Saltar ao contido

Chalana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tres chalanas na Pobra do Caramiñal.

A chalana é unha pequena embarcación, coa popa rectangular (en espello), a proa triangular e o fondo plano, sen quilla; ten capacidade para unha ou dúas persoas. Outra característica é a ausencia de temón. Adoita manexarse a remo, cos que se dirixe sen maior problema sempre que as condicións meteorolóxicas sexan boas (a falta de quilla fai que sexan pouco manobrables nun mar revolto).

A función da chalana é, principalmente, a de servir de embarcación auxiliar para acceder ó peirao desde o barco de pesca, ou a este desde o peirao. Permite o transporte da pesca, dos aparellos e dos propios mariñeiros nun e noutro sentido. Este recurso é necesario especialmente cando o calado do porto non permite achegarse directamente ós barcos de maior tamaño ou cando este debe permanecer, pola razón que sexa, a certa distancia do molle.

Pero tamén serven para auxiliar nas propias operacións de pesca, sobre todo no caso do cerco real. O barco de pesca transporta a chalana sobre a cuberta ata o punto onde se atopa o peixe. Localizado este, o barco queda ó pairo e arríase a chalana cun ou dous mariñeiros, suxeitando un dos extremos da rede. Agora, o barco comeza a estender o cerco mentres avanza en círculo ata volver a coincidir coa chalana, momento no que se pecha a rede se se iza a bordo. Como partir dese momento a chalana xa non é precisa para a pesca, ízase de novo a bordo.

Noutras ocasións, os mariñeiros utilizan a chalana para determinadas actividades pesqueiras, como a pesca con liña, con espello ou a recollida de nasas (se son poucas, claro), ou ben cando se pesca sobre fondos areosos e pouco profundos.

Excepcionalmente, cando se dedican a mover carga entre barco e porto, poden contar con motor.

Adoitan ser nomeadas co mesmo nome có barco ó que auxilian.

Constantino García[1] recolle en Ares, Sada, Razo, Laxe, O Grove e Marín esta denominación para designar un tipo de embarcación similar pero coa proa e a popa chatas, cortadas verticalmente, que noutras localidades costeiras se denomina gamela.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Secretariado de Publicacións da Universidade, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela 1985.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]