Axente biolóxico patóxeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Patóxeno»)

En Infectoloxía, un axente biolóxico patóxeno (do grego pathos, enfermidade e genein, procrear) é toda aquela entidade biolóxica capaz de producir enfermidade ou dano na bioloxía dun hóspede (humano, animal, vexetal etc.) sensiblemente predisposto. O mecanismo da patoxenicidade foi moi estudado e ten varios factores, algúns dos cales son dependentes do axente patóxeno e outros do hóspede.

A especificidade do hóspede[editar | editar a fonte]

En primeiro lugar debe sinalarse que moitos microorganismos son específicos dunha especie animal determinada. Así, o virus da varíola humana só afecta ás persoas e a ningunha outra especie do reino animal. O mesmo pode sinalarse para o caso da febre tifoide.

Outros patóxenos son compartidos por varias especies, tal como o Bacillus anthracis, axente do carbuncho (en inglés, anthrax), o que pode producir enfermidade tanto a bovinos, porcinos, equinos, ovinos, caninos, felinos e humanos. Con todo, a pesar de que este microbio pode afectar a todas estas especies, a gravidade da enfermidade é moi variable dependendo da especie afectada. Por exemplo, o carbuncho ovino é extremadamente fatal pero só causa un carbuncho leve no can. Isto indica que entre o microorganismo e o seu hóspede debe haber, necesariamente, certa afinidade de xeito que os produtos do metabolismo do axente causen severo dano ou unha resposta esaxerada por parte do hóspede.

Dende o punto de vista evolutivo aqueles organismos parasitarios que causan a morte do hóspede teñen tendencia a ser eliminados por unha razón moi sinxela: non lle quedan hóspedes para parasitar. Por esta razón só sobreviven aqueles que non son tan patóxenos para o seu hóspede de xeito que o parasito se poida perpetuar.

Factores intrínsecos[editar | editar a fonte]

En infectoloxía o hóspede (hospedador) achega ao fenómeno infeccioso un conxunto de factores intrínsecos, que afectan á exposición, á susceptibilidade ou á resposta aos axentes, na produción de enfermidades.

Estes factores intrínsecos ou atributos do hóspede son:

  1. Factores inmunolóxicos.
  2. Factores xenéticos.
  3. Idade.
  4. Sexo.
  5. Condicións fisiolóxicas.
  6. Enfermidades intercurrentes ou preexistentes.
  7. Comportamento ou estilo de vida: é un dos factores máis importantes para a adquisición de enfermidades humanas ou animais e sobre o que máis se pode intervir, pois pódese modificar mediante a educación ou previr modificando certas prácticas zootécnicas.
    1. Hixiene persoal.
    2. Manipulación dos alimentos.
    3. Dieta.
    4. Exercicio físico.
    5. Actividades de lecer ou afeccións.
    6. Contactos interpersoais.
    7. Consumo de tóxicos: tabaco, alcol e outras drogas.

A resistencia do hóspede[editar | editar a fonte]

A patoxenicidade do microorganismo está freada ou facilitada pola resistencia inmunitaria do hóspede. As persoas correctamente vacinadas contra a varíola son inmunes a este virus. Este feito foi descuberto por Jenner en Inglaterra, ao decatarse de que as muxidoras que foran afectadas pola varíola vacúa, unha enfermidade propia do gando vacún e que se adquiría ao manipular os ubres destes animais, non sufrían a mortal varíola humana. Por outra banda, as persoas afectadas pola SIDA, cuxo virus diminúe as defensas, poden presentar enfermidades debido a xermes que adoitan ser inofensivos.