Anarquismo en España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O anarquismo (a filosofía política que propón unha sociedade libre sen xerarquía, baseada na axuda mutua e a cooperación voluntaria) historicamente gañou o maior respaldo e influencia no territorio español, especialmente antes da vitoria de Francisco Franco na Guerra Civil Española entre 1936 e 1939, durante o movemento coñecido como Revolución Española.

Historia[editar | editar a fonte]

Existiron numerosas variantes de anarquismo en España: o anarquismo do campesiñado na zona rural de Andalucía; o anarcosindicalismo urbano en Cataluña, particularmente na capital Barcelona, e o que é a veces chamado anarquismo "puro" noutras cidades como Zaragoza. Porén, estes movementos tiñan e compartían varias similitudes ideolóxicas.

Ó principio os éxitos dos movementos anarquistas foron esporádicos. Os anarquistas organizaban folgas que terminaban por expandirse polo resto do estado. Normalmente as represións policiais reducían o número de manifestantes, pero ó mesmo tempo isto provocaba un fenómeno de radicalización naqueles membros. Este ciclo axudou a liderar unha época de violencia mutua a principios do século XX, na que anarquistas armados dunha banda, e pistoleiros (mercenarios pagados por donos de empresas) doutra, convertéronse en responsables de moitos asasinatos políticos.

Posteriormente, no século XX, a violencia comezou a decaer, e o movemento gañou velocidade co alzamento do anarcosindicalismo e a creación do gran sindicato libertario CNT. As folgas xerais chegaron a facerse comúns, e unha gran porción da clase obreira española adoptou as ideas anarquistas. A FAI foi creada como unha asociación puramente anarquista, coa intención de manter a CNT centrada nos principios do anarquismo.

Os anarquistas desempeñaron un papel destacado na loita armada contra o Bando Nacional durante a Guerra Civil Española. Ó mesmo tempo unha revolución social a gran escala expandiuse a través de todo o territorio español baixo o dominio republicano, onde as terras e fábricas foron colectivizadas e controladas polos traballadores. A revolución empezou a decaer co crecemento da afiliación e o ascenso ó goberno a mediados de 1937 do Partido Comunista de España (PCE), que tiña unha política por completo determinada desde o ministerio de exterior da Unión Soviética stalinista. Este iniciou unha política de militarización progresiva e asimilación das distintas milicias baixo un exército profesional (exército popular), xerarquizado e baixo control directo da administración estatal, así como un fortalecemento e recuperación do control institucional do Estado, incrementando o seu carácter represivo, coa fin de contrarrestar a influencia dos principais grupos revolucionarios e milicianos e restrinxir a súa liberdade e marxe de acción, como a prohibición do periódico da FAI, e a censura doutros medios. A isto engadíase a prolongación indefinida da guerra, que facía afrouxar os ánimos de moitos, e a forza revolucionaria do proceso. Pero o golpe definitivo para toda expectativa de futuro respecto do proceso revolucionario non se consumaría ata a fin da guerra, en 1939, coa vitoria do exército sublevado comandado por Franco, que faría executar a miles de anarquistas e apresar unha importante cifra de disidentes, como presos políticos, fundamentalmente esquerdistas, republicanos e críticos do novo réxime. Pese a isto, a resistencia á súa ditadura nunca morreu completamente, con simpatizantes participando en actos de sabotaxe e outros métodos de acción directa, e nalgunhas ocasións atentando contra a vida do propio gobernante.

O seu legado segue sendo importante na actualidade, particularmente para os anarquistas, anarcosindicalistas, e un sector importante entre os trotskistas, que ven os seus logros como un precedente histórico de validez para un posible proceso de cambio social revolucionario, coa consecución dunha estrutura social sen xerarquías nin clases económicas, organizado a través da participación directa desde abaixo e do control e dirección colectiva e democrática dos medios de produción, de que depende a economía, por parte dos propios produtores, feitos estes centrais das ideas do anarcosindicalismo e o comunismo.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

A mediados do século XIX as ideas revolucionaras eran xeralmente descoñecidas en España. O máis próximo foi a fundación dun movemento entre os seguidores de Proudhon, coñecidos como federalistas, sendo o máis famoso deles Francesc Pi i Margall (nomeado, na súa morte, "O máis sabio dos federalistas, case un anarquista" polo pensador anarquista vigués Ricardo Mella Cea). Sentimentos asociados co anarquismo, tales como o anticlericalismo e a abolición do goberno, foron diseminados por España. Tamén existía o malestar no interior do campesiñado, que non se relacionou con ningún movemento político en particular, pois era un movemento nacido noutras circunstancias. O mesmo ocorreu nas cidades; moito antes de que os traballadores estivesen familiarizados co anarcosindicalismo, houbo folgas xerais e outros conflitos entre os traballadores e os seus patróns.

O primeiro intento con éxito de introducir masivamente o anarquismo en España foi en 1868. Un revolucionario de mediana idade chamado Giuseppe Fanelli chegou a España nunha viaxe planeada por Mikhail Bakunin co obxectivo de recrutar membros para a Primeira Internacional, unha organización internacional que axudou a unificar os grupos obreiros para o beneficio da clase traballadora, se ben posteriormente sería dominada polos marxistas.

Fanelli falaba en francés e italiano, así que os presentes só podían comprender moi pouco do que estaba dicindo, agás un home, Tomás González Morago, que sabía francés. O efecto, porén, foi o mesmo segundo Anselmo Lorenzo, que deu conta da súa oratoria:

A súa voz tiña un ton metálico e era susceptible a tódalas inflexións apropiadas para o que el estaba dicindo, pasando rapidamente de entoacións de furia e ameaza en contra dos tiranos e explotadores para tornarse magoante e consoladora... nós podiamos comprender a súa expresiva mímica e seguir o seu discurso.
Anselmo Lorenzo

Eses traballadores, anhelando moito máis do ofrecido polos suaves radicalismos de entón, chegaron a converterse no núcleo do movemento anarquista en España, esparexendo rapidamente "a idea" a través de España.

As oprimidas e marxinadas clases traballadoras foron moi susceptibles a unha ideoloxía que atacaba ás institucións que eles mesmos percibían como opresivas, a saber: o Estado coa súa corrupción e brutalidade, o capitalismo coas súas doce ducias divididas entre a sufrida pobreza e a gran riqueza, e a omnipotente e represiva institución da relixión organizada.

Unha sección da Primera Internacional foi axiña establecida en Madrid. Uns poucos anarquistas especializados, seguindo "a idea" introducida por Fanelli, comezaron a manter encontros, dar discursos, e atraer a máis seguidores. En 1870, a sección madrileña da Internacional gañara subitamente 2.000 membros.

O anarquismo gañou unha lista moito maior de seguidores en Barcelona, xa un baluarte da rebelión do proletariado, luddismo, e sindicatos. A clase traballadora militante, tal como en Madrid, foi introducida na filosofía do anarquismo a finais da década de 1860. En 1869, unha sección da Internacional foi formada en Barcelona.

Estes centros de actividade revolucionaria continuaron esparexendo ideas a través de discursos, discusións, encontros e os seus periódicos, como La Solidaridad. O anarquismo axiña xerminou por toda España, en vilas e cidades, e en organizacións autónomas. Algunha das aldeas rurais eran xa anárquicos en estrutura antes de que se estendesen as ideas anarquistas.

Un gravado do Congreso de 1870

Un importante evento neses anos foi o Congreso de 1870 en Barcelona, onde delegados de 150 organizacións obreiras se reuniron xunto con miles de traballadores comúns ("ocupando cada cadeira, enchendo os corredores, e espallados máis alá da entrada," segundo Murray Bookchin). A sección española da Internacional foi aquí renomeada como a Federación Rexional Española (tamén coñecida simplemente como a Federación española), e foi discutida a futura estrutura da organización. O congreso tiña unha clara cor anarquista malia a presenza de membros non anarquistas da internacional das outras nacións Europeas. Isto foi visto con desdén pola prensa e os existentes partidos políticos. Para o Congreso o ataque aberto ó proceso político era considerado como un medio lexítimo de cambio e presaxio para o futuro poder dos sindicatos como a CNT.

Os socialistas e os liberais dentro da federación española intentaron reorganizar España en 1871 en cinco seccións comerciais con varios comités e consellos. Algúns anarquistas dentro do grupo sentiron que isto era contrario á súa crenza na descentralización. Un ano de conflito tivo lugar, no que os anarquistas pelexaron contra os "autoritarios" dentro da Federación e finalmente os expulsaron en 1872. No mesmo ano Mikhail Bakunin foi expulsado da Internacional polos marxistas, que eran maioría. Os anarquistas, vendo a hostilidade dos seus antigos aliados da esquerda, reformaron a natureza do seu movemento en España. A Federación Española chegou a descentralizarse, agora dependente da acción e dos traballadores máis experimentados en vez dos burocráticos Consellos. Pasaba así a ser un grupo estruturado de acordo cos principios anarquistas.

Primeiros tumultos, 1873 a 1900[editar | editar a fonte]

Na rexión de Alcoi, os traballadores protestaron en 1873 polas oito horas diarias, seguidos con moita axitación por parte dos anarquistas. O conflito volveuse violento cando a policía disparou a unha multitude desarmada, o que causou que os traballadores asaltasen a Casa Consistorial en resposta. Ducias de persoas foron o saldo final do enfrontamento. Historias sensacionalistas foron inventadas pola prensa acerca das supostas atrocidades que en realidade nunca tiveron lugar: sacerdotes crucificados, homes envoltos en lapas, etc...

O goberno actuou rapidamente para suprimir á Federación Española. As salas de reunións foron clausuradas, os membros apresados, as publicacións suspendidas. Ata a chegada do século XX, o anarquismo do proletariado permaneceu relativamente sufocado.

Porén, as ideas anarquistas aínda permaneceron sendo populares na zona rural de España, onde campesiños sen terras intentaron unha serie de rebelións falidas co intento de dar paso ó comunismo libertario. De principio a fin durante a década de 1870, a Federación Española manifestouse nas áreas campesiñas de Andalucía despois do declinamento dos seus seguidores urbanos. A principios de 1870 unha sección da Internacional foi formada en Córdoba, creando un vínculo necesario entre os movementos urbanos e rurais.

Estes pequenos aumentos foron destruídos pola represión do Estado, que a mediados da década de 1870 forzara ó movemento a entrar na clandestinidade. A Federación Española foi declinando, e os sindicatos convencionais por un tempo comezaron a substituír á acción revolucionaria, aínda que os anarquistas permaneceron sendo abundantes e as súas ideas non se esqueceron; a natureza liberal deste período foi tal vez o berce da desesperación máis que o descontento coas ideas revolucionarias. Os anarquistas deixaron de actuar como tigres solitarios; intentaron organizacións masivas, como o Pacto da Unión e Solidariedade, tendo algúns efémeros éxitos, pero todos terminaron en fracasos.

A escaseza de organizacións revolucionarias supuxo que moitos anarquistas cometeran actos de violencia como unha forma de acción directa, e ocasionalmente provocar revoltas, como en Xerez da Fronteira, sen éxito. Como resposta o goberno igualou o anarquismo co terrorismo. Os anarquistas atopáronse cunha dura represión; un famoso exemplo é o arresto masivo e posterior tortura de prisioneiros anarquistas no castelo de Montjuic en Barcelona en 1892. Case 400 persoas foron levadas aos calabozaos. Os informes internacionais narraban a brutalidade exercida cos prisioneiros: homes colgados desde o teito, xenitais retorcidos e queimados, ou unllas arrancadas. Moitos morreron antes de seren xulgados, e cinco foron finalmente executados.

O alzamento do anarcosindicalismo[editar | editar a fonte]

O terrorismo chegou a ser menos común cerca do cambio de século. Os anarquistas viron a crecente necesidade dunha forma de acción directa capaz de derrocar o Estado e o capitalismo. A idea do sindicalismo volveuse popular (o anarcosindicalismo para diferenciarse do sindicalismo reformista que existía noutras partes de Europa). Os anarcocomunistas puros foron reaccións a adoptar as ideas sindicalistas e se mantiveron á marxe, aínda que os dous grupos axiña chegaron a ser indistinguibles.

Unha nova organización, a Federación de Sociedades de Traballadores da Rexión Española, foi formada en 1900. A organización adoptou o sindicalismo sobre as bases liberais. O seu éxito foi inmediato: folgas xerais afloraron a través de toda España no mesmo ano. Moitas destas folgas non tiñan un liderado visible, senón que estalaban directamente pola clase traballadora. En oposición ás folgas reformistas, moitas destas folgas non facían demandas claras (ou as absurdas demandas internacionais, por exemplo a demanda de deixar en sete horas e media a xornada laboral de oito horas); pero noutros casos as demandas dos traballadores non eran menores a pedir a fin do capitalismo. O goberno español respondeu duramente, e a Federación de Sociedades de Traballadores foi suprimida. Pero a natureza descentralizadora do anarcosindicalismo fixo que lle fose imposible destruíla, provocando unicamente máis ánimos para a resistencia.

A Semana Tráxica[editar | editar a fonte]

Dous acontecementos en 1909 quentaron os ánimos para unha nova folga xeral en Barcelona. Unha fábrica téxtil foi pechada con 800 traballadores despedidos. A través da industria, os salarios foron recortados. Os traballadores, incluso fóra da industria téxtil, comezaron a planear unha folga xeral. Case ó mesmo tempo, o goberno anunciaba que os reservistas serían enviados a loitar en Marrocos, onde grupos tribais estaban tendo escaramuzas contra as tropas españolas. Os reservistas, a maioría traballadores, non estaban de acordo con arriscar as súas vidas ou matar a outros para protexer os intereses dos capitalistas españois (a loita estaba bloqueando as rutas das minas e atrasando negocios). As reunións en contra da guerra orixináronse en todo o país e os berros dunha posible folga fixéronse sentir.

A folga comezou en Barcelona o 26 de xullo, unhas poucas semanas despois de que se fixera o chamamento ós reservistas. Axiña se desatou un alzamento xeneralizado. Anselmo Lorenzo escribiu nunha carta: "Unha revolución social estalou en Barcelona e foi iniciada polo pobo. Ninguén a dirixe. Nin os liberais nin os nacionalistas cataláns, nin republicanos, nin socialistas, nin anarquistas". As comisarías de policía foron atacadas, as liñas de tren que conducían a Barcelona destruídas, e as barricadas se alzaron en cada rúa. Oitenta igrexas e mosteiros foron destruídos por membros do Partido Radical (que, hai que destacalo, foron xeralmente menos "radicais" que os anarquistas ou socialistas) e seis persoas foron asasinadas nos disturbios. Despois da revolta, arredor de 1.700 individuos foron acusados de varios cargos. A maioría foron liberados, pero outros 450 foron sentenciados. Doce foron condenados a cadea perpetua e outros 5 executados, incluíndo a Ferrer i Guàrdia, que nin sequera estaba en Barcelona durante o alzamento.

Trala Semana Tráxica, o goberno reprimiu ós disidentes. Os sindicatos foron suprimidos, os periódicos clausurados e as escolas libertarias pechadas. Cataluña foi posta baixo a Lei marcial ata novembro. Pero máis que renderse, a clase traballadora española comezou a animarse e tornarse incluso máis revolucionaria que antes, debido á adopción do sindicalismo como estratexia revolucionaria.

O nacemento da CNT[editar | editar a fonte]

Bandeira típica do anarconsindicalismo

O movemento anarquista carecía dunha organización nacional estable nos seus primeiros anos. O anarquista Juan Gómez Casas discutiu a evolución da organización anarquista antes da creación da CNT:

Despois dun período de dispersión, a Federación de Traballadores da Rexión Española desapareceu, para ser substituída pola Organización Anarquista da Rexión Española... Esta organización entón cambiou, en 1890, ó Pacto de Axuda e Solidariedade, que foi por si mesmo disolto en 1896 debido á represiva lexislación en contra do anarquismo separándose en varios núcleos e sociedades de traballadores autónomas... Os restos que quedaron da FRE deron orixe á Solidaridad Obrera en 1907, a antecesora directa da CNT.
Juan Gómez Casas

Existiu un consenso xeral entre os anarquistas a principios do século XX de que unha nova organización laboral nacional se necesitaba para traer coherencia e forza ó movemento. Esta organización, nomeada como a Confederación Nacional do Traballo (CNT) foi fundada en outubro de 1910 durante un congreso da Solidariedade Obreira. Durante este congreso, unha resolución declaraba que o propósito da CNT sería "apresurar a emancipación económica da clase traballadora a través da expropiación revolucionaria da burguesía..." A CNT comezou sendo pequena, con arredor de 30.000 membros a través de varios sindicatos e outras confederacións.

A confederación nacional foi dividida en pequenas sedes rexionais, que eran novamente divididas en pequenos sindicatos. A pesar desta estrutura, logrouse evadir de certa maneira a burocracia. As iniciativas para as decisións proviñan dos sindicatos. Alí non existían funcionarios pagados; tódalas posicións eran empregadas por traballadores comúns. As decisións feitas polas delegacións nacionais non tiñan que ser seguidas. A CNT foi nestes aspectos moi diferente ó ríxido sistema dos sindicatos socialistas.

Unha folga xeral foi convocada cinco días despois da súa fundación. A folga estendeuse a través de moitas cidades por toda España; nunha cidade, traballadores tomaron a comunidade e mataron ó alcalde. As tropas dirixíronse ó interior de tódalas principais cidades e a folga foi rapidamente esmagada. A CNT foi declarada organización ilegal, e así volveu á clandestinidade só unha semana despois da súa fundación. Uns poucos anos despois continuou con accións folguistas, como a folga xeral organizada en tándem coa UXT, dominada por socialistas, para protestar pola alza no custo da vida.

Folga xeral de 1917[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Folga xeral de 1917.

Unha folga xeral estalou en 1917 organizada principalmente por socialistas, pero cunha notable actividade anarquista, particularmente en Barcelona. Construíronse barricadas, e os folguistas intentaron deter os tranvías. O goberno respondeu ó encher as rúas de tiroteos. A loita deixou 70 persoas mortas. Malia a violencia, as demandas dos folguistas foron moderadas, típicas dunha folga socialista desa época.

A CNT seguindo a Primeira Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

A economía española sufriu a causa do descenso da economía durante a guerra. As fábricas pecharon, o desemprego aumentou e os salarios baixaron. Esperando un conflicto de clases, especialmente á luz da recente Revolución Rusa, moitos da clase capitalista comezaron unha guerra en contra dos sindicatos, particularmente a CNT. Os peches de fábricas decretados polos mesmos donos volvéronse máis frecuentes. Os militantes que eran coñecidos como tales foron postos nunha "lista negra". Pistoleiros, ou asasinos a soldo, foron contratados para matar ós líderes dos sindicatos. Quizais centos de anarquistas foron asasinados durante este periodo. Os anarquistas responderon con outro número de asasinatos, o máis famoso deles cometido contra o Primeiro Ministro Eduardo Dato.

A CNT, nese momento, tiña ata un millón de membros. Conservaba o seu foco na acción directa e o sindicalismo; isto significaba que as correntes revolucionarias en España xa non estaban á marxe, senón moito máis na corrente principal. Mentres sería falso dicir que a CNT era na súa totalidade anarquista, o sentimento predominante se inclinaba cara esa dirección. Cada membro elixido para o "Comité Nacional" era un aberto anarquista. A maioría dos membros ordenados defendían as ideas anarquistas. A dicir verdade, case toda España parecía radiante co fervor revolucionario; a través das ondas de folgas xerais (moitas folgas resultaron con éxito con respecto ás demandas específicas) non era estraño ver á literatura anarquista inundar lugares ordinarios ou a traballadores comúns discutindo ideas revolucionarias. Un poderoso opoñente das clases máis altas (Díaz del Moral) sostiña que "toda a poboación traballadora" estaba suxeita ó espírito da revolta, que "eran todos axitadores".

Mentras que o anarquismo en España ó principio foi dislocado e efémero, agora mesmo as aldeas máis pequenas tiñan organizacións e tomaban parte do movemento. Distintas partes da CNT (unións, rexións, etc.) eran autónomas e á vez intrincadamente articuladas. Unha folga de traballadores nun campo podía case sempre derivar en folgas solidarias de traballadores nunha cidade enteira. Desta forma, as folgas xerais non eran "chamadas", simplemente sucedían organicamente.

Folga xeral de 1919[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Folga de La Canadiense.

En 1919 os xefes dunha central hidroeléctrica de Barcelona reduciron os soldos desatando unha xigantesca e exitosa folga xeral de 44 días na que participaron máis de 100.000 persoas e que foi coñecida como Folga de La Canadiense. Os patróns inmediatamente intentaron responder militarmente, pero a folga xa se esparexera demasiado rápido. Os empregados doutra planta protagonizaron unha manifestación en apoio ós seus compañeiros traballadores. Case unha semana despois tódolos empregados téxtiles saíron ás rúas. Axiña case tódolos traballadores eléctricos se sumaron á folga.

Barcelona foi posta baixo lei marcial, aínda que a folga continuaba. O sindicato de imprentas de periódicos advertiu ós donos dos xornais de Barcelona que eles non imprimirían ningún tipo de critica cara a folga. O goberno de Madrid intentou destruír a folga ó chamar a tódolos traballadores ó servizo militar, pero esta chamada non foi atendida, xa que nin sequera alcanzou a ser impresa en papel. Cando a chamada chegou a Barcelona, a resposta foi aínda outra folga de parte de tódolos traballadores do ferrocarril e dos troles.

Na literatura, esta folga vese reflectida en La verdad sobre el caso Savolta de Eduardo Mendoza, como marco dos capítulos finais.

O goberno de Barcelona finalmente debeu ceder ante os folguistas, xa que efectivamente a economía catalá se vira seriamente afectada. As demandas dos traballadores incluían, un día laboral de 8 horas, recoñecemento dos sindicatos, e a recontratación dos traballadores despedidos. Todas estas demandas foron aceptadas. Tamén se esixiu a liberación de tódolos presos políticos. O goberno aceptou, pero rexeitou liberar a aqueles que actualmente estaban en xuízo. Os traballadores responderon con gritos de "¡Liberdade para todos!" e advertiron que a folga continuaría durante 3 días se esa demanda non era aceptada. Tal como cabía esperar, isto foi o que sucedeu. Porén, os membros dos comités de folgas e moitos outros foron inmediatamente arrestados e a policía detivo efectivamente a segunda folga antes de que alcanzara instancias maiores.

O goberno intentou aplacar ós traballadores, que estaban claramente ó borde da insurrección. Ducias de miles de cesantes foron obrigados a regresar ós seus traballos. A xornada laboral de 8 horas foi declarada para tódolos traballadores. Así, España chegou a ser o primeiro país do mundo en aprobar unha lei laboral de 8 horas diarias, resultado da folga xeral de 1919.

Despois da folga xeral de 1919, o aumento da violencia en contra dos dirixentes da CNT, combinado co xurdimento da ditadura de Primo de Rivera (que suspendeu tódalas organizacións e publicacións anarquistas), crearon unha quietude na actividade anarquista. Moitos anarquistas responderon á política de violencia ó convertérense en pistoleiros. Este foi un período de violencia mutua, no que varios grupos anarquistas, incluíndo a Los Solidarios, asasinaron a varios opositores políticos. Moitos anarquistas tamén foron asasinados por pistoleiros do outro bando.

A FAI[editar | editar a fonte]

Durante os anos de Miguel Primo de Rivera, moitos dos líderes da CNT comezaron a expor visións "moderadas", mantendo ostensiblemente a perspectiva anarquista pero sostendo que o cumprimento das esperanzas anárquicas non virían inmediatamente. A Federación Anarquista Ibérica (FAI) foi formada en 1927 para combater esta tendencia.

A súa organización estivo baseada sobre grupos pequenos de activistas autónomos. A FAI permaneceu como unha organización secreta, incluso despois do recoñecemento da súa existencia dous anos despois da súa formación. A súa natureza subrepticia fai difícil xulgar a extensión numérica dos seus membros. Estímase que antes da revolución andaba entre os 5.000 e 30.000, aumentando drasticamente durante os primeiros meses da Guerra Civil.

A FAI non foi idealmente libertaria, sendo dominada por militantes como Juan García Oliver ou Buenaventura Durruti. Porén, esta non era autoritaria nos seus métodos reais; era permitida a liberdade de disentimento para os seus membros. En efecto a organización total da FAI era moi relaxada, a diferencia do que significaba o modelo de "alianza" de Bakunin.

A FAI foi militarmente revolucionaria, con accións que incluían os roubos de bancos para a adquisición de fondos, ou a organización de folgas xerais, pero ás veces chegou a ser máis oportunista. Apoiou esforzos moderados en contra da ditadura de Rivera, e en 1936 contribuíu ó establecemento da Fronte Popular. Por aquel tempo en que as organizacións anarquistas comezaron a cooperar co goberno republicano, a FAI foi convertíndose esencialmente nun partido político de facto e o modelo de pequenos grupos de activistas autónomos foi rexeitado, non sen controversia.

A caída de Rivera e a nova República[editar | editar a fonte]

A CNT inicialmente deulle a benvida á República como unha alternativa preferible á ditadura, mentres aínda se mantiñan os principios de que calquera tipo de estado é inherentemente deletéreo, aínda que varíe o grao de severidade.

Malia isto, a relación non perdurou por moito tempo. Unha folga dos traballadores telefónicos levou á loita nas rúas entre a CNT e as forzas do goberno; o exército usou armas de fogo en contra dos traballadores. Unha folga similar estalou unhas poucas semanas despois en Sevilla; vinte anarquistas foron asasinados e 100 terminaron feridos despois de que o exército cercara o punto de encontro da CNT e destruíron a súa artillería. Unha insurrección ocorreu en Alto Llobregat, onde os mineiros tomaron o control da vila e alzaron bandeiras roxinegras nos salóns do Concello.

Estas accións provocaron que a represión do goberno se tornara máis áspera. Algúns dos máis activos anarquistas, incluíndo a Durruti e Ascaso, foron deportados ó territorio Español en África. Isto provocou protestas e unha insurrección en Terrassa, onde, como no Alt Llobregat, os traballadores tomaron a cidade e alzaron as súas bandeiras. Outra insurrección falida tivo lugar en 1933, cando grupos anarquistas atacaron os cuarteis militares coa esperanza de que dentro encontrarían apoio. Pero o goberno xa estaba ó tanto destes plans e axiña suprimiu a revolta. Ningunha destas accións tiveron éxito. Terminaron con miles de anarquistas en prisión ademais dun grupo de feridos. Ó mesmo tempo, a loita corpo a corpo (instigada polos tamén chamados treintistas) feriron a unidade da loita anarquista.

O preludio á Revolución[editar | editar a fonte]

O reformismo da república levou ós anarquistas a pregoar o grito "¡Antes das caixas electorais, revolución social!". Desde a súa visión, as reformas das eleccións libres eran fútiles e indesexables, e impedían ademais a total liberación da clase obreira.

Un alzamento tivo lugar en decembro de 1933. Ademais dunha fuga nunha prisión de Barcelona, non se efectuou ningún tipo de progreso antes de que a policía sufocase a revolta en Cataluña e o resto do país. Zaragoza viu unha efémera insurrección manifestada na loita nas rúas xunto á ocupación de certos edificios.

En Casas Vellas os militantes axiña se renderon ó vérense sobrepasados en número polas forzas policiais. Porén, un anarquista chamado o Seis dedos atrincheirouse na súa casa xunto á súa familia e preferiu resistirse ó arresto. A súa casa foi queimada, a súa familia asasinada, e os anarquistas, previamente rendidos pacificamente, foron baleados. A masacre provocou o repudio por parte de tódolos movementos políticos de España, incluíndo ós republicanos conservadores. Estes acontecementos foron coñecidos como os sucesos de Casas Vellas.

Unha importante folga tivo lugar en abril, novamente en Zaragoza. Durou cinco semanas, detendo a maior parte da economía de Zaragoza. O apoio á folga tamén se manifestou noutros lugares do país; os anarquistas de Barcelona tomaron o coidado dos fillos dos folguistas (arredor de 13.000).

Asturias[editar | editar a fonte]

Tal vez o máis claro antecedente á revolución (e guerra civil) ocorreu en 1934, nos distritos mineiros de Asturias coa chamada Revolución de outubro. A folga realizada aquí foi un esforzo cooperativo de socialistas e anarquistas, con maior representación dos primeiros, pero con eventos que reflectiron a liña do pensamento anarquista. Os comunistas tiñan algo de influencia, pero o seu número era pequeno; o partido comunista tiña uns 1.000 membros en 1934, fronte ó 1,44 millóns da UXT e o 1,58 millóns da CNT.

A folga mineira comezou con ataques ós cuarteis da Guardia Civil. Na vila de Mieres os cuarteis da policía e o Concello foron tomados. Os folguistas mudáronse, continuando coa ocupación das vilas, incluída a capital de Asturias, Oviedo. A clase obreira tomara o control de case toda Asturias, baixo os cánticos de "Unidade, irmáns proletarios" a través da alianza obreira da UIP. Os portos de Xixón e Avilés permaneceron abertos. A defensa dos militantes anarquistas en contra da inminente chegada das tropas gobernamentais foi incapaz de contelos. Así caeu o alzamento, cunha gran violencia en contra dos rebeldes, pero tamén con gran unidade e fervor revolucionario entre os membros da clase obreira. Porén, chegaron a darse breves experiencias de comunismo libertario en La Felguera, (Langreo) e o barrio xixonés de El Llano.

O esmagamento da revolta foi liderada polo Xeneral Francisco Franco, que posteriormente lideraría unha rebelión en contra da república e se convertería en ditador. Os mineiros capturados fixeron fronte á tortura, violación, mutilación e execución. Este feito presaxiou a mesma brutalidad vista dous anos despois durante a Guerra Civil Española.

A Fronte Popular[editar | editar a fonte]

Coa crecida dos partidos políticos de dereita (os ultraconservadores de Gil Robles, a CEDA católica, por exemplo), os partidos de esquerda sentiron a necesidade de unirse nunha "Fronte Popular". Esta incluía republicanos, socialistas, comunistas e outros partidos de esquerda; os anarquistas non chegaron a formar parte del, pero recomendaron o voto a esta coalición.

Os elementos máis radicais da CNT-FAI non estiveron satisfeitos coas políticas electorais. Despois de que a Frente Popular acadara o poder, as folgas, manifestacións e rebelións estalaron a través de toda España.

No campo, case 5km² de terras foron tomadas por campesiños. A Fronte Popular comezou a perder o control. Os anarquistas continuarían coas folgas incluso cando os socialistas máis prudentes chamaron a detelas, levándose consigo a comida das reservas para os fondos folguísticos.

O congreso nacional da CNT de maio de 1936 tivo un ton abertamente revolucionario. Entre os temas discutidos encontrábanse a liberdade sexual, plans para as comunas agrícolas, ou a eliminación da xerarquía social.

A Guerra Civil Española[editar | editar a fonte]

Presencia anarquista na Guerra Civil Española[editar | editar a fonte]

O goberno republicano respondeu ó intento de alzamento militar cunha notable timidez e falta de acción. A CNT advertira ó executivo acerca dun alzamento baseado en Marrocos meses antes e incluso deu a data e hora exacta deste, 19 de xullo ás 5 da madrugada, información obtida a través dunha gran rede de espionaxe. Aínda así, a Fronte Popular non fixo nada, e mesmo se negou a dar armas á CNT. Cansados de pedir armas sen poder recibilas, os militantes da CNT atacaron un arsenal e repartiron as armas entre os sindicatos. As milicias foron postas alerta días antes do planeado alzamento militar.

O alzamento foi adiantado dous días, ó 17 de xullo, e estalou en áreas defendidas fortemente por militantes anarquistas, como Barcelona. Algunhas fortalezas anarquistas, como Zaragoza, caeron, para o gran desánimo daqueles en Cataluña; isto debeuse tal vez a que recibiron un comunicado desde Madrid que chamaba á tranquilidade argumentando que non era unha "situación desesperante", polo que non se prepararan correctamente. O goberno aínda permanecía negando as armas, e incluso dicindo que as tropas nacionais foran esmagadas en lugares en que realmente non o foran. Debido principalmente ás milicias dos sindicatos, anarquistas e socialistas, as forzas rebeldes non puideron consumar un pronunciamento, tendo que ir á guerra civil.

As milicias anarquistas eran notablemente libertarias, particularmente ó principo da guerra, antes de seren absorbidas polo exército popular ou regular. Non posuían un sistema de rango, senón que funcionaban sen xerarquía, e sen saúdos especiais, e os chamados "comandantes" eran elixidos polas propias tropas. A unidade anarquista máis efectiva foi a Columna Durruti, liderada polo xa lendario militante Buenaventura Durruti. Comezou con 3.000 milicianos, chegando a contar con 8.000 homes e mulleres. Non tiveron demasiada dificultade para obter armas dun temoroso goberno republicano, dándolle uso ás armas que se amoreaban nas reservas do goberno. A morte de Durruti o 20 de novembro de 1936 debilitou á columna no espírito e na súa habilidade táctica. Os seus membros foron eventualmente incorporados, por ordes alleas, ó exército regular. Case un cuarto da poboación de Barcelona asistiu ó funeral de Durruti.

Aínda se descoñece realmente como morreu o anarquista leonés (falouse das "catro mortes de Durruti"); historiadores modernos tenden a aceptar que foi un accidente, tal vez debido ó mal funcionamento do seu laranxeiro ou a dalgún fogo aliado, pero algúns rumores daquel tempo contaban acerca da traizón dun dos seus homes, mentres que os anarquistas tenderon a clamar que morreu heroicamente polo disparo dun francotirador fascista ou mesmo comunista, inserindo esta última teoría na crecente dinámica de deslexitimación e destrución do movemento libertario que levaron a cabo amplos sectores do comunismo español durante a Guerra Civil, baixo a sombra de Stalin.

Outra famosa unidade foi a Columna de Ferro, composta esencialmente por anarquistas valencianos, contando tamén coa presenza de ex-convictos e outros españois "desherdados" simpatizantes da revolución. O goberno republicano tachounos de "incontrolables" e "bandidos", mais estes tiveron unha gran cantidade de éxitos durante as batallas e contribuíron á expansión da Revolución polas terras que pasaban. En marzo de 1937 foron incorporados contra a súa vontade dentro do exército regular.

Colaboración da CNT-FAI co goberno durante a guerra[editar | editar a fonte]

En 1936 a CNT decidiu, despois de varias negativas, colaborar co goberno de Francisco Largo Caballero. Joan García Oliver converteuse en Ministro de Xustiza (onde aboliu honorarios legais e destruíu tódolos expedientes criminais), Federica Montseny transformouse en Ministra de Saúde. Tamén formaban parte do executivo Juan López e Juan Peiró.

Durante a Guerra algúns anarquistas fóra de España criticaron por enteiro o liderado da CNT dentro do goberno, comprometéndose cos elementos comunistas do sector Republicano. É certo que neses anos o movemento anarquista español abandonou moitos dos seus principios básicos; porén, aqueles en España sentiron que isto era un axuste temporal, e unha vez que Franco fora derrotado, continuarían coas súas formas libertarias. Había tamén unha inquedanza polo crecente poder dos comunistas autoritarios dentro do goberno. Montseny logo explicaría: "Nestes tempos só vemos a realidade da situación creada por nós: os comunistas no goberno e nós mesmos afora, as múltiples posibilidades, e tódolos nosos logros postos en perigo".

Certamente, algúns dos anarquistas que se encontraban fóra de España vían as concesións tan necesarias, considerando a gran posibilidade de perder todo, de ser que os fascistas gañaran a guerra. Emma Goldman dixo, "Con Franco á entrada de Madrid, podo dificilmente culpar á CNT-FAI por elixir a maldade menor: a participación no goberno antes que a ditadura, a perversidade máis mortal".

Ata estes días, a discusión continúa entre os anarquistas.

Revolución de 1936[editar | editar a fonte]

Xunto coa loita contra o fascismo, existiu unha profunda revolución libertaria por todo o territorio que estaba baixo o dominio da República, especialmente en Barcelona.

A maior parte da economía Española foi posta baixo o control dos traballadores, principalmente en áreas anarquistas como Cataluña. Este fenómeno chegou ó 75% do total da industria, pero nas áreas de influencia socialista a taxa foi bastante menor. As fábricas foron organizadas por comités de traballadores, as áreas agrícolas chegaron a colectivizarse e funcionar como comunas libertarias. Mesmo lugares como hoteis, perruquerías ou restaurantes foron colectivizados e manexados polos seus propios traballadores.

As comunas foron usadas de acordo co principio básico de "Cada un segundo as súas posibilidades, a cada un segundo as súas necesidades". Nalgúns lugares o diñeiro foi totalmente eliminado, para ser substituído por vales. Baixo este sistema, o custo dos bens era con frecuencia un pouco máis do 25% máis reducido.

Malia as críticas que aclamaban pola máxima eficiencia, as comunas anarquistas producían máis que antes de ser colectivizadas. As zonas liberadas recentemente traballaron sobre os principios libertarios: as decisións eran tomadas a través de concilios de cidadáns comúns sen ningún tipo de burocracia (cabe mencionar que o liderado da CNT-FAI neste periodo non foi tan radical como os membros responsables destes drásticos cambios).

Sumada á revolución económica, existiu un espírito de revolución cultural. As tradicións opresivas foron eliminadas. Permitiuse ás mulleres ter abortos, e a idea do "amor libre" volveuse popular. En moitas formas, o espírito de liberación cultural foi similar ó dos movementos de "Nova Esquerda" da década dos 60.

Contrarrevolución[editar | editar a fonte]

Durante a Guerra Civil o Partido Comunista reaccionario gañou considerable influencia debido á necesidade de axuda por parte da Unión Soviética. Comunistas e liberais do lado da República fixeron o esforzo necesario para esmagar a revolución anarquista, aparentemente para reforzar o esforzo anti-fascista (a resposta foi, "a revolución e a guerra son inseparables"). O periódico Pravda anunciou en decembro de 1936 que "...a limpeza de trotskistas e anarco-sindicalistas xa comezou. Será levada a cabo co mesmo vigor que na U.R.S.S." Outro comunista proclamaba ousadamente nunha entrevista que "despacharían rapidamente ós anarquistas logo da derrota de Franco". Os seus esforzos por debilitar a revolución foron finalmente existosos: a xerarquía foi restaurada ó final en moitas das áreas colectivizadas, e o poder foi quitado das mans dos traballadores e unións, para ser monopolizado pola Fronte Popular.

O máis importante, tal vez, foron as medidas para destruír as milicias, que dirixían discutidamente o esforzo da guerra tanto en espírito como en acción. As milicias foron co tempo declaradas ilegais e tecnicamente unidas á Armada Popular. Isto tivo o efecto de desmoralizar ós soldados e de quitarlles todo polo que ultimamente estiveran loitando: non pola Unión Soviética, senón por eles mesmos e pola liberdade. Vladimir Antonov-Ovseenko, traballando en España para Stalin predicira isto en 1936: "Sen a participación da CNT, non será posible, por suposto, crear o entusiasmo e disciplina apropiados na milicia republicana."

A dicir verdade, o fervor contrarrevolucionario serviu polo xeral para debilitar o esforzo de guerra antifascista. Por exemplo, unha reserva xigante de armas foi permitida para tirarse contra as forzas franquistas por medo a que doutra forma puideran terminar en mans dos anarquistas. As tropas foron arrancadas das liñas frontais para esmagar as colectividades anarquistas. Varios soldados capaces foron asasinados pola súa ideoloxía política; un líder dos esforzos represivos, Enrique Líster, dixo que el "dispararía a tódolos anarquistas que puidera". Sóubose que varios anarquistas foron levados prisioneiros baixo ordes comunistas, en lugar de pelexar na fronte; e o que é máis, moitos deses prisioneiros foron torturados e asasinados. En Barcelona foi famoso o asalto ó edificio da Telefónica en mans da C.N.T. por parte do exército regular baixo directrices comunistas que foi o comezo de duros combates na cidade entre ambos sectores. Chamouse a guerra dentro da guerra.

Os anos de Franco[editar | editar a fonte]

En 1939 a Lei de responsabilidades políticas ilegalizaba a organización, expropiándose os seus bens; inmobles, material, vehículos, contas bancarias, empresas colectivizadas e documentación. Na época a CNT contaba cun millón de afiliados e a infraestrutura que a soportaba era ampla.

A CNT funcionou de forma clandestina dentro de España durante o franquismo como parte da oposición, dándose tamén actividades de cenetistas no exilio. Seguiu a loita contra o réxime de Francisco Franco ata 1948 a través dalgúns maquis. A partir de entón, posturas diverxentes propiciaron un debilitamento da organización que fixo que esta perdese influencia entre a poboación. En 1961 revitalizouse consolidándose ó longo das décadas de 1960 e 1970 mercede á penetración do ideario anarcosindicalista en organizacións obreiras católicas antifranquistas como Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC) ou Xuventude Obreira Católica (JOC).

Actualidade[editar | editar a fonte]

Unha casa okupa en Barcelona

A CNT existe na actualidade cos mesmos principios. Porén, a súa influencia é limitada no panorama laboral. A CNT separouse en 1979 en dúas faccións: CNT-AIT e CNT-U. A CNT-AIT conservou o nome orixinal, "CNT", o que levou a que a CNT-U cambiara o seu nome a Confederación Xeral do Traballo (CXT) en 1989 por orde xudicial. A CXT ten aproximadamente 55.000 afiliados como sindicato e ten presenza en conflitos laborais. Unha importante razón para a separación e a principal diferencia entre ámbolos dous sindicatos é que a CXT participa nas eleccións sindicais, mentres que a CNT non. A CXT ten un importante número de representantes nalgunhas empresas como SEAT ou RENFE e o Metro de Barcelona. A CNT considera que participar nas eleccións sindicais e ter liberados sindicais como calquera outro sindicato é contrario ós seus principios.

As ideas anarquistas gozan dunha popularidade considerable nalgunhas partes de España. Durante os 1º de maio teñen lugar grandes manifestacións. En Barcelona, o movemento okupa esta moi estendido. Moitas destas vivendas okupadas e centros sociais okupados manteñen certas prácticas que proceden da tradición anarquista aínda que moitos rexeitan significativamente a organización orgánica ó estilo da CNT e a CXT.

Violencia[editar | editar a fonte]

Aínda que moitos anarquistas se opuxeron ó uso da forza, algúns militantes fixeron uso da violencia e o terrorismo sen ningún límite. Esta "propaganda do acto" fíxose por primeira vez popular a finais do século XIX. Isto ocorreu antes do alzamento do sindicalismo como táctica anarquista, e despois dunha longa historia de represión policial terminou coa súa desaparición.

Lápida no camposanto de Montjuic en memoria dos anarquistas Durruti, Ascaso e Ferrer i Guardia

Os Desherdados foi un grupo secreto que defendía o uso da violencia, adxudicándose unha gran cantidade de asasinatos. Outro grupo, Mano Negra, está considerado autor de varios asasinatos e atentados con bombas, aínda que existen evidencias de que o grupo foi un mero mito creado pola policía a finais do século XIX para aplacar as revoltas campesiñas en Andalucía. É ben coñecido que a policía inventaba accións dos seus inimigos, ou usaban o autoatentado como escusa para a xustificación da represión.
Os Solidarios e Os Amigos de Durruti foron outros grupos que usaron a violencia como arma política. O grupo anterior foi responsable do roubo do Banco de Bilbao (cun botín de 300.000 pesetas), o asasinato do Arcebispo de Zaragoza Juan Soldevilla Romero, que fora declarado un clérigo reaccionario. Os Solidarios detiveron o uso da violencia coa fin da ditadura de Primo de Rivera, cando os anarquistas tiveron máis oportunidades para actuar abertamente.

En España, a principios do século XIX, así como durante a 2ª República e a Guerra Civil, houbo episodios violentos nos que se recrudeceu enormemente a persecución relixiosa. Posiblemente a máis importante, sen contar os episodios acontecidos durante a guerra civil, foi a Semana Tráxica de Barcelona en 1909, da que se responsabilizou ós círculos anarquistas. Tamén os acontecementos do 1º de Maio de 1931 en Madrid foron moi chamativos, pois diversas bandas deron lume a varios conventos, igrexas e institucións relixiosas. Os anarquistas tamén foron usados como chivo expiatorio das autoridades en diversas ocasións, como o caso de Francesc Ferrer i Guàrdia, considerado inspirador ideolóxico da Semana Tráxica e condenado a morte por iso.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]