neves, R. C.; Kristensen, R. M. e Wanninger A (2009): "Three-dimensional reconstruction of the musculature of various life cycle stages of the cycliophoran Symbion americanus". J. Morphol. 270 (3): 257–70. PMID 18937332.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]