Tesouro de Saddle Ridge

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro de Saddle Ridge

· Data do depósito: 2ª metade do século XIX.

· País: Estados Unidos.

· Lugar de aparición: Shasta Cascade, California.

· Data do achado: febreiro de 2013

· Composición: 1.427 moedas estadounidenses.

· Materiais: ouro.

O tesouro de Saddle Ridge é un tesouro composto por 1.427 moedas estadounidenses de ouro achado en 2013 no norte de California. O valor facial das moedas é de 27.980 dólares, e o valor comercial no mercado numismático no momento en que foi descuberto estimouse en 10 millóns de dólares.[1]

O tesouro componse de 1.373 moedas de 20 dólares, 50 moedas de dez dólares e catro moedas de 5 dólares, todas elas datadas entre 1847 e 1894. Trátase do maior achado coñecido de moedas de ouro soterradas recuperado nos Estados Unidos.[1]

Achado e escavación[editar | editar a fonte]

Un dos recipientes de lata oxidada que contiñan as moedas, na disposición en que foi achado.

O tesouro de Saddle Ridge foi descuberto en febreiro de 2013 nunha propiedade privada situada na metade occidental da rexión de Shasta Cascade, no norte de California. Por motivos de privacidade, non se revelou a localización exacta do achado; simplemente se confirmou que o terreo se atopa nunha zona de outeiros a uns 300 quilómetros do lugar onde se produciu a Febre do Ouro de 1849. Desde 2014, a parella que descubriu o tesouro optou por ficar no anonimato. Coñecidos apenas como John e Mary, esta parella vivira na propiedade rústica durante varios anos e non coñece quen soterrou as moedas.[2] Malia non ser xa parella nin residir naquela propiedade, seguen a manter a incógnita da súa identidade e tamén a localización e a historia dos terreos, co fin de evitar que os buscadores de tesouros entren na propiedade na procura de máis ouro.[3][4]

As moedas dentro dun dos oito recipientes, tal e como foron achadas.

A aparición foi casual e produciuse cando John e Mary paseaban o seu can. Aínda que xa percorreran ese mesmo camiño en numerosas ocasións, non repararan ata entón nunha lata oxidada que acabou por chamarlles a atención, polo que decidiron examinala.[4][5]

Antes de atopar o tesouro, a parella xa observara algunhas características singulares naquela zona. Lembraban ter visto unha vella lata nunha árbore que debía levar tanto tempo alí como para ser semiabsorvida pola árbore no seu crecemento. Tamén observaran na zona unha rocha sobresaliente cunha estraña forma dentada, que alcumaron Saddle Ridge. Logo de acharen o tesouro, decatáronse de que probablemente se tratase de marcadores do lugar, colocados polos propietarios orixinais. O tesouro estaba a dez pasos da rocha dentada, en dirección á Estrela Polar.[6]

Dous dos tubos de lata que contiñan as moedas, xunto coas súas tapas.

Cando Mary se fixou no recipiente de lata oxidada, John agachouse para o recoller e decatouse de que estaba incrustado na terra. Entón comezou a facer panca cun anaco de madeira, e conseguiron extraelo. Cando regresaban á casa co recipiente, con dificultade por mor do seu peso, a tapa abriuse de xeito que podía albiscarse unha moeda aparentemente de ouro. Entón volveron ao lugar con algunhas ferramentas, para ver se achaban algo máis, e localizaron un segundo recipiente de lata moi descomposto pola ferruxe, que contiña varias moedas máis. Seguiron volvendo ao lugar na procura de máis moedas, escavando no chan, e finalmente, utilizando un detector de metais, chegaron a descubrir un total de oito recipientes que contiñan 1.427 moedas.[6]

Logo da descuberta, a parella protexeu o seu achado escondéndoo dentro dunha neveira vella, que ocultaron debaixo dunha morea de madeira. Tras unha investigación inicial, puxéronse en contacto coa compañía numismática Kagin's de Tiburon, California, que se fixo cargo da representación dos intereses dos propietarios.[4][6]

Autenticación e valoración[editar | editar a fonte]

O numismático David J. McCarthy, da compañía Kagin's, levou a cabo a avaliación inicial das moedas e salientou a importancia do achado.[5] Antes da descuberta do tesouro, os traballadores municipais de Jackson, Tennessee, descubriran en 1985 a maior colección de moedas de ouro soterrada nos Estados Unidos, que tiña valor nominal de 4.500 dólares e que se vendera posteriormente por preto dun millón de dólares do momento.[7] Neste caso, o valor nominal das moedas do tesouro de Saddle Ridge foi de 27.980 dólares.[8] O descubrimento formulou interesantes cuestións sobre a responsabilidade fiscal dos seus descubridores, debido á normativa do Departamento do Tesouro estadounidense, que establece que "un tesouro agochado, na medida do seu valor en moeda dos Estados Unidos, constitúe un ingreso bruto para o exercicio fiscal en que se reduce a posesión indiscutible".[9][10]

Logo da avaliación inicial, McCarthy e Kagin's foron contratados para conservar o material. A continuación, Kagin's púxose en contacto coa compañía certificadora Professional Coin Grading Service (PCGS), de Irvine, California, para realizar unha autenticación independente. Despois da súa análise, PCGS informou de que moitas das moedas recuperadas estaban en perfecto estado de conservación e, ademais, declarou que algunhas eran tan escasas que poderían chegar a valer arredor dun millón de dólares cada unha.[3] A clasificación e a certificación final das moedas revelou que máis dunha ducia delas son as mellor conservadas das coñecidas, ou están empatadas coas mellor conservadas.[5]

Moeda de 10 dólares de 1886 da Ceca de San Francisco, disposta nunha cápsula certificada por PCGS.

Pezas máis sobranceiras[editar | editar a fonte]

Consonte a clasificación de PCGS, as moedas máis salientables do achado foron as seguintes:[5]

  • 20 dólares. 1866. Ceca de San Francisco (sen lema). Valorada en arredor dun millón de dólares.[11]
  • 20 dólares. 1866. Ceca de San Francisco (sen lema). Estado MS62+ (a mellor coñecida).
  • 20 dólares. 1877. Ceca de San Francisco. Estado MS65 (empatada coa mellor coñecida)
  • 20 dólares. 1888. Ceca de San Francisco. Catro exemplares. Estado MS64 (empatadas coa mellor coñecida).
  • 20 dólares. 1889. Ceca de San Francisco. Dous exemplares. Estado MS65 (empatadas coa mellor coñecida).
  • 20 dólares. 1894. Ceca de San Francisco. Estado. MS65 (empatada coa mellor coñecida).

Teorías sobre a orixe do tesouro[editar | editar a fonte]

Ao pouco de se coñecer o achado das moedas, especulouse amplamente coa posibilidade de que o tesouro estivese relacionado co roubo de 30.000 dólares da época cometido en 1901 na Ceca de San Francisco polo empregado Walter Dimmick.[12] Con todo, tanto a compañía Kagin's como a Casa da Moeda dos Estados Unidos descartaron tal hipótese, por mor da diversidade do valor nominal e o estado das moedas.[13] O 4 de marzo de 2014, responsables da US Mint declararon ao respecto que "non hai información ningunha que vincule as moedas do Tesouro de Saddle Ridge con ningún roubo en ningunha instalación da Casa da Moeda dos Estados Unidos".[14] Nas súas palabras: "fixemos un pouco de investigación, e temos un equipo de avogados de primeira, e créanme, se isto fose propiedade do Goberno dos Estados Unidos estariamos indo tras el".[14]

Outras teorías descartadas sostiñan que se trataba dun alixo de ouro soterrado por Jesse James, ou dun botín subtraído por Black Bart, coñecido por asaltar dilixencias.[15][16] Tamén se propuxo a teoría de que o ouro formase parte dun tesouro presumiblemente agochado pola sociedade secreta dos Cabaleiros do Círculo Dourado, que se utilizaría para financiar unha segunda guerra civil.[17]

A teoría predominante atribúe o alixo a un individuo descoñecido que decidiu soterrar as moedas no canto de confiar nos bancos para protexer a súa riqueza. Aínda que a parella que atopou as moedas permaneceu no anonimato e non se revelou o lugar exacto do achado, varias persoas intentaron reclamar as moedas ou unha parte dos beneficios, afirmando que o diñeiro pertencía a un dos seus antepasados.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Fagan, K. (2014). "Gold Country couple discover $10 million in buried coins". En SF Gate. 26 de maio.
  2. Walker, T. (2014). "Couple finds $10million in gold coins while walking their dog". En The Independent. 26 de febreiro.
  3. 3,0 3,1 Whitcomb, D. (2014). "California couple finds $10 million in buried treasure while walking dog". En Reuters. 26 de febreiro.
  4. 4,0 4,1 4,2 "Calif. couple strike $10 million gold-coin bonanza". En CNBC.com. 25 de febreiro de 2014.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "PCGS Certifies $10+ Million Gold Coins Treasure For Kagin's Inc.". Professional Coin Grading Services (PCGS.com). 25 de febreiro de 2014.
  6. 6,0 6,1 6,2 "Interview". Saddleridgehoard.com
  7. Winter, D. (2006). Gold Coins of the New Orleans Mint: 1839-1909, Zyrus Press. Páxina 163. ISBN 978-0974237169
  8. "Buried Treasure of 1427 US Gold Coins Certified by PCGS For Kagins Inc". En Coin Week (Coinweek.com). 25 de febreiro de 2014.
  9. "26 CFR § 1.61-14 - Miscellaneous items of gross income". Cornell Law School (Law.cornell.edu).
  10. Morris, M. Cheng, C.; Crumbley. L. "The Saddle Ridge Gold Coin Discovery: How the IRS Should Tax U.S. Currency Under the Treasure Trove Regulation". En Houston Business and Tax Law Journal. Vol. 17. Nº 2. Páxinas 120-145.
  11. Schaefer, S.; Vives, R. (2014). "'Miraculous coin' in gold country cache could bring $1 million". En Los Angeles Times (Latimes.com). 26 de febreiro.
  12. "$10M Gold Coin Hoard Found in Yard May Have Been Stolen From Mint". En ABCnews.go.com. 4 de marzo de 2014.
  13. Connor, T. (2014). "Bunch of bullion: Dealer says gold coin hoard not from heist". En CNBC.com. 4 de marzo.
  14. 14,0 14,1 Ford, D.; Payne, E. (2014). "Could century-old theft explain mystery of gold coins?". En CNN (CNN.com). 26 de febreiro.
  15. Rogers, J. (2014). "California gold discovery spurs rush of theories", En The San Diego Union-Tribune. 4 de marzo de 2014.
  16. 16,0 16,1 Fagan, K. (2014). "Black Bart? Jesse James? Who hid $10 million worth of gold?". En SF Gate (Sfgate.com). 28 de febreiro.
  17. Schaefer, S. (2014). "Gold coins found by California couple unlikely stolen from U.S. Mint". En Los Angeles Times (Latimes.com). 4 de marzo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]