Arco Ártabro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Golfo Ártabro

O Arco Ártabro ou Golfo Ártabro é a denominación que o xeógrafo Otero Pedrayo deu ao litoral formado polas rías de Ferrol, ría de Betanzos-Ares e do Burgo, correspondéndose co que os xeógrafos grecorromanos Estrabón, Pomponio Mela e Plinio designaron como Portus Magnus Artabrorum. Ten un ancho máximo de 5.800 m. e adéntrase uns 5.600 m. cara á desembocadura do río Mero na praia de Santa Cristina (Perillo, Oleiros) e forma parte das chamadas Rías Altas (ou Rías Medias, segundo autores[1]).

Xeografía[editar | editar a fonte]

Trátase dunha comarca natural coñecida como As Mariñas Coruñesas, dunha área xeográfica delimitada nitidamente pola morfoloxía do terreo.

Comprende os arciprestados de Ferrol, Xuvia, Bezoucos, Pruzos, Cerveiro, Xan Rozo, Abegondo e Faro.

Caracterizase pola súa apertura ao mar, "a modo de un anfiteatro", pechado polos montes da Zapateira, O Xalo, Castromaior, Tieira, O Gato, Queixeiro, Capelada e Forgoselo, e abertas ás rías. Estas rías son de augas tranquilas e costa baixa no interior e grandes acantilados nos seus cabos.

No interior os vales dos ríos Mero, Mendo e Mandeo dividen o territorio. O val do Mero é de maior entidade, os outros dous mais estreitos e os vales dos ríos Lambre, Vilariño e o Eume.

A xeoloxía da comarca caracterizase por comporse de grandes franxas orientadas norte-sur alternando granitos e xistos, localizándose pequenos xacementos de estaño (Arteixo), volframio (Culleredo) e ouro (Covas e Carral) asociados aos granitos.

Economía[editar | editar a fonte]

Destaca a súa pluralidade de recursos agropecuarios froito do clima e mais a calidade da terra. Este potencial permite unha intensa rotación. A outra das bases económicas da comarca constitúena as reservas pesqueiras e marisqueiras. Os recursos metalúrxicos carecen na maior parte dos casos de interese económico.

Historia[editar | editar a fonte]

Porta de acceso á croa do Castro de Elviña.

Correspóndese co que os xeógrafos grecorromanos Estrabón, Pomponio Mela e Plinio designaron como Portus Magnus Artabrorum. Estrabón fala no libro III da súa Xeografía de que "os ártabros teñen moitas cidades situadas nun golfo que os navegantes chaman porto dos ártabros". Porén, hai quen interpreta que "porto" só pode designar unha poboación e que este texto debe referirse a unha cidade na que, posibelmente, os romanos pretenderon construír un porto moi grande, e que este plano se desbaratou debido ás Guerras Púnicas.

Consonte o que é típico na Galicia da Idade do Ferro existen restos arqueolóxicos que amosan unha gran concentración de pequenos núcleos poboacionais indíxenas. Entre eles, os autores clásicos destacan Adobrica, Flavia Lambris ou Flavium Brigantium.

Polo xeral trátanse de castros de pequeno tamaño cunha media de superficie de pouco mais de 0,5 Ha. Entre eles consérvanse restos de castros de distintas tipoloxías: castros de interior e castros costeiros. En ambos os tipos predomina a existencia dun só recinto defensivo. Os de interior sitúanse en cotas de altitude media e con febles sistemas defensivos.

Como excepción existen algúns castros localizados en lugares elevados, nas cabeceiras dos vales cunha finalidade e estrutura defensiva mais definida.

Os castros costeiros sitúanse en penínsulas e concentran as súas obras defensivas no istmo.

Entre os numerosos castros pódese falar do Castro de Elviña, Castro de Meirás, Castro de Nostián, Castro da Pastoriza, Castro de Castromaior ou Castro de Lobadiz.

Tamén se atoparon restos de villae romanas que foron obxecto de estudo: a Vila romana de Centroña, a Vila romana de Novelle, a Vila romana de Cambre ou entidades poboacionais rurais máis pequenas coñecidas como vicus, como as atopadas en Carral, Callobre, Sosmelle, Fene...

A poboación indíxena quizais estivese composta por xentes diversas pero todas elas pertencentes ao pobo ártabro, asentado nun espazo definido e cunhas manifestacións culturais comúns (como así nolo fai saber a arqueoloxía cos achados cerámicos e de ourivaría).

Como debeu ocorrer na maioría dos lugares da actual Galicia o proceso de romanización desenvolveuse dun xeito pacífico, un proceso no que houbo un primeiro momento en que os romanos respectaron as estruturas sociais indíxenas, estruturas que co tempo foron adaptando e transformando para adecualas á propia estrutura do Imperio. Este proceso deu como resultado unha sociedade galaico-romana que protagonizou a última etapa da Cultura castrexa.

O proceso de romanización da zona faise patente a través de moitas evidencias (cambios nos deseños urbanísticos, adopción de costumes e deuses romanos, uso de técnicas decorativas romanas...).

No eido da relixión produciuse unha asimilación entre o panteón oficial romano e as divindades indíxenas. As inscricións feitas nas aras votivas atopadas na zona son a fonte máis importante para o estudo deste proceso de asimilación da cultura romana. Na actual cidade da Coruña atopáronse aras dedicadas aos deuses Fortuna, Neptuno, Marte e Xúpiter, mentres no rural atopáronse catro aras todas elas dedicadas a Xúpiter. Preto da igrexa de Meirás atopouse a única ara con inscrición dedicada a un deus do panteón indíxena COSUS ADAVINIAGUS, sendo Cosus unha divindade guerreira asimilable ao deus Marte. A onomástica que aparece nelas tamén serve como medidor do grao de romanización das comunidades indíxenas. En comparación con outras zonas rurais do noroeste peninsular a onomástica indíxena ten moi pouca presenza en detrimento dos nomes romanizados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxanse estes artigos para aclaracións sobre a nomenclatura

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Naveiro López, Juan L. El Golfo Ártabro. Arqueología e historia del gran puerto de los Galaicos Lucenses. Asociación de Amigos do Museo Arqueolóxico de A Coruña. (1994).ISBN 84-604-8835-7