Yad Vashem (en hebreo: יָד וַשֵׁם) é un museo adicado a manter viva a memoria dos seis millóns de xudeus mortos no Holocausto durante a Shoah perpetrada polos nazis durante a segunda guerra mundial. Trátase do memorial oficial israelí, e foi establecido en 1953 pola Lei do Memorial. Foi deseñado polo arquitecto israelí Moshe Safdie, e está localizado en Har Hazikarón, nunha touticeira ao oeste de Xerusalén.
O memorial consiste en diversos edificios: unha cámara da memoria, un museo histórico, unha galería de arte, os arquivos, o Val das Comunidades destruídas, a sala dos nomes, o memorial dos nenos e un centro educativo. Alberga obxectos auténticos, testemuñas do exterminio nazi e da vida xudía antes e despois do Holocausto. É considerado o centro de información máis importante do mundo sobre o Holocausto, cun arquivo que conta con documentais, películas, máis de 200.000 fotografías e 62 millóns de documentos, libros e artigos sobre o maior xenocidio da Historia.