Herba dos cóengos
Herba dos cóengos | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Valerianella locusta L. |
A herba dos cóengos[1] (Valerianella locusta), é unha planta herbácea da familia Valerianaceae. De sabor acedo, utilízase na alimentación, en cru, xeralmente como ensalada ou acompañamento. É parente da valeriana e, coma esta, posúe calidades tranquilizantes. Cultívanse, entre outras, as variedades Corazón cheo (forma roseta), Verde de Louviers e Holanda. A miúdo apáñase a variedade brava.
A súa área de distribución natural esténdese por toda a zona temperada de Europa, Asia Menor e o Cáucaso, e abrangue case toda a Península Ibérica.
Hábitat
[editar | editar a fonte]A herba dos cóengos medra de xeito espontáneo en prados e pradeiras con certa humidade. O primeiro rexistro do seu cultivo aparece nun documento alemán de 1588, mais é probábel que se consumise dende os inicios da historia. Actualmente cultívase principalmente en Alemaña, Francia e Italia, e é raro o seu consumo fóra de Europa. O consumo en Galicia é nos últimos anos habitual, especialmente en saquetas de ensaladas de cuarta gama frecuentes nos supermercados.
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha herba anual, de 15 a 30 centímetros de altura. As follas, de cor verde clara ou escura e brillantes, adoitan ser espatuladas e cóncavas, a xeito de roseta. A inflorescencia xorde en cima multípara ou pleocasio (tres ou máis poliñas do nó superior), con pequenas flores azuladas ou brancas, hermafroditas e de maduración homógama (a maduración dos elementos sexuais da flor é simultánea). O froito é un aquenio, e as sementes, ao madureceren, espállanse por gravidade ao caeren no chan e propagárense ao redor da planta nai (bariocoria).
O período de floración prodúcese en maio - xullo na súa área de distribución natural.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]O seu nome galego fai referencia á súa plantación nos mosteiros medievais; despois disto o cultivo esqueceuse. Medra silvestre nos arrós dos campos onde houbo cereal e nas pradarías. Dáse nos países da zona temperada europea e curiosamente pouco en Galicia, aínda que desde que se xeneralizou a súa comercialización fomentouse a súa plantación por todo o territorio e é, por tanto, un ingrediente habitual na nosa gastronomía. Foi unha planta moi apreciada nos países centroeuropeos ata o século XIX, enaltecendo co seu delicado sabor –que lembra a un froito seco– as ensaladas de inverno. Posteriormente, coa chegada de diversas variedades de leituga decaeu o seu uso.
Cultivo
[editar | editar a fonte]Gusta de solos lixeiros de terra vexetal (con calquera pH) e de ambientes húmidos. É resistente ás xeadas e esixente en canto a fertilización, non tolera a seca. Seméntase directamente na horta, en fileiras ou a voleo, dende mediados do verán, cando comeza a refrescar. Entrecóllense os plantóns deixando unha separación duns 10 cm entre eles. Para favorecer a xerminación, convén mergullar a semente en auga durante un ou dous días antes. Comeza a se obter colleita a partir do mes e medio despois de a sementar, e pódese seguir colleitando até a primavera. Coas primeiras calores comeza a floración e a planta perde calidade para o consumo, mais pode reservarse para a produción de semente.
Como é unha planta pequena, é práctico cultivala entre outras de ciclo máis longo, como o allo porro, o nabo, a cenoria ou a col. Ao cultivarse en outono é posíbel que sufra algún ataque de fungos nas follas se a humidade é elevada.[3]
Datos nutricionais
[editar | editar a fonte]Ten propiedades diuréticas, depurativas e laxantes. É baixa en graxas. Máis nutritiva que a leituga, con maior cantidade de provitamina A e vitaminas B e C e diversos minerais. Contén, en especial, iodo, e tamén ferro, potasio ou fósforo. Utilízase fresca en ensaladas, xeralmente mesturada con outras hortalizas. As follas posúen un sabor delicado e lixeiramente acedo, que pode lembrae ao das noces. As follas máis saborosas son as miúdas. O cheiro é tamén algo acedo.
A herba dos cóengos contén moitos nutrientes, cunha cantidade de vitamina C que triplica a da leituga. Contén tamén beta-carotenos, vitamina B6, vitamina B9 ou ácido fólico, vitamina E e Omega 3.[4] É máis tenra e contén máis vitaminas se se colleita antes de florear. O seu valor calórico é moi baixo, tan só 13,40 kcal por cada 100 gramos de produto fresco. Por este motivo é utilizada en dietas de adelgazamento.
Datos culinarios
[editar | editar a fonte]As súas follas máis saborosas son as máis miúdas. A herba dos cóengos utilízase en fresco, engadíndose nas ensaladas de verduras e patacas e nas sopas e tortillas. Emprégase en ensaladas, polo común con outras hortalizas. Acompaña ben os espargos, a beterraba, o apio nabo, os champiñóns, coles, feixóns verdes, noces, mazá, uva, tomate etc. Se se aduba con aceite, vinagre e sal, debe facerse no último momento para que non perda frescura, xa que se trata dunha planta moi perecedeira. Para prepararla en ensalada déixase a roseta de follas enteiras e só se eliminan as raíces. Lávanse baixo a billa, e non a remollo, e deben escoarse delicadamente. Cómpre prestar especial atención de non crebar as follas para que conserven o seu característico sabor fresco e o seu aspecto decorativo.
Pódese conservar 2-3 días no frío cuberta con papel absorbente ou nunha saqueta de plástico furada para que non colla o cheiro doutros produtos da neveira. Botar auga para refrescala. Outro procedemento tradicional de conservación consiste en mergullala en auga morna para lle tirar a terra, e despois, para impedir que murche, primeiro móllase con auga ben fría, deixándoa despois en auga xeada durante media hora. Para secala envólvese nun pano e sacódese cun movemento de [[[vaivén]]].
Utilízase tamén como elemento decorativo ou como gornición nos pratos.
Recoméndase para mellorar a dixestión e a vista (betacaroteno), ademais do aspecto do cabelo e as unllas. Como a valeriana, que é da mesma familia, é relaxante do sistema nervioso. Polo seu contido en ferro mellora a anemia, e é depurativa do sangue e dos riles. O seu contido de vitamina C reforza as defensas especialmente no inverno, cando é máis necesario.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Valerianella locusta foi descrita por (Carl von Linné) Betcke e publicado en Animadversiones Botanicae in Valerianellas 10, no ano 1826.[5]
O seu número cromosómico é 2n=16[6]
|
O nome común galego, herba dos cóengos, proviría, segundo algunhas fontes, de ser cultivada especialmente nos xardíns e hortas das reitorías dos mosteiros. Posteriormente, coñeceríanse outras variedades que a fixeron pasar ao esquecemento culinario, ata ser recuperada para a cociña moderna. En portugués coñécese coma alface-da-terra e en italiano como lattughella ('leituguiña')[9].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome galego no Dicionario de alimentación e restauración (2012) Arquivado 11 de outubro de 2018 en Wayback Machine., confirmado en 2014 no Portal das Palabras. Cf. o uso da denominación canónigos no practicamente simultáneo blog Dúbidas do galego de 2013
- ↑ http://fichas.infojardin.com/hortalizas-verduras/canonigo-hierba-canonigos-valerianela-lechuga-campo.htm
- ↑ http://horturba.com/castellano/cultivar/ficha_cultivo.php?ID=27
- ↑ En inglés: Ed. David A. Bender (2005) Dictionary of Food and Nutrition, Oxford University Press
- ↑ Herba dos cóengos en Trópicos
- ↑ Löve, A. & E. Kjellqvist. Cytotaxonomy of Spanish plants (1974). IV-Dicotyledons: Caesalpinacea-Asteracea. Lagascalia 4(2): 153-211.
- ↑ "Herba dos cóengos en PlantList". Arquivado dende o orixinal o 10 de febreiro de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2014.
- ↑ "Herba dos cóengos". Real Jardín Botánico: Proyecto Anthos. Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2011. Consultado o 30 de decembro de 2011.
- ↑ "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de outubro de 2018. Consultado o 02 de abril de 2018.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Herba dos cóengos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Herba dos cóengos |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
- Abrams, L. & R. S. Ferris. 1960. Bignonias to Sunflowers. 4: 732 pp. In L. Abrams Ill. Fl. Pacific States. Stanford University Press, Stanford.
- AFPD. 2008. African Flowering Plants Database - Base de Donnees des Plantes a Fleurs D'Afrique.
- Cronquist, A. J., A. H. Holmgren, N. H. Holmgren, J. L. Reveal & P. K. Holmgren. 1984. Vascular Plants of the Intermountain West, U.S.A. 4: 1–573. In A. J. Cronquist, A. H. Holmgren, N. H. Holmgren, J. L. Reveal & P. K. Holmgren (eds.) Intermount. Fl.. Hafner Pub. Co., New York.
- Gleason, H. A. & A. Cronquist. 1991. Man. Vasc. Pl. N.E. U.S. (ed. 2) i–lxxv, 1–910. New York Botanical Garden, Bronx.
- Hickman, J. C. 1993. Jepson Man.: Higher Pl. Calif. i–xvii, 1–1400. University of California Press, Berkeley.
- Hitchcock, C. L., A. Cronquist, M. Ownbey & J. W. Thompson. 1984. Ericaceae through Campanulaceae. Part IV. 510 pp. In Vasc. Pl. Pacific N.W.. University of Washington Press, Seattle.
- Marticorena, C. & M. Quezada. 1985. Catálogo de la Flora Vascular de Chile. Gayana, Bot. 42: 1–157.
- Radford, A. E., H. E. Ahles & C. R. Bell. 1968. Man. Vasc. Fl. Carolinas i–lxi, 1–1183. University of North Carolina Press, Chapel Hill.
- Scoggan, H. J. 1979. Dicotyledoneae (Loasaceae to Compositae). Part 4. 1117–1711 pp. In Fl. Canada. National Museums of Canada, Ottawa.
- Small, J. K. 1933. Man. S.E. Fl. i–xxii, 1–1554. Published by the Author, New York.
- Zuloaga, F. O., O. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Catálogo de las Plantas Vasculares del Cono Sur (Argentina, Sur de Brasil, Chile, Paraguay y Uruguay). Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107(1): i–xcvi, 1–983; 107(2): i–xx, 985–2286; 107(3): i–xxi, 2287–3348.