Anemia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A anemia é unha condición patolóxica en que a capacidade do sangue de transportar osíxeno para os tecidos está anormalmente reducida, ben pola redución de hemacias, ben pola redución de hemoglobina. A etimoloxía da palabra, procedente do grego, significa sen sangue (ἀναἷμαia).

Detección[editar | editar a fonte]

A detección da anemia debe ser a través dunha análise clínica. Os síntomas e signos da anemia correlaciónanse coa súa intensidade e a velocidade da súa instauración. Outros factores que puideran influír son a idade do paciente, o seu estado nutricional, ou a existencia de insuficiencia cardíaca ou insuficiencia respiratoria previa.

Os síntomas que se observan na anemia aguda inclúen: debilidade (astenia), palpitacións e falta de aire asociado ao esforzo (dispnea). Tamén poden aparecer síntomas cardiovasculares como taquicardia, dispnea de esforzo marcada, anxina de peito, claudicación intermitente. Por veces prodúcense cambios de carácter que se manifestan como irritabilidade, desinterese, tristeza e abatemento.

Na perda súbita de sangue por hemorraxia aguda, sobre todo se é voluminosa e se perde o 40% do volume sanguíneo que equivale a dous litros de sangue, predominan os síntomas de inestabilidade vascular por hipotensión, e aparecen signos de shock hipovolémico, como confusión, respiración de Kussmaul, sudación e taquicardia.

Na anemia crónica de longa evolución, frecuentemente os pacientes adáptanse á situación e notan moi poucos síntomas non sendo que se dea un descenso brusco nos niveis de hemoglobina.

Valores considerados normais[editar | editar a fonte]

Os rangos de normalidade son moi variables en cada poboación, en función de factores medioambientais e xeográficos. A nivel do mar atoparemos valores normais máis baixos de hemoglobina, e a grande altura os valores normais son máis elevados, pois a menor presión parcial de osíxeno obriga o organismo a optimizar o seu transporte. Ademais, hai variacións dependendo do xénero, con valores menores de hemoglobina nas mulleres e máis altos nos varóns.

Estes niveis son algo arbitrarios por existiren límites amplos dentro dos valores considerados normais. Por exemplo, un suxeito podería ter unha diminución de 1 a 2 g/dl na súa hemoglobina, e malia isto estar dentro da normalidade.

Xénero Número de Hemacias Hematocrito Hemoglobina
Homes 4,2-5,4 x 106/mm3 42-52 % 13-17 g/dl
Mulleres 3,6-5,1 x 106/mm3 36-48 % 12-16 g/dl

Dieta[editar | editar a fonte]

O consumo de alimentos ricos en ferro é esencial para a prevención da anemia por deficiencia de ferro. É importante diferenciar entre alimentos que conteñen ferro de orixe animal e de orixe vexetal. Os alimentos con ferro de orixe animal teñen un aproveitamento mais eficiente (en torno de 30%) e os de orixe vexetal (en torno a 10%). Hai tamén unha importante relación da absorción do ferro coa dieta, con factores que contribúen á súa maior absorción (pH ácido do estómago, vitamina C, proteína da carne) e os que a prexudican (cereais, tés, cafés, refrixerantes, proteína do leite e do ovo).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]