Software libre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Software Libre")
Mapa conceptual do software libre.

Software libre é a denominación que recibe un tipo de software cuxos desenvolvedores fornecen aos usuarios unha serie de liberdades mínimas mediante o uso de certas licenzas.

Orixe[editar | editar a fonte]

A orixe do software libre comeza case no principio da informática, cando os programadores intercambiaban libremente as súas ideas, consellos e código fonte. Pouco a pouco, isto foise reducindo segundo as empresas (e ás veces as propias universidades) poñían obstáculos neste libre intercambio de coñecementos, empregando as leis de propiedade intelectual e de patentes para isto.

A idea moderna de software libre comezou despois de que, en 1983, Richard Stallman fundase o proxecto GNU e, nos seguintes anos, fose formulando diversos conceptos ideolóxicos e filosóficos, como as catro liberdades.

As catro liberdades[editar | editar a fonte]

Richard Stallman, ideólogo do concepto de "software libre".

Segundo a Free Software Foundation, o software libre está formado por aqueles programas que teñen unha licenza que dá a todos aqueles que reciban unha copia do programa as seguintes liberdades:

  • liberdade para executar o programa, con calquera propósito;
  • liberdade para estudar o seu funcionamento e adaptalo ás necesidades do usuario -para que isto se poida cumprir, debe garantirse o acceso ao código fonte do programa-;
  • liberdade para redistribuír copias do programa;
  • e liberdade para distribuír copias da versión modificada do programa -para que isto se poida cumprir, de novo debe garantirse o acceso ao código fonte do programa-.

Cómpre ter en conta que, se ben o software libre adoita ser asemade gratuíto, isto non ten por que ser así en todos os casos. Ademais dos cobros por servizos (mantemento de sistemas e desenvolvemento, por exemplo), é posible cobrar por copias de software libre, sempre e cando se aseguren as catro liberdades antes enumeradas.

Licenzas[editar | editar a fonte]

Richard Stallman considerou que para cumprir de xeito efectivo o obxectivo do proxecto GNU, dar liberdade aos usuarios, era necesario que o software libre se mantivese libre e non se convertese en software privativo. Por iso ideou o concepto de copyleft, que consiste en que todos ou parte dos termos da licenza dun produto se apliquen tamén aos produtos derivados do produto orixinal.

Creouse con este propósito a GNU GPL, que é a licenza que usa a meirande parte do software do sistema GNU. Tamén hai actualmente outras dúas semellantes, cun propósito específico: a LGPL, algo menos restritiva que a GPL, e maila GNU FDL, para usar coa documentación. Estas dúas son simplemente adaptacións para casos especiais ou partes do software que non son código.

Hai actualmente moitísimo software baixo a licenza GPL que non foi desenvolvido polo proxecto GNU. Asemade, hai moitas licenzas, tanto de software coma doutro tipo de contidos dixitais, que se basearon nas licenzas do proxecto GNU e nos seus piares (as catro liberdades e o copyleft).

Hai tamén moita xente que ten problemas filosóficos co concepto de copyleft, xa que consideran que limita a liberdade do usuario dun xeito inaceptable. Consideran que o usuario debería ter dereito de distribuír versións modificadas dun programa libre sen lle dar os mesmos dereitos aos que reciban esas copias.

Os exemplos máis clásicos de licenzas construídas baixo esa filosofía son a licenza BSD e a licenza MIT.

FLOSS[editar | editar a fonte]

O termo free software ("software libre") resulta ambiguo en inglés, posto que a palabra free pode significar tanto "libre" coma "gratuíto", e se ben adoita ser o caso, o software libre non ten por que ser gratuíto. Como o inglés é a lingua común internacionalmente, e en especial no mundo da informática, algunha xente comezou a referirse ao software libre coma software de código aberto (open source software).

A diferencia do software de código aberto respecto do software libre consiste en que o software de código aberto substitúe as catro liberdades por unha única condición: o código fonte debe ser accesible para o usuario. Isto significa que o resto de liberdades déixanse a elección do desenvolvedor, quen pode elixir ou non fornecelas. Isto significa que todo o software libre é de código aberto, pero non todo o software de código aberto é libre.

Por isto, estoutra denominación tampouco resultou válida para o software libre, pois podía confundirse co software de código aberto que non cumpre as catro liberdades. Isto deu lugar a que algúns comezasen a refírese ao software libre coma FLOSS (Free Libre Open Sorce Software), unha forma que fai referencia sen lugar a dúbidas ao concepto de "software libre".

Cómpre ter en conta que esta non é a única alternativa que asegura a comprensión do concepto de "software libre" en inglés. Tamén existe o termo FOSS (Free Open Source Software), e mesmo hai quen adoptou a palabra castelá "libre" para o inglés, e comezou a referirse ao software libre coma libre software en vez de free software.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]