Xenodermichthys copei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xenodermichthys copei

X. copei nun debuxo de 1896
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Paracanthopterygii
Orde: Osmeriformes
Suborde: Argentinoidei
Superfamilia: Alepocephaloidea
Familia: Alepocephalidae
Xénero: Xenodermichthys
Especie: X. copei
Nome binomial
Xenodermichthys copei
(Gill, 1884)

Xenodermichthys copei é unha especie de peixe teleósteo mariño da orde dos osmeriformes, suborde dos arxentinoideos, superfamilia dos alepocefaloideos e familia dos alepocefálidos, unha das dúas que se integran no xénero Xenodermichthys.[1][2]

É un especie común e abundante nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico. Inofensiva para os humanos, carece de interese comercial.[3][4]

Características[editar | editar a fonte]

As principais características morfolóxicas desta especie son:[3][5]

  • Corpo alongado e comprimido lateralmente, ordinariamentre entre os 15 e os 17 cm de lonxitude. Porén, a lonxitude máxima rexistrada foi de 31 cm.[6]
  • Pel espida, cuberta dunha secreción mucosa endurecida, algo rugosa, e con numnerosos pequenos nódulos na superficie ventral do corpo e da cabeza.
  • Coloración negra-violácea, coas aletas máis claras.
  • Cabeza con ollos moi grandes (o seu diámetro é igual aos 2/5 da cabeza); boca pequena, co maxilar inferior sobresaíndo un pouco sobre o superior.
  • Aletas dorsal e anal opostas, alongadas, situadas na parte posterior do corpo e de tamaño semellante, con de 27 a 31 raios brandos na dorsal e de 26 a 30 rados brandos na anal, remantando ambas as dúas a pequena distancia da base da aleta caudal, que é falciforme. As aletas pectorais e pelvianas son pequenas.
  • A liña lateral, recta, é pouco aparente.
  • Esporadicamente presenta un órgano luminoso nodular no corpo.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Xenodermichthys copei é un peixe mariño, mesopeláxico ou batipeláxico, que pode encontrarse entre os 100 e os 2 650 m de profundidade,[7] pero usualmente entre os 100 e os 1 230 m,[5][8] xeralmente cerca da plataforma continental.[9]

Esta especie está amplamente distribuída en todo o mundo, entre os 70° N e os 56° S, e entre os 90° W e os 180° E, nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico.[3]

No Atlántico nordeste encóntrase desde Islandia e as illas Faroe, pasando polas as illas Británicas, o golfo de Biscaia, o mar Cantábrico, Galicia e Portugal, até o noroeste de Marrocos, as illas Azores e as Canarias.[4]

Nutrición[editar | editar a fonte]

Aliméntase principalmente de pequenos crustáceos e cefalópodos.[5][9]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Reprodúcese entre os meses de setembro e decembro, preto do fondo mariño.[5]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1884 polo ictiólogo e paleontólogo estadounidense Theodore Nicholas Gill, quen lle deu o nome de Aleposomus copei,[1] para honrar ao seu colega e compatriota Edward Drinker Cope.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O epíteto específico, copei, é, como quedou dito, unha homenaxe ao paleontólogo, anatomista comparativo, herpetólogo e ictiólogo Cope.

Nota: para a etimoloxía do nome xenérico, ver Xenodermichthys.

Sinonimia[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[1][4]

  • Aleposomus copei Gill, 1884 (basónimo)
  • Aleposomus cyaneus Zugmayer, 1914
  • Xenodermichthys socialis Vaillant, 1888

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais, debido á ampla área de dispersión de Xenodermichthys copei, a que non ten interese perqueiro e non se enfronta a importantes ameazas, e aínda que non hai ningunha medida de conservación coñecida específica para esta especie (pero que pode estar protexida en varias áreas dentro da súa ampla zona de distribución), avalía o status da especie como LC (pouco preocupante).[4]

En Galicia[editar | editar a fonte]

En augas galegas aparece citada esta especie por primeira vez en 1935 por de Buen e, posteriormente, en fondos da plataforma continetal maiores de 200 m, por Fariña et al (1983) e, en fondos de 200 a 500 m, por Sánchez e Pereiro (1992).[5]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Xenodermichthys copei (Gill, 1884) no WoRMS.
  2. Xenodermichthys copei (Gill, 1884) no ITIS.
  3. 3,0 3,1 3,2 Xenodermichthys copei (Gill, 1884) en FishBase.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Nielsen, J., Knudsen, S. & Uiblein, F. (2015): Xenodermichthys copei na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2016-3. Consultada o 31-12-2016.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Rodríguez Villanueva et al. (1995).
  6. Bernardes, R. Á.; J. L. de Figueiredo, A. R. Rodrigues, L. G. Fischer, C. M. Vooren, M. Haimovici & C. L. D. B. Rossi-Wongtschowski (2005): Peixes de zona econômica exclusiva da região sudeste-sul do Brasil: Levantamento com armadilhas, pargueiras e rede de arrasto de fundo. São Paulo: Editora da Universidade de São Paulo.
  7. Markle, D. F. & Y. I. Sazanov (1990): "Alepocephalidae", pp. 246-264. En J. C. Quero, J. C. Hureau, C. Karrer, A. Post & L. Saldanha, eds. Check-list of the fishes of the eastern tropical Atlantic (CLOFETA). Vol. 1. Lisbon: JNICT / Paris: SEI / Paris: UNESCO.
  8. Figueiredo, J. L. de; A. P. dos Santos, N. Yamaguti, R. Á. Bernardes & C. L. Del Bianco Rossi-Wongtschowski (2002): Peixes da zona econômica exclusiva da Região Sudeste-Sul do Brasil: Levantamento com Rede de Meia-Água. São-Paulo: Editora da Universidade de São Paulo / Imprensa Oficial do Estado.
  9. 9,0 9,1 Markle, D. F. & J.-C. Quéro (1984): "Alepocephalidae (including Bathylaconidae, Bathyprionidae)", pp. 228-253. En P. J. P. Whitehead, M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen & E. Tortonese, eds. Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. Vol. 1. Paris: UNESCO.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Eschmeyer, W. N.; R. Fricke & R. van der Laan, eds. (2016): Catalog of Fishes: Genera, Species, References. (Ver en liña).
  • Markle, D. F. (1986): "Alepocephalidae", pp. 218–223. Smith, Margaret Mary & Phillip C. Heemstra, eds. Smiths' sea fishes. Berlin: Springer-Verlag.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World (cuarta ed.). Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-4712-5031-7.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2, pp. 18–19.
  • Van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N.; Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. (Eds.) European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50. ISBN 2-85653-538-0, pp. 357–374.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]