William Halsted

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «William Stewart Halsted»)
William Halsted
Nacemento23 de setembro de 1852
Lugar de nacementoNova York
Falecemento7 de setembro de 1922
Lugar de falecementoBaltimore
SoterradoGreen-Wood Cemetery
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterColumbia University Vagelos College of Physicians and Surgeons, Phillips Academy, Universidade Yale, Universidade de Columbia, Yale College e Wilbraham & Monson Academy
Ocupacióncirurxián e médico
Premioshonorary Fellow of the Royal College of Surgeons
Na rede
WikiTree: Halsted-411 Find a Grave: 34485206 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

William Stewart Halsted, nado o 23 de setembro de 1852 en Nova York e finado o 7 de setembro de 1922, foi un médico estadounidense

Biografía[editar | editar a fonte]

Estudou no Yale College. Entre os anos 1876 e 1877 ingresou como interno na especialidade de cirurxía no Hospital Bellevue, obtendo nese último ano o título de Doutor Médico pola Universidade de Columbia. Posteriormente viaxou a Europa para realizar estudos prácticos nos novos avances da medicina, dentro dos campos da anatomía, a embrioloxía do sistema nervioso e a cirurxía. Durante este período puido establecer contacto con personalidades importantes da época no mundo da medicina, como o cirurxián Theodor Billroth, o histopatólogo Hans Chiari, o dermatólogo Moritz Kaposi, o oftalmólogo Ernst Fuchs, o anatomista Emil Zuckerkandl, o embriólogo Albrecht Kolliquer e o patólogo Rudolf Ludwig Karl Virchow.

Cirurxián en Nova York 1880-1886[editar | editar a fonte]

Dous anos máis tarde regresou a Nova York onde traballou en seis hospitais diferentes entre 1880 e 1886. Nese período obtivo un gran recoñecemento como cirurxián, aplicando os coñecementos aprendidos en Europa e os principios da asepsia no quirófano, seguindo as teorías de Joseph Lister a quen coñecera en 1876. En 1882 tivo que operar con éxito á súa propia nai dunha colecistite biliar. Realizou unha das primeiras operacións da vesícula biliar nos Estados Unidos, unha colecistostomía, na mesa da cociña da mesma casa que a súa nai, ás dúas da mañá, extraendo pus da vesícula e sete cálculos biliares. Tamén tivo que atender a outro familiar, a súa irmá, por unha importante perda de sangue tras o parto. Atopándoa nunha situación agónica, decidiu realizar unha das primeiras transfusións do mundo, doando o seu propio sangue.

En 1884, despois de ler un artigo do oftalmólogo austríaco Karl Koller, no que se describe a capacidade anestésica da cocaína inculcada na superficie da conxuntiva ocular, dedicouse a investigar a aplicación desta substancia como axente para o bloqueo neural con inxección de raíces nerviosas con cocaína. Como resultado destas investigacións, nas que experimentou sobre si mesmo, Halsted desenrolou adición ao consumo desa droga[1]. En 1886 someteuse a unha cura de desintoxicación nun sanatorio de Providence, Rhode Island, no Butler Hospital, utilizando morfina, unha substancia da que máis tarde tamén foi drogodependente[2].

Profesor e xefe de Cirurxía en Baltimore[editar | editar a fonte]

Despois de ter reducido a súa actividade cirúrxica en Nova York pola súa adicción ás drogas, en 1886 trasladouse a Baltimore, ao recibir a invitación do patólogo William H. Welch, co que fixera amizade no Hospital de Nova York, para traballar no seu novo laboratorio de patoloxía xunto a Franklin P. Mall. No laboratorio de Welch dedícase a cirurxía experimental en animais para perfeccionar as técnicas de sutura intestinal.

En 1890 foi nomeado xefe do servizo de cirurxía do recentemente inaugurado Hospital da Universidade Johns Hopkins e en 1892 aceptou o nomeamento como primeiro profesor de cirurxía na Facultade de Medicina. Xunto con William Osler (Profesor de Medicina), Howard Atwood Kelly (Profesor de Xinecoloxía) e William H. Welch (Profesor de Patoloxía), Halsted constituíu o grupo dos "Big Four", os catro grandes profesores fundadores do Hospital Johns Hopkins.

Foi sometido a unha colecistectomía en 1919 e reintervido por colanxite en 1921; faleceu a consecuencia dunha complicación pneumónica.

Legado[editar | editar a fonte]

É considerado como un dos pioneiros da cirurxía moderna. Fixo achegas á sistematización de procedementos para cirurxía da tiroide e paratiroide, cancro de mama, hernia e sistema vascular, e a introdución de importantes avances técnicos no campo dos materiais de sutura, asepsia e a hemostasia.

Introdución das luvas cirúrxicas[editar | editar a fonte]

Intervención con luvas cirúrxicas de goma

Cóntase a anécdota de que Carolina Hampton, unha axudante de quirófano coa que eventualmente casaría, padecía unha dermatite causada polo uso de antisépticos. Halsted encargou á empresa Goodyear, fabricante de pneumáticos e artigos de caucho, a fabricación de luvas de goma para a protección da pel do seu axudante, cunha goma o suficientemente fina para permitir un traballo manual preciso. Esta foi a orixe do uso actual de luvas de goma nos quirófanos. Curiosamente, durante moito tempo Halsted utilizounos simplemente como medida de protección para o cirurxián e os seus asistentes e non se decatou da contribución das luvas á asepsia cirúrxica até varios anos despois. Comentou que “operar con luvas foi unha evolución máis que unha inspiración ou unha idea feliz e que “son de destacar os catro ou cinco anos nos que como cirurxián me poño as luvas só de cando en vez, sendo o suficientemente cego como para non percibir a necesidade de levalos invariabelmente na mesa de operacións”.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

A súa figura inspirou o personaxe do doutor Thackery, na serie de televisión The Knick, dirixida por Steven Soderbergh e protagonizada por Clive Owen.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Graner, John L.; Frederick, William (1984-12-01). "William Halsted's Cocaine Habit". Archives of Ophthalmology 102 (12): 1746–1746. ISSN 0003-9950. doi:10.1001/archopht.1984.01040031412002. 
  2. "La enfermedad del Dr. Halsted" (PDF). anm.org.uy. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre medicina é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.