Antonio Salieri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antonio Salieri.

Antonio Salieri,nado en Legnago o 18 de agosto de 1750 e finado en Viena o 7 de maio de 1825, foi un compositor de música sacra, clásica e ópera e un director de orquestra italiano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pasou a maior parte da súa vida na Corte Imperial de Viena, para a que foi compositor e Mestre de capela. A súa filosofía artística resúmese no título dunha das súas óperas célebres: Prima la musica e poi le parole.

Músico de gran valía e dotado de gran talento, adicouse á ensinanza. Viu o seu nome vencellado a unha presunta rivalidade con Wolfgang Amadeus Mozart, rivalidade que contén ademais de acusacións de plaxio, unha máis grave, que é a de causar a morte do compositor de Salzburgo, episodio sen ningunha base histórica e que foi recreado primeiro nun poema polo poeta Alexander Pushkin, no que se inspirou o compositor Nikolai Rimski-Kórsakov para facer unha ópera de nome Mozart e Salieri. Posteriormente o escritor británico Peter Shaffer adaptouna para escribir a obra de teatro Amadeus, levada á gran pantalla con éxito de público e crítica polo director Milos Forman nunha película homónima que recibiu 8 premios Oscar.

Durante a súa carreira tivo como alumnos a futuros músicos destinados a ser famosos, como Beethoven, Schubert, Liszt, Czerny, Hummel e un dos fillos do propio Mozart.

Comezos[editar | editar a fonte]

Após de estudar violín con Giuseppe Tartini, trasladouse trala morte dos seus pais a carón do seu irmán Francesco, primeiro a Padua e logo a Venecia, para aprender a arte do contrapunto na escola de Giovanni Pescetti. En Venecia coñeceu a Leopoldo Gassmann, Kapellmeister en Viena, que o levou con el en 1770 á capital austriaca, á corte de Xosé II de Habsburgo. Á morte de Gassmann, en 1774, asumiu o papel de compositor da corte.

Xa neste posto, despois das súas primeiras óperas (Le Donne letterate, de 1770, e Armida, de 1771), seguiu a composición da ópera que o consagrou no panorama musical da época, L'Europa riconosciuta, encargada pola emperatriz María Tareixa I de Austria e que inaugurou o 3 de agosto de 1778 o Nuovo Regio Ducal Teatro (actual Teatro de La Scala) de Milán. Esa mesma ópera escenificouse na reapertura do teatro o 7 de decembro de 2004 tras un longo período de restauración.

Salieri, que coñecera en Venecia a Metastasio e a Haydn, do que foi moi amigo, viaxou moito durante a súa vida para seguir as representacións das súas moitas óperas. Viviu durante certo tempo en París (onde coñeceu a Gluck, a Piccinni e a Hasse), Milán, Venecia e Roma. Foi un dos autores máis prolíficos, tanto en música de cámara e sacra como de óperas "á italiana"' da súa época.

Os últimos anos[editar | editar a fonte]

Nos seus últimos anos de vida viu como a súa saúde empeorou de súpeto e de modo irreversible. Quedou cego e ficou os derradeiros anos da súa vida internado nun hospital. Dúas das súas enfermeiras afirmaron que nesa época o compositor se autuinculpara da morte de Mozart.

Salieri está sepultado no camposanto Zentralfriedhof de Viena. No seu funeral Schubert (o seu alumno predilecto) dirixiu o Requiem que o propio Salieri escribira tempo atrás para a súa propia morte.

A presunta rivalidade con Mozart[editar | editar a fonte]

Arredor de 1790 Mozart, no cumio da súa fama, acusou a Salieri, cunha popularidade xa decadente, de plaxio e de querer atentar contra a súa vida. Segundo o historiador Alexander Wheelock Thayer as sospeitas de Mozart poderían ter orixe nun episodio ocorrido dez anos antes, cando Mozart viu como Salieri lle quitaba o posto de profesor de música da princesa de Württemberg. Ó ano seguinte, Mozart non conseguiu nin sequera o posto de profesor de piano da princesa.

Cando a ópera de Mozart Le nozze di Figaro tivo en principio un xuízo negativo tanto do público como do propio emperador, o compositor acusou a Salieri do fracaso e de boicotear a estrea ("Salieri e os seus acólitos moverían ceo e terra con tal de facelo caer", comentou o pai de Mozart, Leopold, referíndose ó primeiro fracaso do seu fillo; ese fracaso sería só temporal, como demostrará máis adiante o éxito desta ópera). Pero naquela época Salieri estaba ocupado en Francia coa representación da súa ópera Les Horaces, o que fai dubidar sobre as posibilidades de decidir a esa distancia sobre o éxito ou o fracaso dunha ópera.

Moito máis probablemente (e tamén segundo as teses de Thayer), quen debeu instigar a Mozart contra Salieri puido ser o poeta Giovanni Battista Casti, rival do poeta da corte Lorenzo da Ponte, autor do libreto de Le nozze di Figaro. Unha confirmación indirecta de ata que punto esta disputa entre Mozart e Salieri puido ser algo artificialmente montado está no feito de que cando en 1788 o italiano é nomeado Kapellmeister, en lugar de propor para a ocasión unha das súas óperas preferiu reeditar Le nozze di Figaro.

Moitos artistas e escritores ocupáronse desta dualidade entre Mozart e Salieri: no terreo musical e dramático o compositor Nikolái Rimski-Kórsakov escribiu en 1898 a ópera Mozart et Salieri, e o dramaturgo Peter Shaffer escribiu en 1979 a obra de teatro Amadeus. O director de cine Milos Forman adaptou esta obra en 1984 co mesmo nome, adaptación premiada cun Oscar e reeditada posteriormente en DVD con fragmentos non incluídos na súa estrea.

Obras destacadas[editar | editar a fonte]

Entre as súas trinta e nove composicións para o teatro destacan Armida (1771), La Scuola de' gelosi, (1778), Der Rauchfangkehrer (1781), Les Danaïdes (1784, atribuída nun primeiro momento a Gluck), Tarare (1787), Axur, re d'Ormus (1788), Palmira, Regina di Persia (1795), Falstaff o sia Le tre burle (1799, tema sacado de Las alegres comadres de Windsor de Shakespeare e que retomará máis adiante Giuseppe Verdi en Falstaff).

Entre as súas composicións instrumentais destacan dous concertos para piano e un concerto para órgano escritos en 1773, un concerto para frauta, óboe e orquestra de 1774, un conxunto de vinte e seis variacións sobre La Follia di Spagna (1815) e diversas serenatas.

Salieri hoxe[editar | editar a fonte]

A actividade artística de Salieri revalorizouse nos últimos tempos. No Teatro Salieri de Legnago, a súa cidade natal, onde traballa unha Fundación cultural que tamén leva o seu nome, lévase a cabo o "Festival Antonio Salieri". No ámbito deste festival representouse en 2004 por primeira vez desde facía moito tempo unha estraña ópera súa, Il Ricco d'un giorno, escrita sobre textos do libretista de Mozart, Lorenzo da Ponte.

A figura de Salieri -en especial a imaxe creada pola película Amadeus- suscitou polémica e admiración. Varios grupos de rock modernos levan o nome de Salieri. O grupo finés Warmen tamén dedica o nome de Salieri a varias das súas composicións, como o tema Salieri Strikes Back (do disco debut "Beyond Habilities"), ou o tema posterior Return Of Salieri, do disco "Accept The Fact". Ambas teñen gran protagonismo clásico-barroco mezclado co metal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Antonio Salieri