Abadía de Montecassino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Monte Cassino")
Para información sobre a batalla da Segunda Guerra Mundial, véxase Batalla de Monte Cassino
Mosteiro restaurado visto desde o cemiterio para os soldados polacos

A Abadía de Monte Cassino é un mosteiro no outeiro rochoso homónimo. É célebre por ser o lugar onde Bieito de Nursia estabeleceu o seu primeiro mosteiro, a fonte da orde beneditina, sobre o ano 529, e por ser o lugar de varias batallas cara ao final da Segunda Guerra Mundial.

Localización[editar | editar a fonte]

Está localizado a uns 130 km ao sur de Roma, un quilómetro e medio ao oeste da cidade de Cassino (a Casinum romana estivera no outeiro) e a 520 metros de altitude. Está encadrado no sur do Lazio, rexión da cal Roma é capital.

Orixe e historia[editar | editar a fonte]

Como ocorría a miúdo cos primeiras institucións cristiás, o mosteiro foi situado nunha antiga construción pagá, un templo de Apolo que coroaba o outeiro, rodeada por un muro fortificado por riba da pequena cidade de Cassino, aínda en gran parte pagá por aquel entón, e que fora asolada había pouco polos godos. O primeiro que fixo Bieito foi esnaquizar a escultura de Apolo e destruír o altar. Volveu a dedicar o lugar a Xoán o Bautista. Unha vez que se estableceu alí, Bieito xamais o abandonou. En Monte Cassino escribiu a Regra de San Bieito, a cal se converteu no principio fundador para a práctica monástica en occidente. En Monte Cassino recibiu a visita de Totila, rei dos ostrogodos, no ano 580 (a única data histórica segura para Bieito), e alí morreu.

Monte Cassino converteuse nun modelo para futuros desenvolvementos. Desafortunadamente pola súa situación protexida foi sempre un importante lugar estratéxico. Foi saqueada ou destruída varias veces. No ano 584 os longobardos saquearon a abadía, e os monxes superviventes fuxiron a Roma, onde permaneceron durante máis dun século. Durante este tempo o corpo de San Bieito foi trasladado a Fleury, o actual Saint-Benoit-sur-Loire próxima a Orleans, Francia. Un período florecente de Monte Cassino seguiu ao seu restablecemento no ano 718, cando entre os monxes estivo Carlomán, fillo de Carlos Martel; Ratchis, antecesor do gran duque longobardo e rei Aistolfo; e Paulo Diácono, o historiador dos longobardos. No ano 744, unha doazón de Xisulfo II de Benevento creou a Terra Sancti Benedicti (a terra do santo Bieito), as terras seculares de xurisdición da abadía, as cales estaban suxeitas ao abade e a ninguén máis agás o papa. Deste modo, o mosteiro converteuse na capital dun estado que comprendía unha rexión compacta e estratéxica entre o longobardo principado de Benevento e as cidades-estado gregas da costa, os ducados de Nápoles, Gaeta e Amalfi, todos eles aparecidos como provincias (temas) de orixe bizantina. No ano 883 os sarracenos saquearon e incendiaron a abadía. Entre os grandes historiadores que traballaron no mosteiro, neste período, están Erchemperto, autor da Historia Langobardorum Beneventanorum a cal é unha crónica fundamental do Mezzogiorno do século noveno.

Século XI[editar | editar a fonte]

Foi reconstruída e acadou o cume da súa fama no século XI baixo o abade Desiderio (abade desde 1058 ata 1087), quen despois se convertería no Papa Vítor III. O número de monxes ascendeu ata ao redor de 200, e a biblioteca, os manuscritos producidos no scriptorium e a escola de ilustradores de manuscritos, fixéronse famosos en todo Occidente. A escritura única do Benevento floreceu aquí durante o mandato do abade Desiderio. Os edificios do mosteiro foron reconstruídos nunha escala de gran magnificencia, traendo artistas desde Amalfi, Lombardía, e mesmo desde Constantinopla, para supervisar as variadas obras. A igrexa da abadía, reconstruída e decorada con sumo esplendor, foi consagrada no ano 1071 polo Papa Alexandre II. Existe un relato da abadía nestas datas na Chronica monasterii Cassinensis por León de Ostia e Amato de Monte Cassino que nos dá a mellor fonte dos primeiros normandos no sur.

Catástrofee e pillaxe[editar | editar a fonte]

Un terremoto danou a abadía no ano 1349, e aínda que o lugar foi reconstruído, este feito marcou o comezo dun longo período de deterioración. En 1321, o Papa Xoán XXII fixo da igrexa de Monte Cassino unha catedral, e a independencia do mosteiro das intervencións episcopais, coidadosamente mantida, chegou ao seu final. No ano 1505 o mosteiro foi unido ao de Santa Xustina de Padua.

O lugar foi saqueado polas tropas de Napoleón en 1799 e desde a disolución dos mosteiros italianos no ano 1866, Monte Cassino converteuse nun Monumento Nacional. Produciuse unha destrución final o 15 de febreiro de 1944 cando, durante as catro batallas de Monte Cassino (desde xaneiro ata maio de 1944), o edificio enteiro foi pulverizado nunha serie de asaltos aéreos. A abadía foi reconstruída despois da guerra, financiada polo Estado italiano. O Papa Paulo VI volveu a consagrala en 1964.

Arquivos[editar | editar a fonte]

Os arquivos, ademais dun vasto número de documentos relacionados coa historia da abadía, conteñen uns 1400 insubstituíbeis códices manuscritos, sobre todo históricos. Pola gran previsión do tenente Julius Schlegel (que era católico, un oficial nado en Viena) e a capitán Maximilian Becker (que era protestante e ambos, pertencentes á División Panzer de Hermann Göring), estas obras, así como outras obras de arte que se atopaban alí, por exemplo obras de Leonardo da Vinci, Tiziano ou Rafael, foron todas transferidas ao Vaticano ao comezo da batalla. En agradecemento, os monxes celebraron unha misa especial.

Vista do Mosteiro reconstruído

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mosteiro do Monte Cassino