Xente ao lonxe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Blanco Amor, o autor ourensán de Xente ao lonxe

Xente ao lonxe é unha novela de Eduardo Blanco Amor publicada en 1972. Está considerada unha das grandes creacións da novelística galega do século XX, e na primeira edición apareceu ilustrada en cuberta coas fotografías feitas polo propio autor.

Características[editar | editar a fonte]

Trátase dun mosaico de voces, situacións e historias nas que o autor recrea os grandes cambios sociais que anuncian a Galiza a finais do século XIX, sempre no marco da cidade mítica, Auria, o seu territorio literario. A aparición desta novela, ambiciosa obra de madurez, coroaba a traxectoria dun dos máis grandes narradores do noso tempo.

Xente ao lonxe ensambla un amplo abano de tipos humanos e historias entrecruzadas e relatadas con técnica expresionista. Eduardo Blanco Amor realizou nesta novela un ambicioso experimento literario no que se combinan 170 personaxes -perfectamente individualizados pola fala- cunha concepción cinematográfica do relato, que vai acoutando progresivamente o seu campo de visión desde a panorámica social ao primeiro plano individual.