Cambio antixénico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración do NIAID de potenciais redistribucións xenéticas no virus da gripe.

O cambio antixénico é o proceso por medio do cal dúas ou máis cepas dun mesmo virus ou cepas de dous ou máis virus diferentes se combinan para formar un novo subtipo que ten unha mestura de antíxenos de superficie das cepas orixinais implicadas. O termo adoita aplicarse correntemente ao virus da gripe, xa que é o exemplo mellor coñecido, mais o proceso tamén se sabe que ocorre noutros virus, como o virus visna das ovellas.[1] O cambio antixénico é un caso específico de redistribución, rearranxo ou cambio viral que confire un cambio fenotípico.

O cambio antixénico contrasta coa deriva antixénica, que é a mutación natural que sofren co tempo cepas coñecidas de virus como o da gripe, que pode conducir a unha perda de inmunidade ou a unha inadecuación das vacinas. Na deriva antixénica só intervén unha cepa do virus. A deriva antixénica ocorre en todos os tipos de virus da gripe, como os causantes da gripe A, gripe B e C. Porén, o cambio antixénico ocorre só na gripe A porque este non só infecta humanos, senón tamén outras especies.[2] As especies afectadas inclúen tanto outros mamíferos coma aves, o que lle dá ao virus da gripe A a oportunidade de realizar unha reorganización importante dos seus antíxenos de superficie. Os virus da gripe B e C afectan principalmente a humanos, o que minimiza a posibilidade de que se produza unha redistribución xenética que cambie o seu fenotipo drasticamente.[3]

Na década de 1940 Maurice Hilleman descubriu o cambio antixénico, que é importante para a aparición de novos patóxenos virais, xa que é a vía que os virus seguen para ocupar un novo nicho e espallar a súa infectividade.[4][5]

Papel na transmisión de virus da gripe de animais non humanos a persoas[editar | editar a fonte]

Encóntranse virus da gripe A en oitos animais diferentes, incluíndo patos, polos, porcos, humanos, baleas, cabalos e focas.[3] Os virus da gripe B circulan principalmente entre humanos, pero recentemente atopáronse tamén en focas.[6] As cepas da gripe noméanse polos seus tipos de proteínas superficiais hemaglutinina e neuraminidase (das cales hai 18 e 9 distintas, respectivamente); por exemplo denomínase H3N2 se ten o tipo 3 de hemaglutinina e o tipo 2 de neuraminidase. Algunhas cepas de gripe aviaria (das cales se cre que derivaron outros tipos de cepas de gripe A[2]) poden infectar porcos ou outros mamíferos. Cando dúas cepas diferentes de virus da gripe infectan a mesma célula simultaneamente, as súas cápsidas proteicas e envolturas lipídicas son eliminadas, expoñendo o seu ARN, que se transcribe despois a ARNm. A célula hóspede forma entón novos virus que combinan os seus antíxenos; por exemplo, o H3N2 e o H5N1 poden formar o H5N2 deste modo. Como o sistema inmunitario humano terá dificultades para recoñecer a nova cepa de virus da gripe, pode ser moi perigosa e orixinar unha nova pandemia.[3]

Os virus da gripe que sufriron un cambio antixénico causaron a pandemia de gripe asiática de 1957, a pandemia de gripe de Hong Kong de 1968 e a da gripe porcina de 1976. Ata hai pouco críase que tales combinacións causaran o gromo de gripe española de 1918, que matou 40~100 millóns de pesoas no mundo. Porén, investigacións máis recentes indican que a pandemia de 1918 foi causada por deriva antixénica dun virus totalmente aviario que mutou a unha forma que podía infectar humanos eficientemente.[7][8]O gromo de H1N1 máis recente de 2009 foi o resultado de cambio antixénico e redistribución de material xenético entre virus humanos, aviarios e porcinos.[9]

Papel dos porcos no cambio antixénico na gripe[editar | editar a fonte]

Os porcos son especialmente importantes no cambio antixénico dos virus da gripe. Como os porcos poden infectarse con cepas do virus da gripe que infectan outras especies de animais, actúan como 'potas de mestura' para o virus. Cando varias cepas do virus, como as de pato e humanas, infectan porcos, é probable que se produza un cambio antixénico. Aínda que a maioría das cepas de virus resultantes disto son cepas sen posibilidades de infectar humanos, unhas poucas teñen o potencial de converterse en virus pandémicos humanos.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Narayan, O; Griffin, DE; Chase, J (1977). "Antigenic shift of visna virus in persistently infected sheep". Science 197 (4301). pp. 376–378. Bibcode:1977Sci...197..376N. PMID 195339. doi:10.1126/science.195339. )
  2. 2,0 2,1 Treanor, John (2004-01-15). "Influenza vaccine--outmaneuvering antigenic shift and drift". New England Journal of Medicine 350 (3): 218–220. PMID 14724300. doi:10.1056/NEJMp038238. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Zambon, Maria C. (November 1999). "Epidemiology and pathogenesis of influenza". Journal of Antimicrobial Chemotherapy 44 (Supp B): 3–9. PMID 10877456. doi:10.1093/jac/44.suppl_2.3. 
  4. Oransky, Ivan (2005-05-14). "Maurice R Hilleman". The Lancet (en English) 365 (9472): 1682. ISSN 0140-6736. PMID 15912596. doi:10.1016/S0140-6736(05)66536-1. 
  5. Kurth, Reinhard (April 2005). "Maurice R. Hilleman (1919–2005)". Nature (en inglés) 434 (7037): 1083. ISSN 1476-4687. PMID 15858560. doi:10.1038/4341083a. 
  6. Carrington, Damian (2000-05-11). "Seals pose influenza threat". BBC. 
  7. Aoki, FY; Sitar, DS (January 1988). "Clinical pharmacokinetics of amantadine hydrochloride". Clinical Pharmacokinetics 14 (1): 35–51. PMID 3280212. doi:10.2165/00003088-198814010-00003. 
  8. Johnson, NP; Mueller, J (Spring 2002). "Updating the accounts: global mortality of the 1918-1920 "Spanish" influenza pandemic". Bulletin of the History of Medicine 76 (1): 105–115. PMID 11875246. doi:10.1353/bhm.2002.0022. 
  9. Smith, G. J. D.; Vijaykrishna, D.; Bahl, J.; Lycett, S. J.; Worobey, M.; Pybus, O. G.; Ma, S. K.; Cheung, C. L.; Raghwani, J.; Bhatt, S.; Peiris, J. S. M.; Guan, Y.; Rambaut, A. (2009). "Origins and evolutionary genomics of the 2009 swine-origin H1N1 influenza A epidemic.". Nature 459 (7250): 1122–1125. Bibcode:2009Natur.459.1122S. PMID 19516283. doi:10.1038/nature08182. 
  10. "Key Facts about Human Infections with Variant Viruses | CDC". www.cdc.gov (en inglés). 2019-01-03. Consultado o 2020-11-15. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas =[editar | editar a fonte]