Soprano coloratura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha soprano coloratura (en italiano soprano d'agilitá e en alemán Koloratursopran) é un tipo de voz de soprano especializada en música con pasaxes rápidos e saltos áxiles, nun estilo ornamentado ou con embelecementos elaborados, incluídas as pasaxes rápidas de escalas e os trilos, sexan escritas ou improvisadas.[1] O termo coloratura refírese ás elaboradas ornamentacións dunha melodía, que é un compoñente típico da música escrita para esta voz. Dentro da categoría coloratura, existen roles escritos especificamente para voces lixeiras coñecidas como soprano lírica de coloratura e outros para voces grandes coñecidas como soprano dramática de coloratura, así como outros roles que poden ser cantados por calquera das dúas.

Descrición[editar | editar a fonte]

A soprano coloratura é unha voz de moita axilidade, que adoita ter unha tesitura bastante exposta e xeralmente con capacidade para manexar o rexistro de asubío. No sentido estrito, o termo coloratura non se restrinxe a describir ningunha gama da voz. Dependendo da tesitura e cor da voz da soprano, as cantantes e os roles de coloratura pódense dividir en dous grupos. Polo que dentro da clasificación de matices vocais, a soprano de coloratura pode ser unha soprano lixeira, lírica, lírica lixeira ou dramática de coloratura.

Soprano lírica de coloratura[editar | editar a fonte]

Unha voz moi lixeira e áxil cun rexistro agudo moi amplo (aproximadamente dun Do4 a un Fa6 segundo o índice acústico científico) e con capacidade para unha rápida coloratura vocal. Este tipo de cantantes ás veces son denominadas soprano leggero se o seu timbre vocal ten un matiz máis cálido. A soprano leggero é tamén moi típica, mais non chega tan agudo como as outras coloraturas, chegando ata un Mi6.[2] Os papeis de bel canto eran escritos xeralmente para esta voz, e unha gran variedade de compositores escribiron tamén partes para coloratura. Na música barroca, música antiga e ópera barroca hai moitos papeis para esta voz.[3]

Sopranos líricas de coloratura[editar | editar a fonte]

     

Papeis para soprano lírica de coloratura[3][editar | editar a fonte]

     

Soprano dramática de coloratura[editar | editar a fonte]

Unha soprano coloratura con gran flexibilidade nas pasaxes de velocidade no rexistro agudo, mais cun gran poder sustentador comparable ao dunha soprano spinto completa ou dramática. As dramáticas de coloratura teñen un rango aproximado de entre un Si3 e un Fa6. Varios papeis de soprano dramática de coloratura teñen diferentes esixencias vocais para as cantantes - por exemplo, a voz capaz de cantar o papel de Abigail en Nabucco (Verdi) é pouco probable que poida cantar o papel de Lucia en Lucia di Lammermoor (Donizetti), mais un factor en común é que a voz debe ser capaz de transmitir a intensidade dramática, así como a flexibilidade. Os papeis escritos especificamente para este tipo de voz inclúen os papeis femininos máis dramáticos de Mozart, o bel canto e os nas primeiras óperas de Verdi.[4] Este rexistro vocal non é moi común, no que se precisan dunhas grosas cordas vocais para producir as notas longas e dramáticas, o que xeralmente diminúe a flexibilidade e as capacidades acrobáticas da voz. O exemplo máis significativo e destacado de soprano dramática de coloratura é Maria Callas, que foi quen de revivir moitos dos papeis esquecidos do repertorio de belcanto cun préstamo da técnica dos castrati (onde a liña vocal mantense cunha intensidade case luminosa) xunto co inmenso poder (ela comezou interpretando papeis do repertorio wagneriano) e as habilidades interpretativas que nunca chegaron a ser igualadas. Callas foi e segue a ser unha das máis significativas e expresivas artistas dramáticas musicais do século XX.

Sopranos dramáticas de coloratura[editar | editar a fonte]

     

Papeis para soprano dramática de coloratura[3][editar | editar a fonte]

     

Soprano sfogato[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Soprano sfogato.

Algunhas sopranos de coloratura rara vez son capaces de cantar con gran facilidade por riba do Fa6. Tales coloraturas ás veces son denominadas sopranos sfogato.[5] Tanto as coloraturas líricas como as dramáticas poden ser sopranos sfogato. Non obstante, unha das características definitorias do son sfogato é unha extensión superior lixera e doada por riba do Fa6; polo que é máis infrecuente que unha cantante cun timbre máis escuro ou máis groso sexa considerada unha soprano sfogato.[6]

Entre os exemplos clásicos de soprano sfogato inclúense Mado Robin, Lily Pons, Toti Dal Monte e Amelita Galli-Curci. Algúns estudosos chegaron a especular que María Callas pertencía a este tipo de sopranos. Porén, esta opinión non é ámplamente sostida, xa que Callas posuía unha calidade vocal máis escura do que normalmente se considera típico nunha soprano sfogato.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «Las sopranos de coloratura» en Clasica2.com (consultado o 19-11-2012).
  2. Dolmetsch Online - Music Dictionary Vm - Vz
  3. 3,0 3,1 3,2 Boldrey (1994),Guide to Operatic Roles and Arias
  4. Coffin (1960)
  5. Apel, 1969.
  6. «Sf - Si: Sfogato» en Diccionario de Música en liña Dolmetsch (consultado o 19-11-2012).
  7. «Voice Categories» Arquivado 07 de outubro de 2008 en Wayback Machine. en VoxMentor (consultado el 19-11-2012).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boldrey, Richard (1994). Guide to Operatic Roles and Arias. Caldwell Publishing Company. ISBN 978-1-877761-64-5. 
  • Boldrey, Richard; Robert Caldwell, Werner Singer, Joan Wall and Roger Pines (1992). Singer's Edition (Light Lyric Soprano): Operatic Arias - Light Lyric Soprano. Caldwell Publishing Company. ISBN 978-1-877761-02-7. 
  • Boldrey, Richard; Robert Caldwell, Werner Singer, Joan Wall and Roger Pines (1992). Singer's Edition (Soubrette): Operatic Arias - Soubrette. Caldwell Publishing Company. ISBN 978-1-877761-03-4. 
  • Coffin, Berton (1960). Coloratura, Lyric and Dramatic Soprano, Vol. 1. Rowman & Littlefield Publishers, Inc. ISBN 978-0-8108-0188-2. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]