Saltar ao contido

Anguílidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Anguilla (xénero)»)
Anguílidos
Anguillidae

Rango fósil: mioceno - actualidade [1]

Anguía europea (Anguilla anguilla)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Elopomorpha
Orde: Anguilliformes
Suborde: Anguilloidei
Familia: Anguillidae
Rafinesque, 1810
Xénero: Anguilla
Schrank, 1798 [2]
Especies
  • Véxase o texto

Os anguílidos (Anguillidae) son unha familia de peixes teleósteos da orde dos angüiliformes que inclúe un só xénero, Anguilla, coñecidos vulgarmente como anguías.

Son peixes eurihalinos que pasan parte da súa vida no mar e outra parte nos ríos, con comportamento catádromo. Están distribuídas pola maior parte das augas tropicais e temperadas excepto no leste do océano Pacífico e no sur do Atlántico.[3]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O seu nome deriva do latín anguilla, que significa "anguía".[4]

Rexistro fósil

[editar | editar a fonte]

Apareceron por primeira vez no rexistro fósil no mioceno superior, durante o terciario superior.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

Os anguílidos son peixes de corpo alongado que poden chegar a medir 2 m. As femias adoitan seren de maior tamaño que os machos. Teñen a pel recuberta dunha secreción mucosa que os fai moi esvaradizos, dándolles a súa característica máis coñecida, ademais de que os protexe xa que posúen escamas microscópicas. Normalmente viven uns 8 anos os machos e 12 as femias.

Tras da cabeza teñen dúas aletas pectorais de pequeno tamaño. O dorso e os flancos adoitan ser de cor parda verdosa máis ou menos escura, e a rexión ventrlas abrancazada ou amarelada.

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Anguía.
Ciclo de vida da anguía.

Viven en augas doces, mariñas e auga salobres. Algunhas especies de anguía son catádromas, é dicir, emigran para desovar da auga doce dos ríos cara ao mar (ao revés que fai o salmón, que é anádromo). O caso máis chamativo represéntao a anguía europea (Anguilla anguilla), cuxos lugares para a desova están situados no mar dos Argazos, lugar elixido por esta especie para a cría desde hai 140 millóns de anos.

Os exemplares na madureza reprodutiva (8-10 anos nas femias e 4 nos machos) realizan un percorrido de máis de 4.000 km para chegar ata alí tras uns oito meses de viaxe, partindo dos leitos fluviais da Europa occidental e Norteamérica. Unha vez alí, machos e femias aparéanse, as femias desovan e, finalmente, os individuos de ambos os sexos morren. Todo o proceso lévase a cabo a uns 500 m de profundidade e a unha temperatura duns 15 °C. Os ovos depositados eclosionan aos poucos días, nacendo destes unhas larvas denominadas leptocéfalos, dun tamaño inferior ao da cabeza dun alfinete. Inmediatamente despois do nacemento, movidos máis pola corrente do Golfo que polos seus propios medios, os individuos inician a asombrosa migración de volta ata os leitos fluviais desde onde partiron seus paus. Durante dita migración morren gran cantidade de individuos, pero as postas son moi numerosas, permitindo deste modo a substitución xeracional (9 000 000 de ovos por femia). Tras un prazo de dous a catro anos chegan á desembocadura dos ríos e, ao contacto coa auga menos salina, sofren unha metamorfose que os transforma en meixóns.

A salinidade da auga xoga posteriormente outro papel crucial no seu desenvolvemento, xa que determina o sexo de cada individuo. É por iso polo que unicamente son femias os individuos que remontan os leitos fluviais, permanecendo en zonas próximas á desembocadura (máis salinas) os machos. Entre leitos, canles de rega e pozas transcorre a vida dos meixóns mentres crece, madura e se transforma en anguía.

Anos máis tarde, unha primavera, cando o reloxo biolóxico llo indica, saen do seu hábitat para iniciar a migración ata o mar dos Argazos, cerrando así o seu ciclo vital.

As anguías aliméntanse de larvas de insectos, vermes, crustáceos, moluscos e peixes pequenos, así como de algas.

Na época romana e durante a Idade Media, usáronse anguías para conservar a auga almacenada en alxibes e outros depósitos, debido a que as anguías se alimentaban das algas e insectos que crecían en ditas augas e as mantiñan en condicións adecuadas para o seu consumo, especialmente en momentos de sitio ás fortalezas.

Nos últimos 50 anos as anguías reduciron considerablemente a súa poboación debido á sobrepesca, a contaminación das augas e aos obstáculos que encontran ao ascender os ríos, como encoros ou centrais hidroeléctricas.

Gastronomía

[editar | editar a fonte]

A anguía posúe unha carne saborosa e xelatinosa, e foi apreciada desde a antigüidade. Hoxe en día alcanza prezos astronómicos debido á súa escaseza. Na gastronomía de Alemaña existen diferentes variedades de sopa de anguía segundo a rexión, sendo a máis coñecida a Hamburger Aalsuppe (Hamburgo).

No Xapón é moi apreciada e prepárase asada á grella e cubeta con salsas doces. Confecciónane tamén galletas e pasteis, e no verán de 2008, lanzouse ao mercado unha bebida gasosa, de cor amarela, feita con extractos da cabeza e ósos de anguía.

Na albufeira de Valencia a anguía é mou apreciada e empregada para preparar o all i pebre de anguiles (anguías con prebe de allo e pemento moído).

Como quedou dito, a familia só conta cun xénero, Anguilla, que comprende 18 especies:[2]

Familia Anguillidae

  1. 1,0 1,1 Berg, L. S. (1968): System der rezenten und fossilen Fischartigen und Fische. Berlin: Deutscher Verlag der Wissenschaften.
  2. 2,0 2,1 Anguilla Schrank, 1798 no ITIS.
  3. Nelson, J. S. (1994). Fishes of the world (en inglés) (3ª edición ed.). John Wiley & Sons, Inc. New York. pp. 600 p. 
  4. Romero, P. (2002). An etymological dictionary of taxonomy. Madrid (unpublished). 
  5. anguía Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionarios da RAG.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Lahuerta e Váquez (2000), p. 55.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 190.
  • McCosker, John F., Paxton, J. R. & Eschmeyer, W. N., eds. (1998): Encyclopedia of Fishes. San Diego, EE.UU.: Academic Press. ISBN 0-12-547665-5.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]