Xeiteira
A xeiteira é un barco pesqueiro, hoxe fóra de uso, que era empregada na costa galega desde A Coruña até o Miño para a pesca da sardiña "ao xeito". Utilizouse durante centos de anos até a crise da sardiña da década de 1950. Hoxe en día só existen dúas operativas.
Características
[editar | editar a fonte]A xeiteira é unha embarcación que leva unha vela de relinga e remos auxiliares. Construíase con banceado "a tope" en madeira de carballo na quilla, roda, codaste e cadernas e piñeiro no banceado e na cuberta. A cuberta esténdese desde a proa até o centro da embarcación e prolóngase por dous corredores anchos que se unen a popa, rodeada toda ela por un cintón (caurel) interior que protexe a entrada de auga desde a cuberta á bañeira.
A Nova Marina
[editar | editar a fonte]No ano 1993, atopáronse os restos da quilla dunha xeiteira enterrados na lama de Caldebarcos (Carnota), o que posibilitou que se construíse unha réplica das antigas xeiteiras, a "Nova Marina", en Ribeira con fondos da Xunta de Galicia. Na actualidade está cedida pola Consellería de Mar á Escola de Vela Tradicional "Dorna" da Illa de Arousa. A outra xeiteira que se conserva en Galicia é de nova construción e está no porto de Rianxo.
Características
[editar | editar a fonte]A "Nova Marina" mide 8,18 m. de eslora e 2,80 de manga e vai tripulada por entre 3 e 8 mariñeiros. A vela que usa é unha vela orixinal de algodón de dimensións: 6,124 m. de bordura, 6,22 de valuma, 9.13 de grátil, cunha verga de 4,22 m e cunha superficie vélica total é de 37 m².