Dorna
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
A dorna é unha embarcación pesqueira típica das Rías Baixas de aproximadamente 4,50 metros de eslora e 1,60 metros de manga, para unha dorna de 9 cuartas de quilla, coa proa redonda que sobresae da cuberta, a popa lanzada, chata e pequena, e quilla pronunciada. Evoluciona cunha única vela de relinga (ás veces ponselle un pequeno foque a modo de tormentín usado para capear os temporais), os vellos poñían a vela a "crus" eliminando superficie vélica, e leva dous remos de apoio para cando vai "calma podre". Xeralmente leva dous tripulantes, o patrón á cana e o mariñeiro ás drizas, que é quen se ocupa do izado da vela e axuda nas manobras de cambio, aínda que poden ir tres persoas abordo con relativa comodidade ou incluso ser patroneada por un único tripulante.
Procedencia
[editar | editar a fonte]Segundo diversos estudos, realizados entre outros polo sueco Staffan Mörling sobre as dornas do Mar de Ons ou polo galego Xaquín Lorenzo na ría de Arousa, este tipo de embarcación podería ter unha procedencia viquinga, debido ás similitudes formais e de construción cos drakkar dos viquingos. Segundo esta teoría a dorna toma recursos formais e construtivos dos navíos viquingos, que poderían ter chegado nas frecuentes invasións dos pobos do norte de Europa que pretendían asediar Santiago de Compostela durante a Alta Idade Media, con características de pouco calado, evolución a vela (con aparellos moi sinxelos), roda de proa sobre a cuberta, bañeira aberta etc.
Características formais
[editar | editar a fonte]A dorna é unha embarcación totalmente fabricada de madeira, construída en calime coas táboas da obra viva xustapostas, montando unhas sobre outras, reducindo o risco de vías de auga e simplificando a construción, o que lle confire maior estabilidade á costa dunha perda de hidrodinámica (este tipo de construción denomínase "de escarva ou calime"). A quilla da dorna non abrangue toda a eslora, xa que pola parte de popa hai un terzo de lanzamento do casco que a quilla non soporta. As cadernas sobresaen da cuberta, formando toletes ou apoios dos remos nuns casos (tres toletes para dous remos, un a popa e dous na liña media, para o avance normal a remo, e dous toletes de menor tamaño a proa usados con remos pequenos para a pesca con espello), e noutros casos puntos que serven de guía para a disposición de liñas ou de paso da escota. Leva un temón de grande tamaño que se prolonga por debaixo do lanzado de popa ata a quilla, actuando como orza ademais de como temón, gobernado mediante unha cana de madeira, xeralmente dunha soa peza. Coa aparición do motor mariño de explosión, a dorna sufriu un redeseño da estampa de popa, introducíndoselle unhas pezas de madeira que permiten o acoplamento dun pequeno motor foraborda.
Medidas
[editar | editar a fonte]As dornas medíronse tradicionalmente en cuartas de quilla (aproximadamente 21 cm cada cuarta) e polgadas, e segundo o tamaño da quilla, podíase sabe-lo tamaño da dorna. Pr exemplo: unha dorna de nove cuartas de quilla menos dúas polgadas ven tendo unha eslora entre perpendiculares de 4,60 m aproximandmente.
Variantes
[editar | editar a fonte]Existen moitas variantes segundo o uso ou a forma de construción:
- A dorna de tope. Variante típica da zona do Barbanza. Leva as xuntas das táboas da obra viva unidas a tope. Reduce a resistencia do mar á costa dunha maior facilidade para que se abran as táboas ó sol. Precisa dunha execución moito máis "fina" para que as táboas teñan a medida exacta e solen ser as dornas de menor tamaño.
- A dorna polbeira. Usada para ir ás luras e ós polbos dentro da ría, é a tipoloxía máis común nas rías galegas.
- A dorna Meca Variante de maior tamaño típica da zona do Grove. De maior tamaño e proa máis lanzada, obedecendo estas modificacións ó uso desta tipoloxía, con maior frecuencia, en mar aberto e máis batido, e en zonas nas que existen fortes correntes mariñas.
- A dorna tramalleira. Variante usada para a pesca con artes de tramallo.
- A dorna xeiteira. A dorna xeiteira é unha embarcación de gran tamaño, con tripulación de tres a oito persoas, deseñada para evolucionar en mar aberto máis aló da bocana da ría, onde se faena con rede de pesca ao xeito para a captura de sardiña, xurelo e bocarte. Tanto as dornas xeiteiras como as lanchas xeiteiras (de características similares, mais con diferente fasquía que as dornas) desapareceron das costas galegas nas décadas de 60 ou 70 do século XX. Diferentes asociacións de embarcacións tradicionais conseguiron recuperar este tipo de embarcacións (a lancha xeiteira Nova Marina, actualmente na Illa de Arousa, a Canle, en Lira, ou as dornas xeiteiras -e mecas- A Meca e a Irmandiña no Grove).
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dorna |
-
Dorna en Ribeira
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cabrera de Aizpuru, Fernando e Lechuga Lombos, Enrique (2000). Las Ultimas dornas gallegas, proceso constructivo artesanal de la dorna gallega. ISBN 84-607-0602-8.
- Masso, José María (1982). Barcos en Galicia: De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre. Deputación de Pontevedra. ISBN 84-500-7629-3.
- Mörling, Staffan (1999). As embarcacións tradicionais de Galicia. Xunta de Galicia. ISBN 84-453-0070-9.
- Mörling, Staffan (2000). Lanchas e dornas: A estabilidade cultural e a morfoloxía das embarcacións na costa Occidental de Galicia. Xunta de Galicia. ISBN 84-453-4130-8.