Amaro de Anjou
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Amaro.
Amaro de Anjou, nado en Roma no ano 511 e finado o 15 de xaneiro de 584, abade de Glanfevil, chamado despois santo Amaro do Loira ou de Anjou, foi un relixioso cristián do século VI.
Índice |
[editar] Traxectoria
Naceu nunha familia nobre, fillo do senador Equitius. Foi o primeiro discípulo de San Bieito e enviado a Francia, segundo a tradición, no ano 543 para fundar mosteiros. Gobernou como abade durante moitos anos o convento fundado por el, e no 582 retirouse á clausura, morrendo o 15 de xaneiro de 584. O santoral da Igrexa católica celebra ese día o día de santo Amaro.
[editar] Tradicións
Determinadas tradicións falan dos seus poderes de taumaturgo. Nos relatos dos milagres de San Bieito de Nursia, recollidos por Gregorio I Magno, fálase de como rescatou ao rapazolo Plácido dun lago sen saber nadar. Relato que ten a moralexa de estimular ao monxe a entregar a vida polo irmán confiándose na providencia e non nas propias capacidades. Atribúeselle a curación de doentes e menesterosos polos que sempre se preocupaba, de aí a devoción popular moi espalla por Galicia. As mesmas tradicións falan das súas conversas co conde Gaidulfo, inimigo declarado dos monxes.
[editar] Reliquias
Documentos dun Sínodo diocesano de 1501 afirman que as súas reliquias estaban gardadas en Almendral, na rexión de Extremadura. Estas reliquias foron trasladas á catedral de Badajoz polo bispo bieito Frei José de la Zerda o ano 1643. Quedaron parte das reliquias en Almendral, existindo tradicións de que algunhas se encontraban en Montecasino, Fosano e Marsella e ,por suposto, na propia Glanfeuil.
En Francia o culto desprazouse no século XVIII a Saint-Germain-des-Prés, onde os revolucionarios franceses dispersaron as reliquias polas rúas de París.
[editar] Significación
Deu nome á congregación de Santo Amaro. No século IX aparece unha Vida de Santo Amaro atribuída aos seus discípulos que tivo moita sona en Francia. A abadía de Glanfeuil foi unha meta de peregrinación local, ao igual que as veciñas Fleury e Mans, que dicían ter reliquias de San Bieito e da irmá deste Santa Escolástica, respectivamente
Adoita representarse cunha muleta e unha balanza. É patrón dos zapateiros e dos artesáns do cobre, así como das illas dos Açores. O culto popular atribúelle longas viaxes alén do fin da terra e está considerado como un santo especialmente milagreiro.