Saartjie Baartman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Venus Hotentote»)
Infotaula de personaSaartjie Baartman

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(en) Sarah Baartman Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1789 Editar o valor em Wikidata
Colonia do Cabo Editar o valor em Wikidata
Morte29 de decembro de 1815 Editar o valor em Wikidata (25/26 anos)
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Varíola Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaHankey (en) Traducir 33°50′14″S 24°53′05″L / -33.8372, 24.8848 Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeSuráfrica Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónintérprete Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Sarah Saartjie Baartman.
Unha caricatura de Baartman.

Saartjie Baartman, nada preto do río Gamtoos, na Colonia do Cabo (actual República de Suráfrica) en 1789 e finada en París o 15 de decembro de 1815, foi unha bailarina surafricana, tamén coñecida polo alcume de A venus hotentote.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Saartjie Baartman naceu nunha familia khoisan na fronteira oriental da provincia neerlandesa de Colonia do Cabo, que se estendía por toda a metade occidental do cono sur surafricano. Cando nena, quedou orfa logo dun ataque do exército neerlandés, e foi levada como criada a unha facenda preto de Cidade do Cabo, onde lle impoñen este nome, que vén significando Sariña. O seu nome real descoñécese.

O seu dono foi Hendryk Cesars, un asistente de raza negra e libre do doutor e militar británico Alexander Dunlop. Dunlop convenceu a Cesars de que lle podía sacar partido económico ao corpo de Baartman en Inglaterra, posto que como correspondía á súa raza, tiña unhas nádegas moi prominentes, o que se coñece co nome científico de esteatopixía, e uns labios vaxinais moi visíbeis (frontal hotentote). Con 21 anos, por volta de 1810, levárona máis ou menos ás agachadas dende Cidade do Cabo, xa baixo o dominio británico, ata Londres. Algunhas fontes apuntan que o gobernador británico Du Pre Alexander sabía desta viaxe; outras a que se fixo sen o seu permiso.

Publicitada como a venus hotentote Baartman actuou como bailarina por primeira vez o 24 de setembro de 1810 en Piccadilly (Londres). A súa sona fíxose importante a gran velocidade, axudada polo contexto social e político, e especialmente polas súas caricaturas. Porén, só uns meses despois, os abolicionistas británicos, convencidos de que a Baartman a trouxeran ao Reino Unido pola forza, abriron un preito público sobre a súa situación legal. Ela dixo que quere quedar, e ante a falta de probas, o caso rematou aí, outorgándolle unha maior publicidade aínda.

En 1814 viaxou a Francia, onde foi recibida como unha grande estrela. Daquela un comerciante de animais fíxose cargo da súa representación e exhibición. En 1815 posou durante tres días como modelo vivente diante de científicos como Georges Cuvier, Henri de Blainville, Étienne Saint-Hilaire...) e artistas (Léon de Wailly, Nicolas Huet ou Jean-Baptiste Berré. Só unhas semanas despois, o 15 de decembro faleceu, con 26 anos, probabelmente vítima das vexigas. Disecouse o seu cadáver, fervéronse os ósos e os xenitais e mais o cerebro conserváronse en formol, exhibíndose durante case dous séculos no Muséum National d'Histoire Naturelle de París primeiro, e logo no Musée de l'Homme.

Iconografía[editar | editar a fonte]

A súa imaxe non foi a única, pero si unha das máis reproducidas como emblema da beleza da muller africana, vista, iso si, dende a perspectiva do ollo masculino e colonial, especialmente británico e francés. A súa figura reproduciuse en gravados científicos e anatómicos, en folletos e pósters, en banda deseñada, en pinturas e en esculturas.

Quizais a súa representación máis coñecida foi a que lle fixo o pintor Léon de Wailly, imitando a pose da renacentista Venus Cnidia.

O corpo de Baartman foi un dos modelos empregados polo pintor Henri Matisse como inspiración do seu libro O espido azul (1907).

Papel político[editar | editar a fonte]

Na sociedade xurxiá británica, o cu prominente era un tema de discusión permanente, e a aparición de Saartjie Baartman non fixo máis que acender os debates. Coincidiu no tempo co ascenso ao posto de primeiro ministro de William Wyndham Grenville, que tiña unhas nádegas avultadas tamén. De feito, a coalición Whig que apoiaba a Grenville eran chamados os cu-grandes e os cuístas (bottomites). Baartman foi así empregada tamén no xénero do caricaturismo político, como símbolo da coalición gobernante.

A repatriación[editar | editar a fonte]

Co remate do apartheid e o ascenso ao poder en Suráfrica de Nelson Mandela (1994), Baartman regresa á actualidade. O antropólogo Philip Tobias iniciou unha campaña para o regreso do cadáver ao continente africano, e o tema foi central na axenda política durante a primeira visita de François Mitterrand á Suráfrica de Mandela. A repatriación do cadáver foi respaldada polos políticos e a opinión pública francesa, pero tivo que enfrontar as críticas dalgúns conservadores de arte e responsábeis de museos, que entendían que o seu corpo formaba parte do patrimonio francés.

Pero as cousas levaron o seu tempo, e non foi ata o ano 2002 cando Baartman regresou a Suráfrica. En maio de 2002 os seus restos chegaron a Suráfrica, e o 9 de agosto, o día nacional da muller, Baartman foi incinerada con funeral de estado no val do río Gamtoos, nun outeiro sobre a viliña de Hankey onde se supón que naceu.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

  • En 1998, a directora Zola Maseko rodou un documental en Francia sobre a súa vida, titulado A venus hotentote.
  • O escritor de ciencia ficción Paul Di Filippo usou a súa historia como base da segunda parte da súa Steampunk Trilogy.
  • A dramaturga Suzan-Lori Parks narrou a súa historia na súa obra de teatro Venus.
  • O primeiro buque de protección ambiental de Suráfrica recibiu o nome de Sarah Baartman (2005).
  • Victor Hugo fala dela na súa obra Les Misérables en 1862: «Paris est bon enfant. Il accepte royalement tout ; il n'est pas difficile en fait de Vénus ; sa callipyge est hottentote ; pourvu qu'il rie, il amnistie ; la laideur l'égaye, la difformité le désopile, le vice le distrait [...] ».
  • O cantante Georges Brassenscítaa en "Entre la rue Didot et la rue de Vanves": « Passait une belle gretchen au carrefour du château [...] callipyge à prétendre jouer les Vénus chez les hottentots».

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gilman, Sander L. (1986). Black Bodies, White Bodies: Toward an Iconography of Female Sexuality in Late Nineteenth-Century Art, Medicine, and Literature. In Gates, Henry (Ed.). Race, Writing and Difference. Chicago, University of Chicago Press. ISBN 0226284344. 
  • Gould, Stephen Jay (1985). The Hottentot Venus. In The flamingo's smile: reflections in natural history. New York, W.W. Norton and Company. ISBN 0393022285. 
  • Holmes, Rachel (2006). African queen: the real life of the Hottentot Venus. New York. Random House. ISBN 1400061369. 
  • Strother, Z.S. (1999). Display of the Body Hottentot. In Lindfors, B. (Ed.). Africans on stage: studies in ethnological show business. Bloomington, Indiana University Press. ISBN 0253334683.